Mostrando entradas con la etiqueta Boletus. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Boletus. Mostrar todas las entradas

Mamá, un boletus edulis comeu ó can!!

Sen palabras. Aquí tedes un vídeo para que a próxima vez que fardedes de boletus grande, volo pensedes dúas veces. O significado de grande, quero dicir. O xabarín que este home se atopou nesta tempada en polonia, pesa 3 kg e ten un diámetro de sombreiro de 40 cm. Este cogomelo NBA size foi atopado no noroeste de polonia esta tempada, nas fragas de Bydgoszcz (a ver quen é o juapo que o pronuncia), volo comento por se alguén se apunta. Mirade, mirade e axeonlládevos ante o rei dos Boletus edulis...

Ler máis...

Nova especie de cogomelo na parroquia ribeirense de Aguiño: Boletus atlanticus

Boletus atlanticus
Foi un longo camiño o percorrido para finalmente poder engadir unha nova especie ó xénero boletus con denominación de orixe ribeirense. Dende que xa fai uns anos nunha charla micolóxica celebrada en Boiro unha familia de Aguiño (Fina José e Alfonso) levase a Jaime Blanco Dios, autor do estudo desta nova especie, un extraño boleto que atoparan preto da localidade ribeirense para identificar. Aquel fermoso cogomelo de chamativas cores pertencente á sección luridi sería bautizado en honor do lugar onde medraba, preto de praia Penisqueira, na parroquia de Aguiño, como Boletus atlanticus. Dende esta posición privilexiada, as vistas da entrada da ría de Arousa, ca illa de Sálvora como engadido de luxo, fan xustiza ó epíteto desta nova especie.

Logo da súa última aparición documentada, alá polo 2009, dende Refungando estivemos vixiando periódicamente o lugar exacto da aparición desta especie... sen resultados. A día de hoxe seguimos pasando de cando en cando pola zona ca esperanza de poder achar este cogomelo no seu hábitat (dunas terciarias, baixo Pinus pinaster), pero polo que asemella, tratamos con unha especie moi caprichosa e esquiva á hora de fructificar. Pero non nos desanimamos, xa veremos quen se cansa antes...

Publicado xa este achado na revista Mycotaxon, imos botar un ollo á descripción deste novo cogomelo que pasa a engrosar as filas do xénero boletus da man do Sherlock Holmes dos fungos. ¿Imos aló? 


DESCRIPCIÓN

Sombreiro: 6,5-15,5 cm. Hemisférico a convexo ca idade. Suave, glabro e lixeiramente visguento en tempo húmido. Maís intensamente coloreado cando novo, indo dende rosado a laranxa, suavizándose ca idade e volvéndose marrón claro no disco con varios tons rosados, laranxas e amarelos cara o marxe color crema. Cando se manipula o sombreiro, a superficie vira a un azul ou verdoso intenso e, finalmente, acada una coloración negro-azulada.

Himenio: Tubos adnados, amarelos, que cambian a azul á presión lentamente. Poros pequenos, ovalados, ou menos abundantes, triangulares.  Poros laranxa pálidos a ocre pálido cando novo, logo laranxas ou ferruxinosos na madurez, virando ca manipulación a un intenso verde grisáceo.


Pé: 60-130x 15-55 mm. Normalmente máis corto que o ancho do sombreiro, atenuado, fusiforme ou napiforme. Amarelo brillante a excepción do tercio basal que vai do avermellado a púrpura. Posúe un longo e irregular retículo laranxa, excepto na porción superior do pé onde o retículo é moi fino e amarelo. A superficie do pé cambia de coloración a azul ou azul grisáceo ó manipulalo.

Carne: Firme, suave na madurez, amarela, cambiando a azul, azul grisáceo ou azul verdoso cando ñe exposta excepto na base donde as cores carmín e púrpura dominan. Olor máis intenso no sombreiro, xeralmente non distintivo e a veces cun deixe a allo. Sabor agradable e textura untuosa.

Hábitat: En dunas costeiras baixo Cistus salviifolius e Pinus pinaster.

Obeservacións: Comestibilidade descoñecida, tóxico probablemente como moitos dos cogomelos da sección luridi. Se buscan voluntarios para a cata con moito peito e sen medo a pasar tres días amarrados á taza do excusado.

Cada nova especie descuberta é unha nova páxina escrita sobre o reino Fungi e a riqueza da biodiversidade da nosa terra. Un motivo sempre de sorpresa e alegría. Non será o último cogomelo galego que sae á luz nestas páxinas, volo aseguro. Estade atentos e preguntádevos namentres a vos mesmos: ¿habereime tropezado sin sabelo con algunha nova especie nas miñas andanzas polos montes? Seguro que algúns de vos, si. Pero para decatarse diso hai que ter un ollo que non está  o alcance de moitos de nos... En fin, sexa como sexa, ¡benvido Boletus antlanticus!
Ler máis...

Quiquín nos trae... ¡Licor de Boletus!

Os reis magos tamén vos trouxeron algo este ano en Refungando. Unha deliciosa receita para elaborar unha bebida espirituosa digna dos padales máis micolóxicos que concentra todo o sabor do monte e fungos en cada grolo. Palabrita de neno Xesús.

O rei mago responsable desta fórmula máxica é Joaquín Millán Miranda (aka Quiquín), autoproclamado Marqués da Barreira, propietario do restaurante O Carreiro (en vías de traslado dende Aguiño a Ribeira) e responsable tamén das máis suculentas e opíparas enchentas micolóxicas que moitos de nós lembramos e protagonizamos no seu local. Ahí o tedes, co seu fillo en brazos para este ano que entra. Do anterior, non sen moito traballo e sudor, demos boa conta entre compañeiros e amigos de Refungando. Que viva o licor de Boletus Edulis.

Así que se vir a Ribeira a catar esta ambrosía non é unha opción para ti, quizáis si o sexa facelo ti mesmo. ¿Que como? Pois a cousa vai tal que así...
Ingredintes para 5L (Tarro Tamano Obelix) de Licor de Boletus:

  • 1 L agua
  • 1 Kg azúcar
  • 4 Kg boletus
  • 3 L augardente
- Facemos un almíbar xuntando a auga  e o azúcar ata acadar a espesura adecuada, de hebra grosa, que lle chaman os entendidos, isto é: ten que acadar unha espesura tal que ó mollar os dedos nel, xuntalos e separalos, débese formar unha hebra ben ancha e consistente entre eles. Tal que así.

-Confitar os boletus enteiros no almíbar (sen tapar). O confitado é unha cocción a baixa temperatura, así que coceremos o boletus no almíbar sen deixar que este ferva durante 30 a 40 minutos.

-Engadimos á augardente 1,5 L aproximadamente do almíbar resultante da cocción dos boletus.

-Deixar repousar un mínimo de 6 meses.

-Beber con moderación. Sen presa pero sen pausa.

Por suposto, lembrade que cando se acabe, que se acabará, o licor, os boletus enchoupados son valiosísimos ingredintes na nosa cociña que nos pode axudar a preparar suculentos pratos. ¡Todo se aproveita!

Xa nos contaredes, ¡saúde! ¡hip!... ¡hip hip!
Ler máis...

¿Boletus junquilleus?

Probablemente dos achados máis interesantes por parte de Refungando este pasado outono, fose este cogomelo que estades a contemplar. Foi o noso socio Fernando Quintela quen atopou este exemplar preto de Sigüeiro, e a quen debemos esta instantánea.

O fermoso colorido deste cogomelo chamou a súa atención, pero non lle dou máis importancia e despois de fotografialo deixou estar a cousa, ata que semanas despois, nunha das saídas organizadas pola asociación, nos amosou a imaxe deste fermoso boletus.

A conto é que logo de bucear un pouco na bibliografía, non había moitos cogomelos que se axustaran á descripción macroscópica; de feito, a ausencia de retículo no pé apuntaba a un só cogomelo moi raro e pouco frecuente: Boletus junquilleus.

Decidimos pois consultar a Jaime Blanco e enviarlle as imaxes. Efectivamente, parecía Boletus junquilleus. Aínda máis, foi así como nos enteramos de que tan só existe unha cita para Galicia deste fungo, precisamente da man de Jaime. O caso é que sen material que estudar, tan só con unha fotografía na man, é canto menos aventurado facer unha identificación, así que o deixaremos provisionalmente no limbo dos CSI (Cogomelos Sen Identificar). Por suposto, estaremos atentos este ano por se volve a aparecer e xa veremos que ocorre. Mentres tanto, vos deixamos con esta preciosa rareza.

¿Qué vos parece? ¿Apostamos por Boletus junquilleus? Ler máis...

Xénero Boletus: Boletus Reticulatus

Sinónimo: Boletus Aestivalis
Galego: Madeirudo de Verán

Castelán: Boleto reticulado de verano


O xénero Boletus engloba algúns dos cogomelos máis buscados, apreciados e recolectados por os afecionados e se caracteriza por ter, os cogomelos deste xénero, o himenio formado por tubos, en lugar das acostumadas lamelas, que recobren a parte inferior do sombreiro. Ó igual que as lamelas, os tubos son bos caracteres á hora de diferenciar entre as distintas especies (pola forma dos poros, cor, tamano...) pero presentan unha maior variabilidade nas súas carácterísticas ó longo da vida do cogomelo; para que nos entendamos, os tubos soen cambiar moito de cor e tamano ca idade, polo que deberemos ter este particular en conta á hora da identificación.

¿Que teñen os boletos que son tan apreciados?
Situémonos antes de nada. Existen catro especies que xogan en primeira división, por así decilo: Boletus Edulis, Boletus Aestivalis, Boletus Pinophilus e Boletus Aereus. Existen oitros mebros do xénero tamén comestibles e que iremos vendo co tempo pero que non alcanzan o valor culinario destes catro. Cando falemos das escelencias dos Boletus refirirémonos a estes catro se non facemos explícita recferencia a oitras especies.
Hai varios factores que os sitúan á cabeza en canto ás preferencia dos micófagos: un sabor e aroma doce, suave, moi característico, moi agradable e unha carne abundante, moi abundante, e dunha textura amorosa ó padal. Ademáis alcanzan tamanos (e pesos) considerables para un cogomelo o que fai moi "rentable" a súa recolección. A súa calidade culinaria é tamén a súa condena; a sobreexplotación en rexións con moita máis tradición micolóxica que a nosa fan que escasee pola súa comercialización abusiva, de maneira que a presencia de empresas de fóra de Galicia que mercan aquí os boletos (e outras especies) aumenta cada ano extendéndose a presión recolectora. A lei da oferta e a demanda. Hai que destacar que os Boletus son fungos que forman micorrizas (a relación de simbiose cas raíces dalgunha planta), polo que non se pode cultivar de maneira industrial, o que fai que sufra moito máis debido á recolección. Eche o que hai. Poderoso caballero es Don Dinero...

Aínda que xa vimos algún boleto (Pinophilus, no artigo sobre macoscopía) imos abrir lume con oitro boleto da familia, Boletus Reticulatus, por estar agora mesmo inmersos na tempada deste cogomelo e porque, para os que xa coñecen algúns Boletus, non está de maís coñecer ben unha especie frecuentemente confundida co clásico de clásicos da familia, Boletus Edulis, aínda que a confusión non entrana riscos, relaxade o esfínter; ámbolos dous son excelentes e desexados cogomelos. Veña, imos botar unha ollada a descripción de Cogomelos de Galicia e comentala un pouco...



DESCRIPCIÓN

Sombreiro: 8-20 cm de diámetro. Primeiro hemisférico, máis tarde convexo e por último plano convexo. Marrón claro, ocre claro, ocre escuro, palloso en xeral e sempre uniforme. Superficie seca pero lubrificada coa humidade e agretada en placas cando o tempo é moi seco. Cutícula separable, lisa e finalmente aveludada (aterciopelada). Marxe incurvada, delgada, lisa e excedente.

Tubos: Libres, longos e facilmente separables. Brancos ó principio e máis tarde verde amarelados. Os poros son pequenos, redondeados, moi apertados e da mesma cor dos tubos (na foto da esquerda podedes ver un exemplar xa "adulto" e o aspecto que presentan os tubos cara o final do seu ciclo de vida).

: 8-20 x 3-8 cm. Robusto e ventruso, máis tarde cilíndrico e claviforme, pero sempre cheo e firme. Cor similar á do sombreiro pero máis clara. Retículo (característica remarcable do pé dalgunhas especies de boletus, que consiste nunha especie de redeciña que recorre a superficie do pé; ver foto da dereita) característico de mallas brancas e finalmente da mesma cor do pé.

Carne: moi abundante, esponxosa, débil e branca inmutable. Olor suave e agradable e sabor doce. Axiña se averma (e axiña quere dicir axiña, coma todolos boletos; o difícil é atopar un intacto), incluso os exemplares novos.

Hábitat: Medra en bosques de frondosas. Primavera e outono. Illado ou en grupos. Moi común en Galicia (por aquí, na Novena, é moi raro encontrarse con algún como deduciredes do feito de que este fungo micorrize con frondosas, pero habelos hailos).






Observacións: Diferénciase das oitras especies do grupo pola súa cutícula seca e aveludada, carne esponxosa, pé concolor e hábita sempre en frondosas. A confusión máis común é con Boletus Edulis (foto á esquerda), pero éste ten sempre a cutícula viscosa ou húmida, o sombreiro é moito máis escuro e a súa marxe presenta xeralmente unha decoloración respecto ó resto do sombreiro, ademáis a carne baixo a cutícula presenta tons rosados. Como xa comentamos, a confusión con Edulis non entrana riscos.

Oitra confusión menos probable sería con Tylopilus Felleus (á esquerda); este cogomelo ten os poros brancos cando é novo e rosados máis en diante polo que a confusión se daría con un exemplar xoven. Neste caso, o retículo, moito máis marcado e oscuro, case negro, será o que faga saltar as alarmas. A carne de Tylopilus Felleus é extremadamente amarga pero non tóxica así que, se vos confundides, darédesvos conta ó primeiro bocado!
Ler máis...
Related Posts with Thumbnails