Xigante dos campos: Macrolepiota Procera

Galego: Zarrota, Choupín
Castelán: Parasol, Apagador


Primeiro de nada, pedirvos perdón por ter a páxina desatendida as últimas semanas. Como dixo un famoso filósofo "a vida é como unha caixa de bombóns, nunca sabes o que che vai tocar". E a mín tocoume un bo bombón de merda. Para que contar máis; a vida segue. Hai que poñerse ó día así que...

Macrolepiótame nena!! Estou seguro que moitos xa vos topastes con este cogomelo de tamano espetacular e que se ve sen baixar do coche no medio de prados, beiras de camiños e estradas, ou parques. Un cogomelo coñecido e consumido (dos poucos) dende hai tempo na nosa terra, quizáis pola relativa facilidade de recoñecelo e como non, de avistalo ó lonxe, sen desmerecer o seu característico e suave aroma e textura que a moitos, nenos incluidos, failles as delicias. ¿Hay algún problema á hora de identificalo? Hmm... non e sí. Non, porque cos debidos coñecementos deberíamos ser capaces de identificalo sen moitos crebadeiros de cabeza e sí, porque, como non, Macrolepiota Procera ten primos con certa toxicidade e que todavía hoxe botan a algúns atrás. Sen embargo éste é un cogomelo que a xente adoita recoller con certa alegría e despreocupación, e as ausencias de intoxicacións indican que, aínda ó chou, a xente acerta. ¿Motivos? Mentres que Macrolepiota Procera é moi común en toda Galicia, as variantes tóxicas de Macrolepiota son raras de atopar e o tamano, neste caso, si importa: Procera é probablemente o cogomelo máis grande (o sombreiro de maior diámetro, millor dito) que imos a atopar, así que simplemente o seu tamano pode ser unha das garantías do súa comestibilidade. Veña lo, sen máis lerias imos botarlle un ollo á descripción comentada de "Cogomelos de Galicia". Pincha abaixo en "Leer Máis".


DESCRIPCIÓN

Sombreiro: 10-30 cm de diámetro. Primeiro ovoide-esférico e ao final aberto, plano e estendido, cun agudo mamelón (pezón ou abultamento na parte central do sombreiro) de cor apardazada a parda agrisada e incluso parda avermellada. Superficie cuberta de numerosas escamas irregulares que forman liñas case concéntricas ó redor do umbón central, que é máis escuro. Na foto da esquerda tedes tres exemplares maduros que están a puntiño de caramelo e cubertos polo rocío da mañá. Máis frescura, imposible.

Lamelas: numerosas e apertadas, anchas, ventrudas, separadas, formando un colariño ó redor do pé. Cor abrancazada a crema, parda rosadas coa idade. Aresta finamente serrada. Á dreita podedes ver o aspecto das lamelas, a inserción no pé e o anel dobre.

Pé: 20-40 cm. Moi longo desde novo, duro, oco e fibroso (polo que se descarta á hora de consumir). Posúe unha base bulbosa moi evidente e moi dura (ver imaxe da esquerda). Cun característico debuxo en zig-zag (como as raias dun tigre ou unha cebra) de cor parda a parda bastante escura, sobre fondo máis claro que percorre toda a súa lonxitude (nos exemplares máis maduros pode desaparecer en zonas do pé e dar lugar a dúbidas, pero xa sabedes que ante a dúbida...). Anel doble, móbil (se o agarramos entre os dedos e o tentamos deslizar arriba e abaixo polo pé, se move sen demasiada dificultade; como sempre inflúe a idade do cogomelo, as condicións en que se atopa...), consistente, grande, máis claro na parte superior e no colgante.

Carne: dura, grosa no centro, abrancazada, fibrosa e lixeiramente avermellada baixo a casca do pé. Olor e sabor agradables e moi característicos (cando o cogomelo empeza a estar pasado, o cheiro cambia rápidamente e tórnase desagradable, como a amoníaco; pode parecer á vista que o cogomelo está perfecto pero unha inspección olfativa ás lamelas confirmarao).

Hábitat: En prados, bosques, sobre todo nos claros, nos lindeiros, xunto aos camiños. Gregario (o máis frecuente e atopalo sempre acompañado, moitas veces en números moi numerosos). Verán e outono. Moi abundante en toda Galicia.

Observacións: É un dos fungos de maiores proporcións que se poden atopar. As decorcións do sombreiro e pé, como na maioría das macrolepiotas son fundamentais para a súa identificación. Para evitarnos problemas fixarémonos na forma e distribución das escamas no sombreiro (numerosas, concéntricas, pequenas salvo no mamelón), o deseño atigrado do pé e no característico anel dobre. No caso da posible confusión con Chlorophyllum Brunneum (Macrolepiota Rachodes var. Bohemica) habemos evitala se temos en conta que é unha variedade moito máis pequena, de pé moi curto e sen atigrar, comparado con procera e carne con tonos do viño tinto. Poderíamos evitala simplemente recolectando só macrolepiotas con sombreiros de máis de 10-15 cm. No caso de Macrolepiota Venenata, de similar tamano ainda que máis pequena e pé mais curto, teremos sobre todo en conta a carne que se arroiba rápidamente e o pé que tamén arroiba ó rozamento.

Unha última recomendación: os cogomelos son como esponxas cos metais pesados, polo que xa deberíades saber que non convén recoller cogomelos, entre outros sitios, na beira das estradas, pois o tráfico xenera nas proximidades elementos nocivos que os cogomelos asimilan. Este cogomelo é moi dado a aparecer nas beiras das estradas, polo que deberíamos saber valorar dónde e o qué recollemos. Ninguén vai a sufrir unha intoxicación por comer un cogomelo así, pero tedes que ter en conta que un consumo continuado ou reiterado de cogomelos autoestopistas destes pode non ter boas consecuencias para vos a longo prazo.

No vos quero meter medo, Macrolepiota Procera é un excelente comestible, ideal para comer á plancha ou empanada e rebozada, xa que ten unha consistencia e aspecto moi parecido ó polo, por iso é ideal para meterlla doblada ós nenos cando son un pouco repunantiños cos cogomelos!!!

Bueno amigos, estos días iremos dándolle caña ó asunto e comezaremos a subir máis artigos para recuperar ritmo. O monte está a rebosar coma nunca así que a ver se facemos un pequeno compendio das especies que nos estamos a atopar!!

2 comentarios:

  1. A VERDADE É QUE SON BEN FERMOSAS. EU FÁGOAS REBOZADAS CON PAN RAIADO OU UTILIZOAS COMO BASE DE PIZZA. ESTÁN BEN SABOROSAS. SAUDIÑOS MICOADICTOS

    ResponderEliminar
  2. Hola compañeira! Sí que son bonitas, sí. Da gusto fotografialas. E cando están ben fresquiñas teñen ese aroma tan característico, doce e saboroso... hmmm. Sen dúbida, rebozadas ou estilo "san jacobo" son como máis me poñen a min.

    Un saudiño!

    ResponderEliminar

Related Posts with Thumbnails