Un cogomelo chino, responsable de preto de 400 mortes

O Reino Fungui nos lembra, unha vez máis, que o terreo que pisamos á hora de consumir cogomelos é perigoso e todavía descoñecido. O artigo aparecido este mes na revista Science, nos descobre este cogomelo da esquerda, que nin sequera ten un "nome popular" na maioría das aldeas e que se coñece a falta de millor nome como "a pequena branca", como responsable dende 1978 do que ata agora se viña coñecendo como Síndrome de Morte Súbita de Yunnan. Este síndrome, que se cebaba nos aldeanos da provincia China de Yunnan, no suroeste chino, provoca a morte súbita por parada cardiaca e non ten preferencias por sexo ou idades á hora de atacar; a maior parte dos casos se daban maiormente na temporada dos monzóns (de xunio a agosto), e a unha altura de 1800-2400 metros.

Despois de cinco anos de investigacións na zona, o equipo liderado polo Centro Chino para o Control e Prevención de Enfermidades de Beijing parece haber dado definitivamente co culpable. Ainda que evidentemente non se poden achacar tódalas mortes a este cogomelo, os participantes neste estudo identificaron e aillaron tres aminoácidos tóxicos (ainda que non extremadamente), un deles novo para a ciencia, e que testearán para comprobar a súa capacidade para actuar coma detonantes dos ataques cardíacos.

O noso cogomelo parece tamén ser un descoñecido para a micoloxía; o taxonomista Yang Zhuliang identificou ó cogomelo como pertencente ó xénero Trogia, que ata agora se consideraba que non incluía especies tóxicas, pero non puideron clasificalo en ningunha especie. Teremos que esperar novos estudos taxonómicos para coñecer finalmente o seu nome e posición dentro da clasificación do Reino Fungui.

O carallo do asunto é que esta pobre xente de Yunnan vende para a súa comercialización todo tipo de cogomelos comestibles que se dan nas súas fragas, e logo, para o caldeiro, vai todo o que queda. Se unimos necesidade e descoñecemento, o resultado é inevitable. Se non fose este, outro cogomelo sería o reponsable; de feito, os investigadores non descartan a participación dalgun fungo máis nas mortes, ou incluso a alta concentración de bario nas augas da zona como "cómplices" do fungo estudado.

Sexa como sexa, sirva esta nova como aviso a navegantes moi ousados á hora de meter cogomelos no cesto sen moita reflexión, que habelos hailos... máis que meigas!

2 comentarios:

  1. no mushrooms at Menorca, it´s too hot and it never rains, like in southern California, man.
    Greetings

    ResponderEliminar
  2. Search well, my bald friend. There is always mushrooms. Even at your feet.

    See you better sooner than later. Don´t go with unknown men.

    ResponderEliminar

Related Posts with Thumbnails