Habitante das polas: Exidia Truncata

Imos a coñecer neste artigo un cogomelo deses que tenden a pasar desapercibidos para o afecionado que ten dous edulis por pupilas, unha das moitas pequenas xoias do Reino Fungi; se nos presenta apenas coma unha minúscula mancha ou protuberancia nalgunha pola caida, ou un tocón podre ó que lle prestan algo de cor pero que, como podedes ver na imaxe que nos envía Xosé María Costa Lago, poden ser uns belísimos exemplares se nos achegamos o suficiente e lles prestamos atención. Exidia truncata pertence a este tipo de cogomelos xunto con oitros da familia Exidiaceae ainda que segundo a bibliografía consultada podemos atopala incluida na familia Tremellaceae (ex. Tremella mesenterica) ou Auriculariaceae (ex. Auricularia auricula-judae). Nós seguiremos a clasificación empregada en "Cogomelos de Galicia", por ser o noso manual de referencia, e incluiremos a Exidia truncata na familia Exidiaceae. Por certo, a palabra Exidia ven do grego exidion, sudar, e fai referencia á característica deste xénero formado por unha ducia de especies que posúe unhas protuberancias ou papilas que exudan un líquido mouro.

Imos a coñecer as principais características macroscópicas desta fermosa gominola das polas...


DESCRIPCIÓN

Corpo Fructífero: 1-4 cm de diámetro por 2-3 cm de altura. Forma redondeada ou de disco con apariencia de cono invertido, fixado ao substrato por un pequeno pé. Ao madurar e envellecer adquiren unha aparencia máis lobulada e plisada (os dous exemplares da imaxen son aínda novos). Superficie himenial de cor negra ou parda moura, brillante e con puntos glandulares. A superficie externa, estéril, é de cor negra, sempre mate e de aspecto granuloso (ahí tedes a man esquerda un bo aumento no que podedes apreciar tódolos detalles).

Carne: De cor moura, consistencia xelatinosa e branda en tempo húmido, converténdose nunha cotra coriácea en tempo seco para recuperar a forma anterior cando as condicións de humidade e temperatura o permiten. Sen olor nin sabor apreciables.

Hábitat:
Frutifica sobre polas mortas de frondosas, especialmente en madeira de carballo (como na imaxe). En pequenos grupos ou illada. Crece todo o ano, especialmente en outono e primavera. Frecuente.

Observacións: Repasemos algunha posibles confusións. Exidia truncata é moura, grosa e coa cara externa ben visible. Exidia glandulosa é da mesma cor e mesmo hábitat, máis delgada, moito máis plisada e a cara externa invisible por estar orientada cara a madeira. Bulgaria inquinans pode parecerse a exemplares illados de Exidia truncata, pero é un ascomiceto de esporada negra (frente á branca de truncata) e de consistencia máis firme.

Pois hasta aquí. Esperamos que a partir de agora lle prestedes máis atención ás ramiñas caidas, hábitat de moitas e moi fermosas especies de fungos; o mundo das polas.

Un saúdo dende Refungando! Abrijádevos ben antes de subir ó monte, que do frío morren os paxariños.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts with Thumbnails