Unha estrela mourada entre piñeiros: Sarcosphaera coronaria

Sinónimo: Sarcosphaera crassa
Galego: Cunco
Castelán: Peziza estrellada


Cando levas algún tempo buscando unha especie en concreto, atopas unha especial satisfacción cando finalmente chega o momento esperado, cando te atopas cara a cara co obxeto do teu desexo. É una mistura de agrademento á deusa fortuna e excitación que che recorre nun segundo a columna: ó fin, eiquí está este carallo.

E precisamente iso nos pasou hai un mes atrás. Sabiamos que pola zona costeira do Barbanza, pragada de piñeirais dunares e hábitat ideal para este fungo, había de estar esperando por nos o curioso ascomiceto de fermosos tons violetas que vedes na imaxe de arriba. Foi con motivo dunha saída conxunta entre os amigos do Grupo Micolóxico Galego e Refungando no entorno da praia do Vilar, no Parque Natural das Dunas de Corrubedo, que finalmente puidemos observar esta especie. A pesares das innumerables veces que temos visitado a zona, foi agora cando finalmente se nos apareceu; numerosos grupos asomaban entre acículas dos piñeiros en diversos estadios de madurez. Como a Santa Compaña, son os cogomelos os que elixen cando e a quen aparecerse.

Sarcosphaera coronaria, fungo saprófito e semihipoxeo (medra medio soterrad0, como veremos máis adiante), pode regalarnos fermosas composicións, sobre todo cando medran varios exemplares moi xuntos, pois ó medrar e romper as paredes dalgún deles pola presión do veciño, adoptan curiosas formas como poderede ver na terceira imaxe deste artigo, na que os carpóforos apretuxados semellan unha rosa. Sen embargo, a forma máis común na que os atoparemos é a que observades na imaxe principal, con forma de ola cos bordes reventados despois de facer un cocido de lacón con TNT.

Agora é tempo de compartir con vos este delicioso cogomelo, botando novamente man do imprescindible Cogomelos de Galicia (do que pronto pode haber nova edición; atentos ás súas pantallas nesta rincón da blogosfera!) e comentado por Refungando.


DESCRIPCIÓN

Corpo frutífero: 4-12 cm de diámetro. Ó principio enterrado, en forma de esfera abrancazada, globoso e oco. Na imaxe da dereita tedes dous exemplares todavía novos asomando entre o chan Ó madurar sae á superficie e vai abríndose en forma de estrela, con 5-10 lóbulos triangulares, permitindo a liberación das esporas (a cara fértil é a superficie interior).

A superficie interior, himenio, é de cor abrancazada ou lila ó principio (ver carpóforo aberto da imaxe da dereita) e despois violeta ou parda violácea. A superficie exterior é branca sucia, debido precisamente ó seu crecemento semihipoxeo que fai que incluso os exemplares máis maduros permanezan todavía algo cubertos de terra. Sen pé.

Carne: Espesa, grosa e fráxil (a pesares do grosor da carne é moi sinxelo que se nos rompa o cogomelo ó manipulalo, incluso tendo especial coidado na operación), de cor branca e violácea na beira. Sen olor apreciable e de sabor desagradable.

Hábitat: Frutifica en bosques de coníferas de terresos areosos e calcarios, máis rara en frondosas. De finais de inverno a primavera. Rara pero localmente abundante.

Observacións: Moi tóxica en cru, pois contén substancias hemolíticas (que destruen os glóbulos vermellos). De sospeitada toxicidade incluso cociñada, a lo menos para algunhas persoas. Para admirar, non para comer.

Polo seu tamano, carnosidade característica e coloración, é pouco probable que se poidan dar confusións con oitras especies similares. O grosor da súa carne o diferencia claramente das pezizas, cas que comparte familia, a pezizaceae.
Existe unha variedade completamente branca, debido ó cal poderiamos confundila con algunha especie do xénero geopora, de himenio branco tamén, nunca mourado, pero moito máis pequenas e ca superficie exterior recuberta de minúsculos peliños que lle dan un aspecto afeltrado.

Fermoso, invernal e sinxelo de identificar, ¿qué máis se pode pedir? Por hoxe xa vos deixamos, pero volveremos moi pronto. A Sarcosphaera coronaria aínda estaredes a tempo de atopala cas próximas chuvias, así que xa estades avisados. Nós, mentres esperamos a inminente primavera, seguiremos buscando ós últimos cogomelos que o inverno nos deixará para levárvolos á casa dende Refungando.

4 comentarios:

  1. Que bonita especie! Terreos areosos e calcarios? Vai ser difícil polos nosos lares...

    Pero como é iso de que vai saír unha nova edición de Cogomelos de Galicia?? Esto é unha noticia micolóxica ó máis puro estilo Salsa rosa!!! Canto pagáchedes pola exclusiva?? Non digades máis. Tendes un paparazzi as 24 horas na porta da casa de Marcote...jeje

    ResponderEliminar
  2. María, xa sabes que as fontes de información non se desvelan... Aínda que si te podo dicir que un equipo das forzas especiáis de Refungando lle puso un micrófono con GPS na navalla de ir ó monte. Témolo localizado en todo momento. ;D

    Aínda así, e ata que a boa nova non se confirme, toca esperar un pouquiño máis...

    ResponderEliminar
  3. Por Valdeorras nas zonas calizas son moi doadas de atopar agora, pero e un cunco (Sarcosphaera coronária) e como di o refran.
    "Orellos, cuncos e pantorras, escaldas pra que non morras"

    ResponderEliminar
  4. Hola Cristovo! Ti sempre tes unha perliña de sabiduría popular que deixarnos por aquí, graciñas.

    Por certo, a ver se botas un ollo ó Boletus da última entrada do blog e nos das a túa opinión.

    Un saúdo amigo.

    ResponderEliminar

Related Posts with Thumbnails