Despois dunha longa, longa espera... ¡Xa está aquí a reedición de Cogomelos de Galicia!

Máis tarde do que ós autores e moitos de vos quixerades, se reedita ó fin este imprescindible manual para calquer afeccionado ós cogomelos que se mova polas terras do noroeste peninsular. Se me deran estes dous últimos anos un céntimo por cada vez que me preguntaron polo "Cogomelos", de seguro tiña pillado chalé en San Xenxo. Pero a espera rematou (moi ben) e eu sigo sen chalé (moi mal).

500 cogomelos perfectamente descritos e fotografiados a toda cor. Pouco máis podemos dicir sobre esta obra que non comentaramos antes (facer click aquí para ver), excepto que desta vez a edición ven en castelán e o título se cambiou por "Setas de Galicia y del Noroeste Peninsular".

Lembrade que tamén existe unha continuación a este libro (ver aquí), "500 setas del Litoral Atlántico y Noroeste Peninsular" que nos achega a 500 novas especies, co que con estes dous manuáis entre mans temos cogomelos para entreternos e identificar para unha boa tempada. Non son todos os que están ni están todos os que hai, nin moito menos, pero son unha boa man chea de cogomelos para coñecer a fondo e ter unha base sólida documental para as nosas identificacións.

Esta nova edición xa a podedes atopar nas librerías ó prezo de 35 €; si, xa sei que os 18 € que custaba antes eran unha delicia para o peto, pero tede en conta que a anterior edición estaba subvencionada pola Xunta de Galicia, e desta vez os recortes eses tan famosos tamén chegan á literatura micolóxica. En todo caso un moi bo prezo se consideramos a máis de 600 fotografías a toda cor que acompañan ós textos. Eche o que hai amigos.

Avisados estades: xa estades a tardar, ¡logo non choredes cando se esgote esta nova edición!

1 comentario:

Related Posts with Thumbnails