Lactarius... Deliciosus?

Se preguntamos que cogomelo sale na imaxe que abre este artigo, apostaría a que a maioría dos presentes diría sen pensalo moito: "Coño, un níscalo de toda a vida!" A verdade é que ten toda a pinta: exuda látex laranxa ó corte, tons alaranxados, as lamelas con tonos verdosos cando o cogomelo xa é algo maior... Pero nada mais lonxe da verdade. Estamos ante un clásico dos nosos montes que afecionados de toda a vida seguen recolectando coma se fose Lactarius Deliciosus (o auténtico níscalo) pero que en realidade se trata dun primo irmán menos saboroso e apreciado: Lactarius Quieticolor .

Se queredes coñecer tódolos segredos para distinguir ambas especies, só tedes que pinchar abaixo en "Leer Máis" e botar un ollo á descripción detaiada de Lactarius Quieticolor!



DESCRIPCIÓN

Sombreiro: 3-10 cm de diámetro. Ó principio convexo, despois plano convexo e por último deprimido ou umbilicado. Xeralmente presenta tons apagados pardo laranxa, agrisado pardos ou laranxa avermellados, con zonas máis escuras e verdeando ó rozamento nas feridas. Cutícula seca, pouco viscosa coa humidade, recuberta dunha pruina branca nos exemplares novos. Marxe encurvada, logo plana decurvada, delgada, flexuosa e ás veces lobulada (máis frecuente no Lactarius Deliciosus).

Lamelas: Decorrentes, delgadas, estreitas e apertadas. De cor laranxa pálida, verdean ó rozamento ou nas feridas. Aresta enteira e concolor.

Pé: 3-6 x 1-2 cm. Cilíndrico, cheo, axiña oco, raramente escrobiculado e concolor ao sombreiro pero máis apagado. As escrobículas son esas características depresións circulares de coloración máis intensa co resto do pé que presentan case sempre os Deliciosus e máis esporádicamente, Quieticolor. O da foto da dereita carece de elas. Podédelas ver ben máis adiante na imaxe de Deliciosus.

Carne: Compacta, dura e fráxil. Abrancazada e alaranxada cara a beira. Látex alaranxado que se volve da cor do viño tinto ao cabo duns minutos e verdoso co tempo. Polo contrario, o látex de Lactarius Deliciosus permanece laranxa e inmutable no tempo. Olor lixeiramente acidulado e sabor acre en cru.

Hábitat: en todo tipo de terreos de bosques de coníferas, principalmente piñeiros. Outono. En solitario ou de forma gregaria (na imaxe do lado podedes ver que a veces de forma moi gregaria). Moi común en Galicia. Aquí na nosa zona do Barbanza, a falta de estudo amplo sobre o tema, eu diría que a cousa entre Quieticolor e Deliciosus pode andar ó fifty-fifty. Aproximadamente o 50% dos "níscalos" que levades á casa son en realidade Lactarius Quieticolor.





Observacións:
A confusión con Lactarius Deliciosus (na imaxe da dereita, dous exemplares novos) é máis que posible pero non entrana ningún tipo de risco; Lactarius Quieticolor é igualmente comestible aínda que o seu sabor non é tan intenso e apreciado coma o de Deliciosus. Facendo recopilación dos rasgos distintivos máis importantes, temos que Lactarius Deliciosus é lixeiramente maior e co pé mais groso, presenta tons alaranxados máis vivos, o seu látex é inmutable laranxa vívido e aparece co pé escrobiculado con frecuencia, como podedes ver na imaxe da dereita.

Despois desta descripción xa tes na cabesa excusas suficiente para que a próxima vez que te atopes con algún "níscalo" o examines con algo de minuciosidade. As imaxes que acompañan este artigo de Lactarius Quieticolor foron tomadas o 19 deste mes, así que xa o podedes atopar no monte. Todavía non nos atopamos con Lactarius Deliciosus ainda que este verán e de forma anecdótica algún temos visto. Haberá que estar atentos ó monte nestas próximas datas.

Boa sorte cos níscalos e bo proveito!

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts with Thumbnails