Refungando polas Fragas do Eume adiante


O pasado sábado en Refungando fixémolo petate e puxemos rumbo ás fragas do Eume para facer a ruta de Os Cerqueiros, preto de Monfero. Das múltiples rutas que recorren as fragas escollemos esta principalmente pola diversidade dos seus hábitats, que nos permitiría se o tempo acompañaba, observar maior variedade de cogomelos. E o tempo acompañou... Lorenzo mallou en nós con janas e con brío. Un consello se vos decidides a facer esta camiñata: levade sempre unha gorra para tapar ben a caixa dos miolos, pois gran parte do percorrido, sobre todo nas zonas de prados e piñeirais do principio e final da ruta, está ó descuberto e non hai unha mala sombra da que botar man. Avisados estades. Polo demais, un camiño sinxelo de percorrer, ainda que como unha montana rusa ás veces, de case que sete kilómetros.

Aquí tedes á dereita un mapa da ruta que seguimos. Fixádevos ben nos dous únicos desvíos que atoparedes na ruta x que non están sinalizados en tódalas guías e poden crear polémica (falamos por experiencia, ejem, bendito GPS...) á hora de decidirse, pois a sinalización non é todo o clara que podía: en amarelo, a ruta principal de Os cerqueiros, en azul, o sendeiro que leva ata as fragas na beira do encoro, o violeta, cara a metade do percorrido, leva ata un mirador no alto. ¿Queres acompañarnos no noso percorrer, e sin sudar os litros que sudamos nos? Pasa, pasa, pincha abaixo...


Imos amosarvos un pouquiño como é a ruta en imaxes a través desta paraxe natural realmente incrible. Para os amantes da natureza que non as coñezades son, simplemente, un destino ineludible que visitar.
A saída comenza na parte de arriba do val do encoro, entre piñeirais e verdes prados, como vedes na imaxe de portada, para ir descendendo case ata a beira do río entre bidueiros, castiñeiros e carballos para finalmente volver a ascender de novo ata oitra zona de grandes piñeiros onde remata a ruta, nun pequeno tramo que faremos polo asfalto, ata chegar ó mesmo punto de saida. Se tedes alguén que vos vaia esperar ó final, podedes ahorrarvos uns cantos centos de metros de piche, que ó final é igual en todas partes.

A medida que imos baixando ó fondo do val, a vexetación comeza a cambiar pouco a pouco. Os grandes prados dos primeiros momentos van pouco a pouco dando paso ós castiñeiros, carballos e bidueiros. Na imaxe do centro, a fraga de Teixeiro: a partir de aquí comezamos a introducirnos no antigo bosque atlántico galego. Xusto á esquerda do cartel da foto, escomeza o primeiro dos desvíos que nos leva ata as fragas ó pé do encoro, pero saíndonos da ruta marcada. A partires de aquí comeza o bo, e nos sumerximos en fragas moi difíciles de ver hoxe en día fóra de aquí. Quédase un a gusto ó mirar ó redor e non ver por ningún lado os parásitos dos eucaliptos (ainda que, iso si, na parte alta do conxunto das Fragas do Eume, teñen un verdadeiro problema con esta praga). Sumerxirse nestes montes é como facer unha viaxe ó pasado, vivir en primeira persoa o que nun tempo foron as fragas que cubrían toda Galicia.

O camiño está ademáis pragado de carteis informativos cada poucos centos de metros, con información sobre o entorno: formación das fragas, vexetación, árbores, fauna salvaxe, aproveitamento forestal, estudios en curso... Unha ampla e variada cantidade de datos que nos fará máis amena a camiñata. Arriba, na foto do medio, algúns dos asistentes facendo que len nun destes puntos de información.

As vistas do entorno das fragas, do encoro, milloran a medida que volvemos a subir pasado o ecuador do camiño, como podedes tamén ver na última das tres imaxes de arriba. Pouco despois temos o desvío cara ó mirador que nos proporcionará unha vista magnífica da zona se lle botamos peito para subir a empinada costa final.

Non, ¡por suposto que non nos olvidamos dos fungos! Pero unha semán de calor abafante, non era tampouco o millor preludio para unha xornada de observación micolóxica. Algo atopamos. Sempre hai algo, pero os exemplares estaban ou moi secos, ou pasados, ou as lesmas e demais compañeiros xa lles leran a cartilla. Nos atopamos con exemplares de Phellinus pini (si, do mesmo xénero que Phellinus torulosus, do que falamos fai pouco), Paxillus involutus, Boletus pinophillus (moi seco e desfeito) e Mitrula paludosa. Nas imaxes, por orde, podedes ver Phellinus pini, Mitrula paludosa (falaremos a fondo deles nalgún momento máis adiante), e un rebaño de curiosos animais que pacían por alí sen facer mal a ninguén.

Toca despedirse, pero pronto aproveitaremos o bo tempo para visitar algunha que oitra paraxe natural galega de gran beleza e a lo menos traer ese cachiño da nosa terra eiquí; estade atentos e sintonizade o voso navegador ca nosa páxina!

1 comentario:

  1. Vaya día de sol e moscas,pero estivo ben,engadir que á volta estivemos de visita no monasterio de Monfero,impresionante.

    Eu tirei algunhas fotos tamén,sálvanse unhas poucas:

    http://farm5.static.flickr.com/4036/4629732539_f5593344b0.jpg

    http://farm5.static.flickr.com/4026/4630333732_3abde9e7b3.jpg

    http://farm4.static.flickr.com/3372/4630331912_29205d3fab.jpg

    Saúdos e ata a próxima

    ResponderEliminar

Related Posts with Thumbnails