Recente descubrimento micolóxico nos visita no Barbanza este outono

Este é o aspecto do cogomelo unha vez lavado de terra.
Despois dun obrigado paréntesis de comezo de ano, volvemos á carga cunha curiosidade micolóxica que a pasada tempada apareceu pola nosa zona. Resulta que este outono tivemos a fotuna de atoparnos con un cogomelo ben raro, tanto, como que se describiu esta especie por vez primeira no ano 2006. Pero non poñamos o carro diante dos bois, que diría o mestre Yoda. A historia de hoxe é unha desas historias nas que a fortuna micolóxica te agasalla con algún novo, curioso e fermoso cogomelo que  non esperabas atopar. Por iso queremos comezar este ano compartindo con vos este achado. Así que, ¿como era aquilo? Ah, si: Érase unha vez no Reino Fungi...

Lugar do achado
Nunha saída no entorno da Pedra das cabras (un coñecido petroglifo da zona) en Ribeira, na que me acompañaba o amigo e socio Fernando Quintela, chamounos a atención como preto do monumento un dos últimos temporáis tirara ó chan un vello piñeiro que xa levaba morto varios anos. Nunca naquel piñeiro atopáramos máis que os puntuáis exemplares de Gymnopilus junionus ou algún mixomiceto na súa corteza, como Enteridium lycoperdon. A árbore está á beira dun camiño e moi á vista, moi próximo tamén ó famoso petroglifo. Así que estaba ben "controlada", era unha vella coñecida. Sen embargo, nunca vimos nada raro, micolóxicamente falando, alí.

Neste estado atopamos os cogomelos
Pero ó achegarnos á árbore caída a fedellar nos atopamos cun curioso cogomelo, xa algo pasado e mofoso, que medraba xusto na base do tronco que quedaba baixo terra cando se erguía en pé, aínda que a maior sorpresa chegou ó asomarnos ó furado que deixara a árbore e atoparnos con dúas fructificacións en bo estado e cubertas de terra de algo que nun primeiro momento só puidemos achegar ó xénero sparassis como opción máis probable. Á dereita podedes ver ó estado no que se atoparon. Na imaxe que abre o artigo o cogomelo xa fora lavado da terra no regato ó carón do cal medraba.

Outra frutificación atopada máis tarde
Efectivamente, era unha sparassis. Afortunadamente este xénero non é moi numeroso e comprobando unha a unha as especies, só era cuestión de tempo atoparnos ca identidade do noso novo amigo. Tratábase, como puidemos comprobar máis tarde, dunha nova especie galega descrita en 2006 e que se convertiu na oitava especie do xénero no mundo: Sparassis miniensis Blanco-Dios & Zheng Wang (o de miniensis fai referencia ó lugar onde se atopou, nas ribeiras do río Miño preto de Salceda de Caselas, nun piñeiral de Pinus pinaster). A imaxe da esquerda corresponde a oitro exemplar atopado no mesmo lugar unhas semanas despóis, aínda que como vedes desafortunadamente chegamos un pouquiño tarde para collelo en todo o seu esplendor.

Exemplar atopado en Rianxo
Pero este outono non só apareceu en Ribeira, non vaiades a pensar; dende Rianxo nos chegou da man do socio Anxo Vela Ces outro exemplar de Sparassis miniensis, que podedes ver na imaxe do lado en todo o seu esplendor de noviño. De outro exemplar todavía maior e atopado en Boiro nos queda a dúbida pois non puidemos chegar a examinalo, pero as imaxes apuntaban claramente a Sparassis miniensis tamén.

Pero botemos un ollo á descripción desta fermosa especie, ¿vos parece?

DESCRIPCIÓN

Detalle da base do "pé"
Corpo frutífero: 110-180 x 140-210 mm. Composto por un grupo disperso de ramificacións que emerxen dunha base central pouco desenvolta (hasta 80 x 35mm) de laranxa a rosa purpúra.
As ramificacións teñen ata 10 cm de ancho e 2 milímetros de espesor. Fráxiles, dispersas, ca marxe profundamente irregular e laciniada, cun aspecto que lembra ós pétalos dos clavéis, pero de maneira máis acusada (coma se tivesen flecos). Superficie sutilmente pruinosa ou glabra, zonada (hai que fixarse ben, a coloración é moi suave), branquecina e crema-ocrácea ó envellecer.

Detalle da marxe das ramificacións
Himenio: Liso, branco grisáceo.

Carne: Suave, concolora co carpóforo, lixeiramente flexible. Olor agrdable e lixeirmente doce. Carne amarga ou de sabor lixeiramente fúnxico.


Hábitat: Sobre madeira morta de piñeiros. Posiblemente parásito ocasional coma algún dos compañeiros de xénero.

Observacións:  Sparassis miniensis é morfolóxicamente distinguible de oitras especies de sparassis atendendo ós seguintes caracteres macroscópicos, lembrade: ramificacións dispersas, sen pé central ben definido e fortemente laciniadas, xunto cunha coloración na base das ramificacións entre laranxa a rosa-púrpura.

Como curiosidade, comentarvos que recentes estudios moleculares centrados sobre a filoxenética (o estudo das relacións de proximidade evolutiva entre especies) sobre o xénero sparassis o situan  moi próximo a dous coñecidos poliporales como son Laetiporus sulphureus e Phaeolus schweinitzii, que morfoloxicamente pouco ou nada teñen que ver entre sí; curiosidades da evolución...
Ler máis...

Unha solución ós problemas de vivenda nas fragas

Hoxe imos co primeiro video fúnxico do ano. Desta vez, asistiremos á curiosa solución que un grupo de formigas dan ó problema da falta de vivenda nas fragas, solución que, por suposto, involucra a algún que oitro cogomelo. Botade un ollo ó video, que é un fragmento do documental "El reino del bosque", e logo comentamos...



Está claro que o que queda sen casa, e porque quere, aínda que a casa non vaia a durar moito. Neste caso os "ocupas" parece que atoparon nun exemplar de Mitrophora semilibera (ou Morchella semilibera, que é un sinónimo, aínda que no documental no se fai referencia á especie) o lugar ideal para resgardarse do frío e non sabemos se tamén para alimentarse, aínda que sería un desperdicio non botarlle o dente tendoo tan a man. ¿Vos imaxinades vivir dentro dun boletus edulis? Mamma mía!! Ventaxas que ten ser fomiga... Ler máis...

O vixilante da praia (non, non é David Hasselhoff)

Sinónimo: Lycoperdon mammosum, Tulostoma mammosum
 Tulostoma brumale Pers.
Ca chegada do frío non remata a presencia dos fungos nos nosos ecosistemas. Ó contrario, unha gran cantidade de especies esperan ás rebaixas de xaneiro para atopar o seu momento idóneo para frutificar. É o momento das pezizas e das helvellas (que ultimamente están que escachan) e, como xa adiantamos, dos cogomelos que gustan dos ecosistemas dunares, como o protagonista de hoxe, un curioso gasteral saprófito, Tulostoma brumale. De feito, brumale provén do latín e significa invernal.

Os tulostomas pertencen ó grupo dos gasterales. Lembremos que os gasterales son un grupo de cogomelos que no lugar de producir externamente as súas esporas (como os cogomelos con lamelas) o fan no interior dun receptáculo xeralmente de forma globosa que posúe algún orificio ou se abre na madurez liberando as mesmas. Os xeralmente chamados peidos de lobo son un exemplo deste tipo de cogomelos. Así que dalgunha maneira podemos dicir que Tulostoma brumale é un curioso peido de lobo que posúe un longo pé. ¿Situados? Ben.

Este cogomelo abunda moito nos ecosistemas costeiros da nosa comunidade, pero precisamente o seu hábitat misturado co pequeno tamaño fan deste cogomelo un individuo ben difícil de ver para a maioría de afecionados. Pero para iso estamos nós, para amosárvolo na vosa casa e animarvos a buscalo vos mesmos. ¿Botamos un ollo á descripción entón?

DESCRIPCIÓN

Corpo frutífero: 0,5-1,5 cm de ancho por 2-5 cm de alto. Cunha cabeza globosa algo esmagada polos polos e cun peristoma apical de forma tubiforme que se abre cando madura para deixar sair o esporal. O peridio é de cor crema sucia e máis tarde vólvese gris cinza, cunha mancha ocre apardazada que rodea o peristoma.

Pé: Liso, longo, cilíndrico, delgado, bulboso, moi enterrado e de consistencia fibrosa. De cor marrón clara. Na imaxe da dereita se aprecia millor a lonxitude do pé, que normalmente está medio soterrado polo manto de brións.

Gleba: Atópase encerrada dentro do peridio, liberándose ó madurar.


Zona dunar na praia de Espiñeirido
Hábitat: atópase en zonas areosas, prados de terreo calcáreo, e sobre todo en dunas marítimas. Cree en grupos de numerosos individuos. Ourtono tardío e principios de inverno. Pouco frecuente, pero moi abundante alí onde crece. Á esquerda podedes ver o aspecto do hábitat no que se desenvolve este cogomelo, nuhna vista dende o alto dunha das dunas preto da praia de Espiñeirido.


Medrando en grupos numerosos
Observacións: Pódese confundir con oitros membros do xénero, todos eles moi semellantes. A principal característica é o peristoma tubular (a zona que rodea o buratiño, o ostíolo, no peridio) manchado de cor parda ocrácea. Tulostoma fimbriatum  ten o peristoma fimbriado (os bordes do ostíolo son irregulares, como con flecos).

Bueno, aquí vos queda un cogomelo ben curioso, invernal coma o frío,  e amigo da praia, así que se tedes a sorte de poder regalarvos un paseo pola costa estes días, non deixedes de botar un ollo entre os brións porque alí, pasando desapercibidos entre a area e as cunchas, se encontran os vixilantes da praia.

Proximamente veremos máis amigos da praia, estade atentos. Ata entón, vémonos ó soliño entre as dunas e brións...
Ler máis...

Quiquín nos trae... ¡Licor de Boletus!

Os reis magos tamén vos trouxeron algo este ano en Refungando. Unha deliciosa receita para elaborar unha bebida espirituosa digna dos padales máis micolóxicos que concentra todo o sabor do monte e fungos en cada grolo. Palabrita de neno Xesús.

O rei mago responsable desta fórmula máxica é Joaquín Millán Miranda (aka Quiquín), autoproclamado Marqués da Barreira, propietario do restaurante O Carreiro (en vías de traslado dende Aguiño a Ribeira) e responsable tamén das máis suculentas e opíparas enchentas micolóxicas que moitos de nós lembramos e protagonizamos no seu local. Ahí o tedes, co seu fillo en brazos para este ano que entra. Do anterior, non sen moito traballo e sudor, demos boa conta entre compañeiros e amigos de Refungando. Que viva o licor de Boletus Edulis.

Así que se vir a Ribeira a catar esta ambrosía non é unha opción para ti, quizáis si o sexa facelo ti mesmo. ¿Que como? Pois a cousa vai tal que así...
Ingredintes para 5L (Tarro Tamano Obelix) de Licor de Boletus:

  • 1 L agua
  • 1 Kg azúcar
  • 4 Kg boletus
  • 3 L augardente
- Facemos un almíbar xuntando a auga  e o azúcar ata acadar a espesura adecuada, de hebra grosa, que lle chaman os entendidos, isto é: ten que acadar unha espesura tal que ó mollar os dedos nel, xuntalos e separalos, débese formar unha hebra ben ancha e consistente entre eles. Tal que así.

-Confitar os boletus enteiros no almíbar (sen tapar). O confitado é unha cocción a baixa temperatura, así que coceremos o boletus no almíbar sen deixar que este ferva durante 30 a 40 minutos.

-Engadimos á augardente 1,5 L aproximadamente do almíbar resultante da cocción dos boletus.

-Deixar repousar un mínimo de 6 meses.

-Beber con moderación. Sen presa pero sen pausa.

Por suposto, lembrade que cando se acabe, que se acabará, o licor, os boletus enchoupados son valiosísimos ingredintes na nosa cociña que nos pode axudar a preparar suculentos pratos. ¡Todo se aproveita!

Xa nos contaredes, ¡saúde! ¡hip!... ¡hip hip!
Ler máis...

¡Nova especie de fungo en Galicia!: Asterophora salvaterrensis

Asterophora salvaterrensis Blanco-Dios - Fotografías: Amancio Castro
Ou yeah!, que diría Duffman. O novo achado made in Galicia se acaba de publicar no número 118 de Outubro-Decembro da revista Mycotaxon deste ano e, o protagonista, amén dos minúsculos e curiosos cogomelo que abren o artigo, é, por non variar, Jaime Blanco Dios, aka o "descubridor de setas ignoradas", e que xa coñeceredes se nos seguides a miúdo dalgún que oitro descubrimento coma a recente Arrhenia salvorana. Esta nova especie que nos trae o Nadal como remate de ano, e que se converte na cuarta descuberta dentro do xénero asterophora no mundo mundial, foi atopada en Leirado, Salvaterra de Miño (Pontevedra), e bautizada en consecuencia Asterophora salvaterrensis.

O xénero asterophora está formado por tres, ups!, catro especies de cogomelos parasíticos dos xéneros russula e lactarius e que medran sobre os carpóforos dalgunhas das especies destes. O noso cogomelo medraba sobre un exemplar podre de Russula nigricans que compartía con oitras especies de asterosphora (e que veremos proximamente noitro artigo), nun piñeiral de Pinus pinaster. Mención especial, polo tanto, para a visión de Jaime Blanco, quen foi quen de dar con este minúsculo cogomelo que, para máis inri, se misturaba con carpóforos doitras dúas especies de maior tamano facendo todavía máis difícil o chamar a atención ó tentar así pasar desapercibido. Bo ollo, meu.

Imos entón ca descripción deste pequeno gran descobremento. Pinchade abaixo en ler máis para seguirlle os pasos.

DESCRIPCIÓN

Sombreiro: de 0.5 - 4 mm de diámetro, plano-convexo ou aplanado co centro deprimido. Marxe primeiro involuta, logo moi ondulada. Zonado, marrón no disco e marrón verdoso ou ocre-marrón no resto, co marxe abracazado. Ennegrece coa idade ou coa manipulación.

Lamelas: Decurrentes, espaciadas, non bifurcadas, completamente furfuráceas de cor gris pálido ou gris. Aresta concolor, obtusa e sen lamélulas.

Pé: 1.5-10 x 0.5 - 1.5 mm. Central, uniforme ou lixeiramente máis amplo ou atenuado no ápice. Cheo. Completamente furfuráceo sobre fondo de cor marrón ou marrón negruzca.

Carne: Moi delgada, negra cando é exposta, finalmente de marrón a ocre. Sen olor nen sabor distintivos.

Hábitat: Sobre exemplar de Russula nigricans en piñeiral de Pinus pinaster.


Oitro novo segredo micolóxico da nosa terra desvelado. ¿Cantos máis esperan aínda ser achados? ¿E ó carón de cantos destes cogomelos pasariamos sen prestarlles sequera atención? ¿Cantos deles teriamos nas nosas mans para logo delvolver ó chan encollendo os ombros? A micoloxía é así, que diría un futbolista. Pensádeo un intre, mentres lle dicimos a Jaime dende aquí: ¡Noraboa polo achado!  
En fin, nos vemos estos días polas zonas de dunas da costa. Agora é o que se leva. Por suposto, andaremos refungando entre a area, e xa vos traeremos algún amiguiño da praia. Pero antes de que acabe o ano aínda quedan algunhas balas na recámara. Atentos.

Ler máis...
Autor do debuxo: Kir-Tat
Ler máis...

Imaxe interactiva en 360º: Nas fragas de Flojstrup

Se levades con nos o suficiente lembraredes que hai algún tempo xa compartimos con vos unha das impresionantes imaxes en 360º (click aquí para volver a vela) creadas por Flemming V. Larsen cos cogomelos como protagonistas. Hoxe repetimos menú.

A imaxe (ou debería dicir, imaxes, pois a panorámica virtual está composta por varias tomas) está tomada nas Fragas de Aarhus, en Dinamarca, nun lugar especialmente superpoblado da fraga, e no que varias especies de cogomelos buscan refuxio á sombra dunha árbore. En poucos metros cadrados poderedes observar varios exemplares de Amanita pantherina, un boletus con toda a pinta de aestivalis, oitro boletus (¿torossus?, aceptamos suxerencias...), dúas especies de russulas e un amiguiño que se agocha xusto ó pé do árbore e que podería ser... sabe Dios.

Xa sabedes como vai isto, só tedes que facer click en calquera punto da imaxe e mover o rato para "movernos" pola escea, como se estivésemos alí mesmo. Comprobádeo vos mesmos. ¡A disfrutala!


Varios cogomelos nas fragas de Flojstrup in Aarhus Ler máis...

A mensaxeira do inverno xa está aquí

Flammulina velutipes
Cando comezan a baixar as temperaturas e o outono comeza a chegar ó seu fin, é o momento adecuado para disfrutar das fermosísimas fructificacións de Flammulina velutipes (velutipes significa "pé aterciopelado", por razóns obvias) que aparece como heraldo dun inverno que está próximo para o seu reinado. Este cogomelo gusta das baixas temperaturas, chegando a aparecer todavía ó final da esatción fría e soportando incluso xeadas sen inmutarse. Todo un supervivinte.

Ademáis, seguro que xa vos deacatastes, este é un cogomelo verdadeiramente fermoso: os seus tons de vivas cores, o seu pé suavemente afeltrado e a súa sobria e elegante coloración  fan das apertadas fructificacións de Flammulina velutipes unha seria candidata a algunha das vosas máis impresionantes fotografías. E si, a pregunta que a case todos se vos pasa pola cabeza cando coñecedes un novo cogomelo, se come.

Imos ver de seguido que máis sorpresas nos garda este cogomelo de sinxela identificación e que frutifica agora mesmo nos nosos montes. ¿Imos aló?

DESCRIPCIÓN

Sombreiro: 2-8 cm de diámetro. Pouco carnoso, ó principio convexo, logo plano-convexo e ás veces de contorno irregular. Cor amarela, vermella alaranxada ou vermella sucia, máis clara na beira e máis oscura no centro. Superficie lisa e brillante, viscosa en tempo húmido. Marxe sutilmente estriada (hai que fixarse ben, a veces non se aprecia a simple vista) e translúcida.
 
Lamelas: Anchas, ventrudas, espazadas e pouco numerosas. De cor abrancazada amarelada e ocráce pálida na madurez.

Pé: Unha das claves da identificación deste cogomelo polas súas particularidades. Cartilaxinoso e tenaz, curto, curvado, cilíndrico, algo atenuado cara a abase e radicante. Amarelado na parte superiror, pardo escuro a pardo mouro na inferior, recuberto de pelos mouros curtos, máis concentrados  na base, que lle confiren ese aspecto tipicamente aveludado. Na imaxe da esquerda podedes observar pefectamente estes caracteres tan particulares.

Carne: Delgada e elástica. Branca amarelada. Olor pouco destacable e insípida.

Hábitat: Crece en grupos máis ou menos numerosos sobre tocos de diversas árbores planifolias. Frecuentemente en troncos de toxos mortos. Fináis de outono e inverno. Frecuente.


Fonte: Wikipedia, usuario Chris 73
Observacións: Como adiantamos antes Flammulina velutipes é comestible, aínda que seguro que non vo lo parecía. De feito existe unha forma comercial, por chamala dalgún modo, e que de seguro algúns xa vistes por ahí, baixo o nome de Enoki ou Enokitake (o seu nome xaponés), donde se cultiva dende hai xa 300 anos. O curioso do conto é que a forma cultivada non se asemella nada á forma silvestre. E se non, botade unha ollada á imaxe da dereita. ¿Quen diría que se trata do mesmo cogomelo? Pois si que o é.

A clave desta gran diferencia reside no método de cultivo. Flammulina velutipes cultívase normalmente en botellas de plástico en  lugares oscuros, provocando este ambiente o seu aspecto albino e o crecemento do pé maior do acostumado na súa búsqueda de luz e un sombreiro moito  menos desenvolto. Este cogomelo soe usarse moito en sopas e ensaladas.

Como última curiosidade comentar que Flammulina velutipes ten o privilexio de ser un dos poucos cogomelos en voar ó espacio. En 1993 un cultivo deste cogomelo partiu da Terra no Columbia para estudar como se manexaban os cogomelos ó medrar en ausencia de gravidade. O resultado foi que, en ausencia da mesma o fungo perde, como os humanos, a noción de arriba e abaixo, se desorienta, e os cogomelos medran en tódalas direccións. 


Seguiremos refungando en próximas entregas, estade atentos ós vosos monitores, porque o inverno sempre nos trae novos e interesantes cogomelos. É o momento no que un hábitat pouco visitados polos afecionados se enche de vida fúnxica: as dunas. E alí estaremos para contárvolo.
Ler máis...

O humor fúnxico de Davila: A expansión do eucalipto

Coma sempre Davila quita punta e saca un sorriso de temas que moitas veces non teñen ninguna gracia. Coma neste caso, ca expansión imparable deste parásito dos nosos montes e cancro da nosa fermosa terra, afeada e enferma polas incontables plantacións que cada vez se van ampliando máis.

Esta especie foránea atopou en Galicia un lugar co clima ideal para desenvolverse con soltura e rapidez, o que o fai expandirse de maneira incontrolada polos nosos montes e parques naturáis (o das Fragas do Eume é de pena e unha vergoña para nós como galegos) desprazando monte autóctono ca diversidade biolóxica que o acompana no proceso. Todo en aras de gañar catro pesos rápido.

Nunca perdades ocasión de arrincar un brote desta praga cando o teñades a man (home, non vos metades nunha plantación privada a facer estragos, ó fin e ó cabo cada un fai co seu o que quere). O eucalipto bo é o que está arrincado ou en Australia. Deseucalipta Galicia. Iso si que fai rir.

Eucalipto go home! Ler máis...

Charla-Exposición en Salceda de Caselas

Algúns, os menos novos (que non vellos), lembraredes a frase aquela de "¡No se vayan todavía, aún hay más!", do mítico Super Ratón. Pois iso, se pensabades que a activididade divulgativa micolóxica en Galicia xa rematara... ¡non vos vaiades todavía, aínda hai máis!

E hai máis en Salceda de Caselas esta fin de semana, o sábado 3 de decembro, ca celebración da charla-exposición organizada pola Asociación de Veciños de San Xurxo de Salcedad e Caselas e na que Óscar Requejo nos falará de "Os fungos e os seus ecosistemas".  O acto celebrarase na cafetería  do Centro Cultural San Xurxo de Salceda a partir das 17:30.

Se pensades que coñecedes algo dos ecosistemas fúnxicos, pensádeo oitra vez e esperade a oir a Óscar. Vos sorprenderedes dos lugares que poden chegar a colonizar, cómo o seu hábitat está estreitamente ligado á súa alimentación e co retortos que poden chegar a ser á hora de buscarse un fogar.

Moi recomendable para completar coñecementos micolóxicos cun tema protagonista pouco tratado en conferencias e moi interesante como un apoio máis nas nosas identificacións. Unha das últimas oportunidades que aproveitar agora que o outono xa nos vai dicindo adeus.

¡E no olvidedes supervitaminizarvos e mineralizarvos!

Ler máis...
Related Posts with Thumbnails