O mixomiceto que susurraba ós robots

(Imaxe: Klaus-Peter Zauner)

Si, ya sei que o título é un pouco surrealista, pero un non ten culpa das cousas que se lles ocorren a algúns científicos.

A noticia non é nova, e da colleita do 2006, pero non por iso deixa de ser máis interesante. Klaus-Peter Zauner da Universidade de Southampton, Reino unido, en colaboración dos colegas xaponeses da universidade de Kobe puxeron a un mixomiceto, Physarum polycephalum, a controlar un robot. Como soa. E soaría máis raro aínda se non fose porque AQUÍ en Refungando xa temos visto as habilidades deste mixomiceto coma enxeñeiro ferroviario.

O motivo deste experimento era encontrar novas formas máis simples de controlar o comportamento dun robot. Como explica o propio Zauner: "Os ordenadores que temos hoxe son moi bos para aquilo que os construimos. Pero nun entorno complexo ou paradóxico, as cousas tenden a non sair ben".

Lembremos que Physarum polycephalum é especialmente sensible á luz, polo que gusta de lugares sombríos e escapa dela. Lembremos tamén que o "corpo" destes seres está formado por un plasmodio (algo precido a unha ameba) co que se move a través do sustrato, polo que cando dicimos que "escapa" da luz, falamos literalmente. Esta foi seguramente a causa de que fose este mixomiceto o elexido. E agora entenderedes por qué.

O robot

O vehículo que tiña que "pilotar" o noso amigo era un robot con seis patas e con sensores sensibles á luz na parte superior. Estaba conectado ó ordenador (como podedes ver na imaxe) e mediante o cable recibía as ordes para mover as patas e enviaba os datos dos sensores.

O sistema de control

Doutro lado o mixomiceto era colocado nuha placa ca forma que vedes na pantalla de televisión da imaxe e tamén conectada ó ordenador. Cada un dos sensores do robot controlaba o brillo en cada un dos seis puntos da praca, que á súa vez, dispoñía de sensores de movemento para captar as evolucións do mixomiceto. Estes sensores de movemento en cada un dos seis puntos controlaban e activaban cada unha das patas do robot.

Resultado

O resultado foi que o robot imitaba o comportamento do mixomiceto, isto é: evitaba luz. Cando o robot se activaba os sensores de luz enviaban a información á praca, que aumentaba a intensidade de luz en cada un dos seis puntos en funcion desta. O iluminarse demasiado algúns destes puntos, o mixomiceto escapaba da luz, os sensores de movemento detectábano e en consecuencia activaban a pata correspondente. O robot acabou buscando a esquina máis sombría do lugar.

O resultado do experimento quizáis parece non tan práctico coma o do referido artigo do liña ferroviaria, pero é un primeiro paso importante para a aplicación de comportamentos imitados de organismos vivos en robots "adaptables" a medios moi cambiantes e complexos, reto ó que se enfrontan agora mesmo os científicos da Nasa cas misións de robots enviadas a Marte.

En todo caso haberá aínda que esperar para obter resultados con aplicacións prácticas por este camiño, mentres tanto, non vos estranedes que no próximo artigo sobre Physarum polycephalum apareza facendo churros.

Fonte: http://www.newscientist.com/article/dn8718

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts with Thumbnails