Novo fungo bautizado en honor a... ¡BOB ESPONXA!

Fotografía: Tom Bruns (cogomelo) e Dennis Desjardin e Andrew Ichimura (himenio ó microscopio)
Non amigos, o título desta entrada non é froito dun dos nosos chistes malos. O cogomelo que podedes ver na imaxe foi bautizado polos seus descubridores co nome de Spongiforma squarepantsii. en homenaxe á máis famosa das esponxas dos sete mares. Como veredes máis adiante, a elección deste nome necesita dalgunha explicación aparte da evidente, pero imos por pasos. E o primeiro, é Bob.

Se os últimos anos estivestes vivindo encerrado nun bunker ou nunha illa deserta, é posible que non coñezades a este simpático persoaxe de debuxos animados que vive nunha piña debaixo do mar en Fondo de Bikini e que volve tolos a nenos e non tan nenos. Para eses, os perdidos, á esquerda tedes unha instantánea tomada de Bob Esponxa ó enterarse de que un novo fungo ía nomearse no seu honor. Noraboa Bob, non é para menos. Agora, se queredes coñecer con nos máis sobre este curioso e esponxoso cogomelo, pinchade abaixo en "ler máis":


A nova especie foi descuberta en 2010 en Lambir Hills, en Sarawak, na illa de Borneo (Malasia), polo profesor de ecoloxía e evolución da Universidade Estatal de San Francisco Dennis Desjardin (a quen xa tivemos a oportunidade de coñecer con motivo doitro descubrimento micolóxico neste blog aquí), Kabir G. Peay e Thomas D. Bruns. Uns cachondos.

Pero botemos unha ollada á etimoloxía do novo nome que deixamos antes aparcada: Spongiforma squarepantsii. O nome do xénero, spongiforma, xa existía, e significa literalmente "con forma de exponxa". De feito, este é o segundo fungo descuberto no mundo deste xénero. O primeiro nomeouse Spongiforma thailandica en 2009 e no seu descubrimento tamén estivo implicado o profesor Desjardin . A homenaxe a Bob toma forma no epíteto e necesita dunha pequena explicación: o nome deste persoaxe en inglés é Spongebob Squarepants (literalmente Bob Esponxa Pantalóns Cadrados), e é a partir de este apelido, Squarepants, que os descubridores nomean o fungo, squarepantsii.

Repasando o aspecto de este novo cogomelo, se entende perfectamente o nome escollido, pero os seus descubridores tiñan máis motivos. Para entendelos, fixádevos no aspecto do himenio nesta imaxe de microscopio electrónico que tedes aquí á dereita. Para os seus descubridores, o estructura de arrecife de coral recuberto de esponxas deste foi o oitro motivo de peso, aparte do obvio da morfoloxía do cogomelo, para chamar a este novo fungo como a o amigo Bob.

Na descripción do cogomelo aparecida na revista Mycologia de maio deste ano, os autores describen o seu olor como vagamente afroitado, cun forte toque a humidade. O da humidade é comprensible, pois a súa táctica para almacear auga é bastante obvia: compórtase como unha auténtica esponxa. De feito, coma nos conta o propio Desjardin, este cogomelo ten a curiosa propiedade de recuperar a súa forma se o exprimimos e lle escurrimos a auga (pensade no resultado de facer isto con calqueira outro cogomelo...). Pero ista non é a última das sorpresas de Spongiforma squarepantsii, xa que as análises de ADN confirmaron a súa inclusión na familia Boletaceae.

O que ocorre é que este cogomelo pertence a unha forma evolucionada dentro da familia dos boletos, que trocou o seu sombreiro nunha estructura esponxosa ó tempo que desaparecía o pé , o que lle permite no seu hábitat tropical absorber a humidade do aire e almacenala en condicións de ausencia de chuvias. Lembremos que unha das funcións do sombreiro dos cogomelos é precisamente manter a humidade das súas esporas e evitar a súa deshidratación; o cambio de morfoloxía deste cogomelo é a súa resposta evolutiva nun clima tropical ó problema de manterse hidratado. O Reino Fungi, novamente, dándonos unha clase maxistral de xenio enxeñeril.

Pero no vaiades a pensar que isto é todo. Dennis Desjardin, que non para e seguramente veremos nesta bitácora mási pronto que tarde, xa anunciou que proximamente aparecerán publicadas cinco novas especies oriundas de Hawai, lugar no que traballa con seu colega Don Hemmes no estudo da diversidade fúnxica dos bosques nativos das illas pacíficas. Estade atentos a estas páxinas pois en canto teñamos noticias destes fungos hawaianos volo contaremos aquí, coma sempre, en Refungando.


Está a ser un bo ano en canto ó descubrimento de novos cogomelos, non descartedes que calquira día de estes apareza unha nova especie por aquí preto, eu que sei, en Sálvora por poñer un exemplo...

4 comentarios:

  1. Jajaja, xa o publicamos o de Sálvora. Parabéns, Miniño!!!!!

    ResponderEliminar
  2. Ja, ja! Xa vos vin, malditos!! Houbo filtracións e adiatástedenos todos. Agora teño que escribir o artigo a toda presa.

    Graciñas ñu! Ahí estás ti! Vouvos mandar a fotografía do cogomelo, que parese que non sabedes pedila, ja ja ja.

    ResponderEliminar
  3. Que calado o tiñas bribón! Parabéns.

    Arrhenia salvorana tamén e un bo nome, pero nada comparado con Spongiforma squarepantsii. Que cachondo o profesor Desjardin.

    ResponderEliminar
  4. Graciñas Xerocomus! Certo, certo (publicidade subliminal), Desjardin nos gaña a cachondos. Pero ti espera a que me atope cun cogomelo que se pareza a He-Man...

    ResponderEliminar

Related Posts with Thumbnails