Fotografía: Jaime Blanco Dios
Fumata branca... ¡Habemus fungus! Esas preciosas "brancas damiselas" que vedes na imaxe retozando entre brións, son as nosas protagonistas de hoxe. Representan un pasiño máis dado na inconmensurable tarefa de coñecer e comprender a riquísima micodiversidade da nosa terra. Jaime Blanco Dios, o "descubridor de setas ignoradas" volveuno facer, desta vez, dando a coñecer o primeiro novo fungo para a ciencia achado na provincia de Lugo. Bautizado Rickenella Piquiniana, o epíteto fai referencia á localidade na que foi atopado, Ribeira de Piquín (en concreto nas ribeiras do río Eo, en Santalla).
A nova especie foi achada xa hai algúns anos, pero é agora despois do seu completo estudo e comparación con especies próximas que sairá á luz publicada en breve no Boletín da Sociedade Micolóxica de Francia (Bull. Soc. Mycol. France).
Vos contamos algunha cousiña deste novo cogomelo. Rickenella Piquiniana caracterizase macroscópicamente polo seu pequeno tamano, pola presencia de píleo (o sombreiro) de cor branca uniforme (ás veces uniformemente crema), xogando co gris-crema ou crema-ocre no centro e branco-grisáceo no resto da superficie do sombreiro, estipe de cor branca ou branco-grisáceo e carne branquecina con olor agradable e sabor algo amargo. Trátase dunha especie onde predomina a cor branca e que vive asociada ós brións e que pasa a engrosar o catálogo de especies de fungos coñecidas nos últimos anos en Galicia. O oitro catálogo, o das especies en perigo, nunca o queremos ver medrar.
Hai moito traballo que facer. Do millón a millón e medio de especies de fungos que se estima existen, tan só hai descritas unhas 80.000. Moitos fungos esperan tranquilamente, baixo os nosos pés, atopar un sitio en guías e manuáis. Dende Refungando vaia pois, a nosa noraboa a Jaime Blanco polo descubrimento... e que sexan moitos máis.
Rickenella Piquiniana, unha especie nova descuberta en Ribeira de Piquín (Lugo)
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario