
¿O can "jomitou"?: Mucilago crustacea

¿Noxento? Pode que sí. Pero iso non quita que sea gran protagonista de fermosas fotografías e digno de comentar aquí. Así que por sinxelo de recoñecer, abundante e curioso, imos a coñecelo un pouquiño...
DESCRIPCIÓN

Abrancazado ou crema claro debido a cristais de carbonato cálcico (visibles ó microscopio e de intrincadas formas estreladas moi fermosas). Debaixo da superficie está o peridio de cor moura que acubilla as esporas, e que podedes ver na imaxe de arriba nun exemplar máis maduro.
Hábitat: Crece sobre restos vexetáis, polas de arbustos, herbas vivas e outros. Frecuente nestas datas.
Bueno, supoño que será o último post do ano, así que aproveitaremos para desexarvos unhas felices festas e un próspero aninovo micolóxico. O ano que ven... seguiremos aquí, coma sempre, refungando.
¡Sede bos no monte e graciñas a todos pola vosa compaña! Ler máis...
O mixomiceto que susurraba ós robots

Si, ya sei que o título é un pouco surrealista, pero un non ten culpa das cousas que se lles ocorren a algúns científicos.
A noticia non é nova, e da colleita do 2006, pero non por iso deixa de ser máis interesante. Klaus-Peter Zauner da Universidade de Southampton, Reino unido, en colaboración dos colegas xaponeses da universidade de Kobe puxeron a un mixomiceto, Physarum polycephalum, a controlar un robot. Como soa. E soaría máis raro aínda se non fose porque AQUÍ en Refungando xa temos visto as habilidades deste mixomiceto coma enxeñeiro ferroviario.
O motivo deste experimento era encontrar novas formas máis simples de controlar o comportamento dun robot. Como explica o propio Zauner: "Os ordenadores que temos hoxe son moi bos para aquilo que os construimos. Pero nun entorno complexo ou paradóxico, as cousas tenden a non sair ben".
Lembremos que Physarum polycephalum é especialmente sensible á luz, polo que gusta de lugares sombríos e escapa dela. Lembremos tamén que o "corpo" destes seres está formado por un plasmodio (algo precido a unha ameba) co que se move a través do sustrato, polo que cando dicimos que "escapa" da luz, falamos literalmente. Esta foi seguramente a causa de que fose este mixomiceto o elexido. E agora entenderedes por qué.
O robot
O vehículo que tiña que "pilotar" o noso amigo era un robot con seis patas e con sensores sensibles á luz na parte superior. Estaba conectado ó ordenador (como podedes ver na imaxe) e mediante o cable recibía as ordes para mover as patas e enviaba os datos dos sensores.
O sistema de control
Doutro lado o mixomiceto era colocado nuha placa ca forma que vedes na pantalla de televisión da imaxe e tamén conectada ó ordenador. Cada un dos sensores do robot controlaba o brillo en cada un dos seis puntos da praca, que á súa vez, dispoñía de sensores de movemento para captar as evolucións do mixomiceto. Estes sensores de movemento en cada un dos seis puntos controlaban e activaban cada unha das patas do robot.
Resultado
O resultado foi que o robot imitaba o comportamento do mixomiceto, isto é: evitaba luz. Cando o robot se activaba os sensores de luz enviaban a información á praca, que aumentaba a intensidade de luz en cada un dos seis puntos en funcion desta. O iluminarse demasiado algúns destes puntos, o mixomiceto escapaba da luz, os sensores de movemento detectábano e en consecuencia activaban a pata correspondente. O robot acabou buscando a esquina máis sombría do lugar.
O resultado do experimento quizáis parece non tan práctico coma o do referido artigo do liña ferroviaria, pero é un primeiro paso importante para a aplicación de comportamentos imitados de organismos vivos en robots "adaptables" a medios moi cambiantes e complexos, reto ó que se enfrontan agora mesmo os científicos da Nasa cas misións de robots enviadas a Marte.
En todo caso haberá aínda que esperar para obter resultados con aplicacións prácticas por este camiño, mentres tanto, non vos estranedes que no próximo artigo sobre Physarum polycephalum apareza facendo churros.
Fonte: http://www.newscientist.com/article/dn8718
Ler máis...
Otidea cochleata

Sinónimo: Otidea umbrina
Xa había tempo que tiña ganas de amosarvos este cogomelo de enrevesadas e curiosas formas, que poucas veces fai honor ó nombre do seu xénero, Otidea, que fai referencia á forma de orella dos carpóforos. Como vedes non é un cogomelo de formas moi comúns, ó contrario: Otidea cochleata é un ascomiceto da familia Pyronemataceae, con formas similares a algunhas pezizas, pero máis... eso, enrevesado. Este saprófito, se alimenta da materia orgánica en descomposición, adopta formas moi variadas e intrincadas: dende o aspecto de flor da imaxe principal ata as formas maís propias de corais posteriores. O exemplar adecuado pode regalarnos unha fotografía micolóxica inesquezible e moi fermosa.
Este cogomelo gusta sobre todo do outono, pero cando este se volve xa mái frío, o Nadal está máis preto e a variedade de cogomelos nos montes empeza a estar de capa caída. De ahí que ainda esteades a tempo de velo e vos animemos dende Refungando a coñecelo ben na seguinte descripción...
DESCRIPCIÓN

Carne: Abrancazada, de consistencia máis ou menos elástica (como se fose de cera). Olor e sabor suaves.

Observacións: É, de todas as otideas, a que presenta forma de orella menos evidente (a verdade é que, como xa vimos, ás veces lembra máis a unha flor). Pódense confundir con algunha peziza, pero Otidea cochleata ten unha fendedura lateral que lle da ese aspecto de orella e que as pezizas non presentan, aparecéndosenos estas en forma de cuncas.
Como vedes sempre hai algo agardando no monte, incluso cando o frío arrea con máis forza. Que iso nos vos desanime á hora de sair ó campo. Todo e cuestión de armarse cas botas e perderse camiñando sen saber que nos espera entre as follas. Alí nos vemos, refungando ben abrigados... Ler máis...
Os cafres tamén van ó monte

Xa cantou a gorda, micolóxicamente falando, e a tempada para a maioría de afeccionados xa rematou. Hora de facer algún que oitro balance, coma o de hoxe, que irá dirixido ó comportamento no monte e que non será o último análisis que fagamos dende Refungando da tempada 2010. Hoxe toca refungar.
As imaxes como as que vedes neste mosaico que nos enviou indignado o amigo Elisardo foron, este ano, un clásico nos nosos montes. Estas en concreto foron tomadas nun dos lugares máis castigados do Barbanza, A Curota, que, logo de ter que pasar por incendios sen fin e talas que o convertiron nun lugar ermo, ten que lidiar agora con garrulos de todo tipo que suben ó monte día si e día tamén a facer das súas. Ainda que este comportamento, por suposto, non afecta só a este monte que, pola masificación de xente que soporta, amosa os estragos máis claros e visibles, coma puñadas nos ollos.
Imos a contarvos un segrediño ós responsables: os cogomelos, por debaixo, non teñen unha etiqueta co nome. Exacto amigos. Da igual que o pateedes, o arrinquedes, lle deades a volta, o esganedes... non vos vai a dicir a especie á que pertence ou se se comen. Son así de duros e resistentes ós interrogatorios. Digo isto porque, e valla a redundancia, ¿a qué carallo ven isto? Porque a ninguén se lle ocorre ir esmagando toda canta flor, arbusto ou bicho co que se atopa por ahí adiante. Pero cando se trata de cogomelos, semella que todo vale, son os parias do monte. Lembrade que todo cogomelo, comestible ou tóxico, grande ou pequeno, bonito ou feo, é o froito dun fungo que cumpre unha importante función nos nosos ecosistemas e maldito o favor que lle facedes a ninguén pasando como apisonadoras polo monte.
Desgraciadamente esta é a estampa típica de calquer lugar frecuentado por caza-cogomelos. Unha estampa que non estaría de máis erradicar dos nosos montes. Dende aquí, para que nos escoite e teña a ben facernos caso, vos pregamos que deixedes estar aqueles cogomelos que descoñezades e que non deixedes de chamar a atención (coa maior educación) a quen se comporte desta maneira no campo, para que todos podamos desfrutar da beleza da que os cogomelos enchen os montes coa sua presencia.
¿Non preferides atoparvos con imaxes como a seguinte (tomada no mesmo lugar), que a desfeita de ahí arriba? Cousas coma esta quítanlle a un as ganas de organizar máis xornadas micolóxicas. Un pouco de sentidiño, por favor.

Tres14: Programa adicado ós fungos

Non son frecuentes este tipo de programas na televisión, por algún motivo que se nos escapa parece que ver unha e oitra (e mil máis) veces a un león atrapar unha gacela thompson ten máis interese que o aburrido Reino Fungi (seguramente se os cogomelos perseguiran á xente polo monte coma os leóns disfrutariamos de máis documentáis sobre o tema) así que aproveitade o que hai, que é ben pouco. Facede click na imaxe ou AQUÍ para ver o programa.
Por certo, moitas imaxes do programa está fusiladas do documental "Know your mushrooms", que podedes atopar se rabuñades un pouco en internet e do que falaremos noitra ocasión.
P.D: Non vos perdades o video da Macrolepiota que usan de fondo mentres falan das características nutricionáis dos fungos, porque está a esporar e se aprecia moi ben!
Ler máis...
Hyla e os lactarius

Mentres apañaban uns cogomelos para a comida que nos esperaba, Fernando Quintela e Juán Santos, dúas boas pezas (por valiosas, se entende), se atoparon con este exemplar de Hyla arborea que toma placidamente o sol daquela cálida mañá sobre o sombreiro dun Lactarius deliciosus. Esta diminuta e fermosa ra, coñecida co nome popular de ra de San antón, está actualmente incluida na Lista Vermella de especies ameazadas da UICN (Unión Internacional para a Conservación da Natureza). Afortunadamente para nós, este chamativo batracio é aínda frecuente na nosa zona e de cando en cando podemos oir o seu potente canto preto de charcas e lagoas.
Hoxe queríamos compartir con vos esta imaxe, unha de esas que fan que pague a pena por sí mesma sair da casa e madrugar un sábado. Un regalo para os vosos ollos. Ler máis...
Suscribirse a:
Entradas (Atom)