Fotografías: Jesús Manuel Parada MiniñoA entrada da ría de Arousa ten dende sempre un privilexiado garda que nos da a benvida antes de adentrarnos nas súas ricas augas. Este remanente emerxido da serra do Barbanza, antano unido a terra polo Carreiro de Aguiño, acochaba no seu colo o pequeno tesouro micolóxico que podedes ver na imaxe que abre este artigo. Desta vez teño a incrible sorte de falarvos deste descubrimento dende a privilexiada posición que me ofrece o feito de haber participado nel xunto con un primeira espada da micoloxía como é Jaime Blanco Dios. Así que hoxe, por variar, imos a contarvos esta historia de primeira man, fresca e todavía arrecendendo a mar.

Chovera uns días atrás, aínda que ese día facía un sol de xustiza, así que, menos que máis, algo esperabamos ver. E non tardamos. Menos de 15 minutos logo de poñer o pé en terra e mentres todavía asimilaba as advertencias de Jaime acerca das megacarrachas (e que se poderían cazar con arco e frechas, como logo puiden comprobar) que pululan pola illa adiante, algo me chamou a atención nunha zanxa ó borde do camiño. Aquel foi o primeiro contacto que tivemos ca protagonista de hoxe. Máis adiante nos agardaban máis exemplares entre os brións e as finas herbas de pequenos prados ben abonados polos numerosos coellos de Sálvora.

O olor que desprende este cogomelo non é especialmente intenso, pero si claramente percibible. Nun primeiro momento lembroume o cheiro a mar, esa mistura de aromas que nos trae a brisa a pé de praia... pero aínda que estaba presente non era exactamente iso. Cheiraba a peixe, a peixe fresco. Moi apropiado para un cogomelo cuio hábitat é unha illa.

Como despedida, vos deixamos con algunhas imaxes da illa, que nesas datas estaba especialmente fermosa co despertar das flores na primavera. Un auténtico pracer para os sentidos perderse nela rodeados de natureza salvaxe, carrachas coma nécoras e gaivotas de mirada ameazante.



Benvida, Arrhenia salvorana e graciñas pola oportunidade, Jaime.
muy bien jesus tu si que te mueves
ResponderEliminarGraciñas Merche. Pero ó final, todo é cuestión de estar no momento preciso e no lugar axeitado.
ResponderEliminarVémonos!