Galego: Amanita de pé curto
Existen entre as amanitas varias especies que podemos atopar case que todo o ano, se as condicións o permiten. Se estades a aproveitar esta primavera para sair ó monte, coma uns servidores, seguro que vos estades a dar conta dunha cousa: podemos ver con facilidade unha grande cantidade de amanitas. Rubescens, spissa, gemmata, pantherina... Amanita curtipes é comestible, ainda que de escaso valor culinario, pero esta é a menor das razóns que temos para non aconsellarvos que a consumades: é unha amanita, e xa sabedes que nesta familia de cogomelos se atopan algúns dos máis tóxicos e perigosos para o micófago ousado. A posible, ainda que sexa improbable, confusión con algunha oitra amanita branca e primaveral, como Amanita verna, nos debería disuadir de andar a xogar con estos cogomelos. Se gustades, imos ver que podemos aprender para distinguir este cogomelo de porte robusto de outros similares do seu xénero, da man, como non, do imprescindible manual de referencia para o micófilo galego “Cogomelos de Galicia”. Pincha abaixo en leer máis...
DESCRIPCIÓN:
Sombreiro: 3-7 cm de diámetro. Ó principio globoso, máis tarde covexo e por último estendido e cunha lixeira depresión central. Cor branca, crema pálida ou crema rosada. Cutícula separable, lisa, cuberta poos restos de veo universal en forma de placas concoloras (podedes observalas na primeira imaxe, ainda que neste caso algo máis escuras debido á exposición ó sol). Marxe encurvada, plana na madurez, pouco ou nada estriada e adornada con restos do veo parcial (como se aprecia na imaxe da esquerda).
Lamelas: Adnadas a libres, pouco apertadas, ás veces ventrudas, primeiro abrancazadas, logo crema e na madurez e ó rozamento, crema rosadas. Lamélulas curtas. Aresta enteira ou finamente serrada e floculosa nos exemplares novos.
Pé: 3-6 x1-2 cm. Cilíndrico ou engrosado na base, duro, cheo e fistulosso na madurez. Superficie estriada de cor branca e na madurez crema ocrácea (coma o exemplar que temos hoxe con nós, ainda que esa coloración é tan sutil que tedes que fixarvos ben). Volva de cor crema, sacciforme (aspecto de saco), membranosa, persistente e envolvente, sepárase claramente do pé. Anel apical (na parte superior do pé) de cor branca, visible solo nalgúns exemplares novos, deixando, ás veces, na madurez restos pegados ó pé e á marxe do sombreiro
Carne: Firme, abrancazada, pero ao corte rosada e co tempo pardo rosada. Olor e sabor moi débiles.
Hábitat: En piñeirais dunares (ou próximos á costa) e bosque mediterráneo ácido. Primavera e outono. Solitaria ou en pequenos grupos. Rara.
Observacións: respecto á comestibilidade, está todo dito. Sorprendeunos atopar en internet testimonios de xente que había consumido este cogomelo sen ter a certeza de que se tratara de Amanita curtipes, tendo en conta do xénero que estamos a falar. Aquí mesmo nos atopamos con moita xente que consume macrolepiotas sen saber diferenciar unha procera doitros membros do xénero. Iso chámase xogar á ruleta rusa. Nunca nos cansaremos de dicir que, ante a máis mínima dúbida, debemos evitar o consumo dos cogomelos da cesta.
Precaución, como xa comentamos antes, cas amanitas brancas que fructifican nas mesmas épocas do ano. Así, deberemos ter en conta á hora de identificar a este cogomelo oitras especies de amanitas coma A. boudieri (escamas piramidais), A. gracicolor (outonal, volva non sacciforme, tamén escamas piramidais), A. stroboliformis (esc. piramidais), A. ovoidea (pé con esc. algodonosas procedentes do veo, moito maior tamano), e sobre todo, con A. verna como xa dixemos ou as formas brancas (que habelas hainas) de Amanita phalloides. Moito ollo.
Hasta aquí por hoxe. Seguiremos percorrendo montes primavera e verán, que ademáis promete ser unha tortura para guiris, chiringuitófilos e babatoallas. Nós, namentres, frotamos as mans. Xa sabedes por onde andamos... refungando, coma sempre.
Primavera non stop: Amanita curtipes
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario