Fungos de outro mundo: Clathrus archeri

Como se o mismísimo demo asomara a súa man do inframundo tentando chegar ata nós, Clathrus archeri se nos presenta como unha creación doutro mundo. Esta comparación non é para nada gratuita, un dos seus nomes na lingua de Shakespeare é "devil´s fingers" ("os dedos do diaño"). A súa morfoloxía nos se asemella a nada que habite a nosa terra. E isto é certo... de certa maneira. Clathrus archeri non pertence ó noso mundo, se nón que é un visitante de lonxe que gustou do noso clima; un guiri, vamos. Coma outro visitante e paisano deste fungo, o aborrecible eucalipto, C. archeri é de orixe australiana. Pero... ¿cómo chegou ata aquí? ¿Cómo cruzou medio mundo? Hai unha explicación, claro, pero paciencia, todo ó seu debido tempo...

Este ano esta especie está a ser especialmente abundante, e nos chegan noticias de moitos avistamentos, así que imos a despachar este cogomelo para que non vos colla desprevenidos e saibades catro cousas del. Clathrus archeri é extremadamente fermoso na súa madurez, antes de pasarse; ten o aspecto dunha estrela de mar (ver imaxe da dereita), dun polbo drag queen, ou de algunha estrana flor tropical de cores púrpura rosados moi vívidos... pero ó achegarnos, cheira como sete cans mortos fai unha semana, un enriba de oitro. Magnífico obxeto de fotografía micolóxica, sempre que manteñamos ó marxe o noso sentido do olfato, é tamén un cogomelo moi doado de identificar pola súa morfoloxía única. Imos raudos pois, amigos micófilos, entrar en materia e, como sempre, describir e comentar os aspectos máis característicos e as curiosidades máis curiosas deste compatriota de Cocodrilo Dundee. Pasen e lean... e tapen o nariz!


DESCRIPCIÓN


Corpo frutífero: 3-5 cm de diámetro. Desenvólvese a partir dun ovo subgloboso e semihipoxeo (está medio enterrado no chan), de cor branca con tinguiduras violáceas e un cordón miceliar (visible arriba nun dos "ovos" da imaxe que encabeza este artigo) a modo de raiz. Exoperidio branco e liso. Peridio mucilaxinoso, de cor branca ocrácea que rodea a gleba. Ó madurar ábrese polo ápice e emerxe o carpóforo, formado por un pé e xeralmente cinco brazos (normalmente, pero pode ter máis... ou menos) de forma triangular e rematados en punta, que miden de 8-10 cm de longo e se abren lembrando unha lura. A carne é cavernosa, de cor branca, rosada no pé e vermella escarlata nos brazos. Na base permanecen os restos do exoperidio a modo de volva.

Gleba: Recobre a superficie interior dos brazos (ver "ovo" de corte transversal na imaxe que abre este artigo, ou imaxe da dereita). É mucilaxinosa e de cor verde oliva ou verde moura. O olor é fétido ou de excrementos, dependendo do estado da madurez. Se hai varios exemplares preto e maduros, o cheiro a animal morto é apreciable a certa distancia, moi desagradable.

Hábitat: fructifica en bosques de folla e bosques mixtos. En grupos de poucos individuos. Outono. Pouco frecuente. Aquí na nosa zona, no Barbanza, é cada ve máis doado de atopar, ás veces en grandes grupos, sobre todo en bosque mixto.

Observacións: Clathrus archeri é unha especie saprófita invasora. Coma o famoso diaño, é nativo de Tasmania. Durante a Primeira guerra mundial, chegou xunto cos soldados australianos, se ben non se ten moi claro se as súas esporas chegaron nas botas dos militares, na madeira para as infraestructuras do exército, ou na la e tecidos importados dende as nosas antípodas. O caso é que chegou, e a súa eficiente técnica reproductiva fixo que en poucos anos se extendera por boa parte de Europa. Foi descuberto por primeira vez en europa en 1914, ano do comezo da guerra, no distrito francés de Saint-Dié-des-Vosges. En 1963 aparece nun monte de Guipúzcua e, hoxe en día, é cada vez máis doado de atopar en toda a cornisa Cantábrica.

Pero, ¿cómo logrou espallarse tanto en tan "pouco" tempo? Estratexia, amigos. Eficiencia reproductiva. Unha estratexia que ten moito que ver co seu penetrante cheiro e que é a mesma utilizada por Clathrus ruber, un familiar cercano e de características similares do que xa falamos aquí. Estes cogomelos imitan á perfección o cheiro a carne putrefecta, atraendo multitude de insectos carroñeiros, como as moscas, que non se poden resistir a semellante manxar. Pero o "cebo" non remata aquí, o aspecto do carpóforo (textura e cor) de carne podre tamén axuda, e unha deliciosa gleba rica en azúcares se asegura que os visitantes volvan unha e oitra vez. Os insectos, impregnados das esporas durante os seus banquetes, serán ignorantes participantes no éxito reproductor deste cogomelo, espallando a súa descendencia a grandes distancias. E aquí o motivo de que a expansión deste fungo fora tan rápida e exitosa.

En estado de ovo pode ser confundido con algunhas Phallaceas ou Clathraceas. Phallus impudicus ten a forma máis redondeade e é de maior tamano. Clathrus ruber e de forma máis redondeada e ten o exoperidio ben marcado de sucos pentagonais que lle dan un aspecto de "miolos".

Algúns autores o consideran comestible de novo, cando ainda é un ovo, pero deixámosllos todos. Comestible tamén é a herba. De todas formas seguro que se vos quitan as ganas de probar cando o teñades diante.

E ata aquí chegamos por hoxe. Xa sabedes que, sobre todo nestas datas, en Refungando estamos dispoñibles para calqueira dúbida ou cuestiónj que teñades. Só tedes que escribirnos ó contacto de Refungando e tentaremos respostarvos tan pronto como sexa posible.

Sede bos no monte. Nos seguiremos por aquí, Refungando, pois sempre sobran os motivos, como cada día.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts with Thumbnails