Un curioso cogomelo: Phaeolus schweinitziii

A primeira descripción dun cogomelo este ano vai a parar a un de formas ben curiosas. O seu aspecto ó longo do proceso de maduración é un dos máis cambiantes que nos podemos atopar: a morfoloxía dun carpóforo novo no ten nada que ver co cogomelo xa maduro, como ides a comprobar; case parecen dous cogomelos distintos. O nome, Phaeolus schweinitzii, retorto como o cogomelo, fai referencia ó oscuro do carpóforo cando está maduro (Paheolus significa "escuro") e o epíteto schweinitzii fai referencia ó seu descubridor, o micólogo estadounidense Lewis David de Schweinitz.

Lembro que a primeira vez que me atopei cun exemplar novo (non se parecía a nada visto nos manuáis), tiven que agardar unha semana para poder velo máis crecido e caer así da burra.

Pero aquí vos traemos a burra completa. Veredes este cogomelo en varios estadios de formación e aprenderedes que é relativamente sinxelo de identificar, ademáis de ser bastante común e frecuente de atopar case que todo o ano. E por suposto, un cogomelo tan curioso, non podía deixar de ter aplicacións curiosas... Pero non adiantemos datos, imos a botar un ollo á descripción comentada deste cogomelo, ¿vos parece? Pois facede click abaixo en ler máis.


DESCRIPCIÓN

Sombreiro: 10-25 cm de diámetro por 2-3 cm de espesor. De forma moi variable e irregular. Cando é moi novo, cilíndrica e globosa e ó desenvolverse vólvese circular ou reniforme (con forma de ril), ao principio convexo e logo embudado, lembrando ás veces polo seu aspecto a unha flor de cor parda avermellada coas beiras amarelas. Cor amarela xofre que vólvese parda ferruxinosa coa idade (fixádevos na diferencia da primeira imaxe, co cogomelo máis maduro, e nesta da esquerda, co cogomelo na "flor da vida") mantendo a marxe sempre máis amarelada (ata que xa está maduro de todo, claro, cando esa coloración desaparece). A cutícula é vellosa, afeltrada e a marxe delgada e lobulada. Na seguinte serie de imaxes de varios exemplares novos, podedes observar a enorme diferencia que existe entre os carpóforos deste fungo segundo a idade; de feito, parece un cogomelo completamente distinto.



Tubos: Curtos na beira e longos preto do pé, decorrentes e de cor amarela, coa idade pasan a parda roña. Poros irregulares e concolores ós tubos.

Pé: Inexistente ou moi curto e espeso.

Carne: De nova e branda, esponxosa, substanciosa e exuda unhas gotiñas de cor ambar. Ó madurar faise suberosa (de consistencia parecida á da casca) e moi lixeira de peso, casi parecen de cartón. Cor amarela azafrán de nova e parda ferruxinosa ó madurar.

Hábitat: Crece en bosques de coníferas, tocos de piñeiro (tamén de eucalipto, como os exemplares da imaxe que abre este artigo) e incluso directamente sobre o humus, englobando herbas e ramiñas no seu desenvolvemento. Podedes ver esta "incorporación" de restos vexetáis nesta imaxe da esquerda ou nas imaxes do cogomelo xoven. O cogomelo medra sen inmutarse "fagocitando" canto atopa. Máis rara é a súa forma parásita, sobre troncos (na base e raíces, máis ben) de piñeiros enfermos. Aparecen exemplares illados e, cando é parásita, en pequenos grupos. Frutifica en verán e podemos atopar esta especie case que todo o ano.



Observacións: Non comestible. Fácil de identificar polas súas formas, cor e hábitat, ainda que cando está crecendo ás veces toma formas estranas e difíciles de distinguir. Se a chegades a identificar, poderedes dicir que coñecedes un xénero enteiro de cogomelos e encher peito, pois esta é a única especie do xénero Phaeolus.

Pero aínda que non dentro da cociña, Phaeolus schweinitzii ten unha interesante aplicación: é unha fonte de tinte natural para tecidos. De feito, os indios americanos xa o utilizaban nas súas vestimentas. ¿Adiviñades que cores podemos obter con él? Exacto: amarelo, dourado, distintos tons de marrón e incluso verde. A imaxe da esquerda podedes ver unha imaxe de Gary Emberger (sacada desta páxina) con mostras dos distintos tons obtidos segundo a sustancia utilizada para fixar o tinte ó tecido.

Curiosamente, non tódolos cogomelos son válidos para facer tintes, Amanita muscaria ou Cantharellus cibarius, por citar dous de vivas cores, non teñen utilidade como fonte de tintes.

Neste enlace á páxina de Tom Volk podedes ver un gnomo feito de la tinguida con colorantes extraídos de diversos fungos: a mochila, o cinto e as botas estan tinguidos con Phaeolus Schweinitzii. Penso que lle vou encargar a esta xente uns bos calzoncillos dourados de la para estos días de frío no monte; o dourado lle senta moi ben ó meu ton de pel. Uns xenuinos gallumbos micolóxicos. En fin,creo que me estou desviando do tema...

Por onde iba... Ah, si, ¿qué vos parece o amigo? A min persoalmente é un cogomelo que me gusta moito fotografiar, moi fermoso de novo e cando todavía non está moi maduro. Por certo, aínda estades a tempo de velo por aquí preto, por exemplo, se queredes ir a tiro fixo, na zona do parque natural de Corrubedo, fixádevos ben nas bases dos piñeiros. ¡E lembrade que o inverno non supón a fin dos cogomelos!

Esto é todo por hoxe.Vémonos máis cedo que tarde, por aquí, coma sempre, en Refungando.

Un schweinitziano saúdo a todos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts with Thumbnails