O cultivo comercial de cogomelos en Galicia: Pan do Demo


Nunha saída que Refungando organizou para os seus socios esta primavera, tivemos a oportunidade non so de visitar as verdes terras de Celanova e arredores, senon tamén de deixarnos caer nas instalacións da granxa de cultivo de cogomelos recentemente creada Pan do Demo para interesarnos polo cultivo comercial dos nosos amigos. Como veredes a continuación, a producción dos seus invernadoiros está a día de hoxe completamente adicada ó cultivo de Pleurotus ostreatus, pero nun futuro próximo a variedade de especies cultivadas se verá incrementada ca inclusión de novas especies.

Pero, ¿quen millor que o noso anfitrión aquel día, que ademáis dunha enorme paciencia cas nosas preguntas, ten un gusto no vestir admirable como veredes no seguinte video, para contarnos un pouco os traballos e dificultades do cultivo comercial de cogomelos? Pois nada, con todos vos, o responsable do bo facer de Pan do Demo, Borja Mínguez:




Estos da Telegaita si que saben. Cando nos tivemos a oportunidade de visitar as instalacións de Pan do Demo, desgraciadamente xa se recollera toda a producción, pero hoxe temos a oportunidade de comprobar o aspecto dos invernadoiros de Pan do Demo en todo o seu esplendor, cortesía do noso amigo Alejandro Mínguez. Fixádevos neses exemplares da imaxe da dereita bañados pola verdosa luz do invernadoiro que o imprime todo. Fermosa estampa, ¿non si?

Como se comenta na entrevista, a empresa de Celanova está xa en fase de probas con novas especies, coma o Agaricus Bisporus (o champiñón de sempre do supermercado), cuios resultados podedes observas na seguinte das imaxes cos primeiros exemplares asomando entre o compost jritando "¡levádeme á tixola!".

Ademáis do champiñón, en breve Pan do Demo comezará a testear o cultivo de Lepista Nuda e Coprinus comatus; no seu momento, prepararemos unha entrevista para que Borja nos explique as diferencias no cultivo destas especies, menos comúns, por non dicir inexistentes, nos mercados galegos e veremos así as distintas e caprichosas necesidades de cada especie en canto a humidade, temperatura e, como non, alimentación. Lembrade que o cultivo comercial hoxe en día se reduce case exclusivamente a especies de fungos saprófitas (se alimentan de materia orgánica morta), co que se debe adaptar o sustrato dos sacos productores ós gustos culinarios de cada unha das especies.

Por certo, se estades interesados nun tour coma o noso, Pan do Demo organiza visitas guiadas a grupos de particulares e colexios. Ademáis, tamén podedes adquirir un deses apetecibles sacos productores para a vosa casa ou restaurante. Nos, por suposto, non perdemos a oportunidade e arramplamos co que había. E, se vos estades a preguntar que tal de producción, non tedes máis que botar unha ollada a un dos sacos que se veu con nos para Ribeira na imaxe da dereita. Botaron por fora.

Para calquera dúbida, concertar unha visita, ou petición de saco, só tedes que poñervos en contacto cos amigos de Pan do Demo nalgún destes números:

88431335 - 651014225

Un consello: se estades interesados en organizar unha visita, ¡millor procurade que coincida cando a colleita estea a punto!

Antes de poñer punto final, en nome de Refungando, e máis especialmente no de todos os que ese día nos desplazamos ata aquelas fermosas terras, quixera dende eiquí facer chegar o noso agradecemento a Alejandro Mínguez, que ese día se tranformou para nos no millor guía turístico da bisbarra celanovesa e en grandísimo anfritión. ¡Graciñas!

Ler máis...

Redescuberto fungo bioluminiscente en Brasil

Fotografías: Cassius V. Stevani

Antes de nada, desculparme pola tardanza na publicación de novos post, provocada por unha voluntaria inmersión na Festa da Dorna, e uns involuntarios problemas técnicos no meu equipo. Agora, con todo resolto, ou case, toca poñerse ó día...

Se levades algún tempos seguindo os desbarres micolóxicos desta páxina saberedes que os cogomelos da imaxe que abre este artigo non foron recollidos nos arredores da central de Fukushima. Se trata de cogomelos con unha abraiante propiedade física: a bioluminiscencia. E non son os primeiros que vemos por aquí. Pero desta vez, a historia comeza como moitras oitras historias. Nada orixinal; algo así: Hai moito tempo, nun país moi, moi lonxano...

(Click abaixo para ler máis)


A historia

170
anos tiveron que pasar, nin máis ni menos, para que este fungo volvera a caer nas mans dos científicos. ¿Perdido? Non exactamente. A lo menos non para a xente da zona de Piauí, estado do nordeste do Brasil onde é ben coñecido polos locáis, que o chaman "Flor de coco" pola súa tendencia a medrar baixo palmeiras.

Foi a comunidade científica quen lle perdeu a pista a este luminoso fungo dende que en 1840, o botánico británico George Gardner vira uns nenos xogando co que él creía que eran xigantes vagalumes nas rúas dun pobo que logo se convertiría na cidade da Natividade, no centro-oeste do Brasil. Aquel cogomelo, sería bautizado polo humilde botánico como Agaricus gardneri (á esquerda, ca luz acesa; fixádevos que a perspectiva das dúas imaxes, a de portada e esta, é a mesma).

Agora, un grupo de científicos estadounidenses (entre os que anda metido un micólogo que últimamente vemos moito por esta páxina, Dennis Desjardin) en colaboración ca Universidade de São Paulo, da que forma parte o químico Cassius Vinicius Stevani (non, non é un centurión romano, senón profesor de química e estudoso dos mecanismos bioluminiscentes dos fungos), volveulle botar o guante ó escurridizo cogomelo. A cousa foi máis ou menos así, como nos conta o propio Cassius:
"Entereime de que todavía había destes fungos ó redor de 2001. Nos anos seguintes, chegáronme informes de Tocantins e Goiás dun fungo grande e amarelo, que emitía unha luz. Pero só puden velos en 2005, en fotos tomadas en Piauí".
Por suposto, logo de todo este tempo, os avances no eido da micoloxía habían de pasarlle factura ó nome orixinal deste fungo, que no seu redescobremento rebautizouse logo do correspondente estudo como Neonothopanus gardneri. Este estrano xénero da familia marasmiaceae, do que só había ata a data unha especie (Neonothopanus nambi, especie sudamericana descrita en 1999 e tamén luminiscente), conta dende agora con un novo membro luminiscente.

Mecanismo e función biolóxica da bioluminiscencia en fungos

Segundo o propio Stevani, o mecanismo preciso mediante o cal os cogomelos producen luz é todavía un misterio, así como a súa función biolóxica. Algúns creen que esa función é similar á do cheiro de phallus e clathrus, neste caso atraer a insectos nocturnos que axuden na dispersión das esporas; oitra hipótese é que a súa función é atraer insectos depredadores para que se alimenten de aqueles que puideran atacar ó cogomelo. Todo isto está moi ben, e ámbalas dúas opcións parecen sosterse... ata que vemos a imaxe de abaixo (click para agrandar). A pregunta que nos ven á cabeza é: ¿en dónde encaixa a luminosidade do micelio nas dúas hipóteses antes prantexadas?

O que vedes aquí é, nin máis nin menos que unha placa petri cun cultivo do micelio de Neonothopanus gardneri. E sí, brila que da gusto e non, non é a única especie de cogomelo bioluminiscente que presenta esta característica. Así que, ¿por qué desperdiciar enerxía na emisión nunha luz que non vai ser perceptible se o obxetivo é atraer insectos? Curioso canto menos.


No futuro

Ata o de agora e dende 2002 o equipo do profesor Stevani foi quen de describir 15 novas especies bioluminiscentes, e un novo xénero, Genorrema. A día de hoxe existen no mundo 72 especies de fungos deste tipo. A investigación continúa, e a xulgar polo ritmo dos descobrementos, podemos esperar volver a ver a Stevani e ó seu equipo como protagonistas de oitras novas deste tipo maís cedo que tarde.

Dende Refungando seguiremos as investigacións neste campo con atención, para achegarvos tódolos segredos dos fungos bioluminiscentes. Non deixen de sintonizar os seus navegadores. Ata entón, considerade a posibilidade de sair un día ós cogomelos de noite pechada e buscar na oscuridade dos nosos montes algún cogomelo con esta habilidade. Aínda que si o facedes... ollo ca Santa Compaña!

Ler máis...

Impresionante imaxe panorámica en 360º

Hoxe vos imos a amosar unha nova forma de fotografiar cogomelos de espectaculares resultados. Algún de vos xa saberá de que vai isto das imáxenes panorámicas en 360º; para os que non, este será o voso bautismo de lume.

Basicamente, o que nos permiten este tipo de imaxes é observar o entorno fotografiado como se estivésemos ahí nos mesmos. Movendo a imaxe co rato poderemos mirar arriba, abaixo, e xirar ó redor do punto central da imaxe 360 º, o que nos permite observar todo o que nos rodea. En realidade, esta imaxe está composta por un mosaico de fotografías tomadas dende un mesmo punto e "unidas" de forma imperceptible. Pero o millor é que o experimentedes vos mesmos, porque unha imaxe panorámica vale por mil palabras.

O que ides a ver en canto premades na fotografía interactiva é un impresionante corro de bruxas, espeso como o bo licor de café, de Tricholoma populinum. O lugar da toma atópase en Aarhus (Dinamarca) e o autor é Flemming V. Larsen.

Podedes ver en pantalla completa (recomendadísimo) a panorámica facendo click en FULSCREEN na parte superior esquerda da ventá. ¡Avanti tutti!

¿Qué vos parece? ¿Alguén se anima a crear unha destas incribles imaxes e compartila con todos? Nos tentarémolo e aquí poderedes ver o resultado do experimento. Só hai que esperar a atopar un esceario á altura...

Ler máis...

Teeeeño unha vaaaaaca seteeeeeraaaaa...

... non é unha vaca calqueeeraaaa. E podedes xuralo por Fries. Non é unha vaca calquera a protagonista do video, extraordinario documento, e que chegous as nosas mans gracias ó chivatazo do amigo Julián Alonso da Sociedade Micolóxica Lucus.

Imos deixar unha pregunta no aire antes de dar paso ó video: ¿Algunha vez vistes comer macrolepiotas a unha vaca por estos lares? Pois pasen e vexan como se pon a amiga, logo comentamos:


Como lle roe a condeada, ¿eh? Non é nada estrano atoparse os tres termos da ecuación nun mesmo lugar en Galicia, xa que temos tódolas incógnitas: vacas, bos prados e macrolepiotas. Xa se sabe, as vacas gustan dos prados, e as macrolepiotas dos prados aboados polas bostas destas. O que si que nunca nos atopamos foron vacas atacándolle duro ós cogomelos. É máis, temos visto moitas veces vacas en prados cubertos de macrolepiotas, e estas non facerlles o máis mínimo caso, aínda que parece ser que si se dan casos en que lles da por rumiar bos boletus (como se nos comenta na Guía Micolóxica dos Ecosistemas Galegos, de Marisa Castro, Alfredo Justo e Ana Soliño).

Quizáis o voraz apetito polas macrolepiotas que mostra a nosa melenuda amiga do video, teña que ver ca raza a que pertence: unha vaca das Highlands, raza oriunda das terras altas escocesas. Estas vacas están adaptadas ás duras condicións de vida das terras do norte de Escocia, de ahí o aspecto de wookie de Star Wars para abrigarse dos duros invernos escoceses, e a súa capacidade para comer prácticamente de todo naquelas terras ermas. Esa pode ser a clave da diferencia no comportamento cas vacas de por aquí, máis inclinadas polos verdes pastos galegos, afortunadamente para nos, que polas macrolepiotas. ¿Será este o segredo do misterio da vaca larpeira?

Por certo, se tedes material deste tipo ou algunha experencia relacionada, non dubidedes en compartilo con nos. Todo sexa por coñecer algo máis do papel dos cogomelos nos nosos ecosistemas en relación ós animáis micófagos. Podedes deixar os vosos comentarios neste artigo, e a ver que aprendemos todos xuntos...

P.D.: Por certo, vaia merda de primavera. Micolóxicamente falando, claro.
Ler máis...

Hoxe vos traemos... ¡Novo cogomelo dende a Illa de Sálvora!

Fotografías: Jesús Manuel Parada Miniño

A entrada da ría de Arousa ten dende sempre un privilexiado garda que nos da a benvida antes de adentrarnos nas súas ricas augas. Este remanente emerxido da serra do Barbanza, antano unido a terra polo Carreiro de Aguiño, acochaba no seu colo o pequeno tesouro micolóxico que podedes ver na imaxe que abre este artigo. Desta vez teño a incrible sorte de falarvos deste descubrimento dende a privilexiada posición que me ofrece o feito de haber participado nel xunto con un primeira espada da micoloxía como é Jaime Blanco Dios. Así que hoxe, por variar, imos a contarvos esta historia de primeira man, fresca e todavía arrecendendo a mar.


Todo comezou cando Jaime me brindou a oportunidade de acompañalo á illa de Sálvora o pasado 8 de abril, nuha visita á illa encadrada nos traballos de catalogación da flora e micoflora que éste está a realizar no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas e que o levou tamén a descubrir en Ons, coma xa vimos, a Clitocybe auniosiana. Así que alá me fun, cámara e trípode en man, co obxetivo de disfrutar dunha boa xornada e, se había moita sorte, poder observar e fotografiar in situ algúns exemplares de Myriostoma coliforme que o ano pasado Jaime citara por primeira vez para Galicia. Se soaba a flauta, fantabuloso, se non, sempre quedaba empaparse da beleza natural da illa, que non é pouca.

Chovera uns días atrás, aínda que ese día facía un sol de xustiza, así que, menos que máis, algo esperabamos ver. E non tardamos. Menos de 15 minutos logo de poñer o pé en terra e mentres todavía asimilaba as advertencias de Jaime acerca das megacarrachas (e que se poderían cazar con arco e frechas, como logo puiden comprobar) que pululan pola illa adiante, algo me chamou a atención nunha zanxa ó borde do camiño. Aquel foi o primeiro contacto que tivemos ca protagonista de hoxe. Máis adiante nos agardaban máis exemplares entre os brións e as finas herbas de pequenos prados ben abonados polos numerosos coellos de Sálvora.

Despois de un lixeiro exame macroscópico inicial (unha ollada por riba, vamos) a Jaime xa lle pareceu un achado interesante; a min, un cogomelo descoñecido máis da miña extensísima lista particular de cogomelos sen nome. De pequeno tamano, cor parda, os sombreiros dos exemplares máis maduros se colorean preto da marxe con tons parado alaranxados. A cor das lamelas era máis clara, e algúns exemplares aparecían ca aresta dunha marcada cor negra (podedes ver estes detalles nas imaxes, facendo click para ampliar). Iso si, tiña unha particularidade que sen dúbida debía de axudar na súa identificación: o seu arrecendo.

O olor que desprende este cogomelo non é especialmente intenso, pero si claramente percibible. Nun primeiro momento lembroume o cheiro a mar, esa mistura de aromas que nos trae a brisa a pé de praia... pero aínda que estaba presente non era exactamente iso. Cheiraba a peixe, a peixe fresco. Moi apropiado para un cogomelo cuio hábitat é unha illa.

O estudo de microscopía levado a cabo por Jaime había máis tarde de encadrar o novo cogomelo no xénero arrhenia, representado principalmente na nosa comunidade, sobre todo na costa, por Arrhenia rickenii. Finalmente, o nome escolllido tiña que, como non, facer referencia á fermosa illa arousana, de ahí bautizalo como Arrhenia salvorana, que hoxe vos presentamos. E así acaba o conto, todos felices comendo lombrices (ou algo así era...).

Como despedida, vos deixamos con algunhas imaxes da illa, que nesas datas estaba especialmente fermosa co despertar das flores na primavera. Un auténtico pracer para os sentidos perderse nela rodeados de natureza salvaxe, carrachas coma nécoras e gaivotas de mirada ameazante.




Benvida, Arrhenia salvorana e graciñas pola oportunidade, Jaime. Ler máis...

Novo fungo bautizado en honor a... ¡BOB ESPONXA!

Fotografía: Tom Bruns (cogomelo) e Dennis Desjardin e Andrew Ichimura (himenio ó microscopio)
Non amigos, o título desta entrada non é froito dun dos nosos chistes malos. O cogomelo que podedes ver na imaxe foi bautizado polos seus descubridores co nome de Spongiforma squarepantsii. en homenaxe á máis famosa das esponxas dos sete mares. Como veredes máis adiante, a elección deste nome necesita dalgunha explicación aparte da evidente, pero imos por pasos. E o primeiro, é Bob.

Se os últimos anos estivestes vivindo encerrado nun bunker ou nunha illa deserta, é posible que non coñezades a este simpático persoaxe de debuxos animados que vive nunha piña debaixo do mar en Fondo de Bikini e que volve tolos a nenos e non tan nenos. Para eses, os perdidos, á esquerda tedes unha instantánea tomada de Bob Esponxa ó enterarse de que un novo fungo ía nomearse no seu honor. Noraboa Bob, non é para menos. Agora, se queredes coñecer con nos máis sobre este curioso e esponxoso cogomelo, pinchade abaixo en "ler máis":


A nova especie foi descuberta en 2010 en Lambir Hills, en Sarawak, na illa de Borneo (Malasia), polo profesor de ecoloxía e evolución da Universidade Estatal de San Francisco Dennis Desjardin (a quen xa tivemos a oportunidade de coñecer con motivo doitro descubrimento micolóxico neste blog aquí), Kabir G. Peay e Thomas D. Bruns. Uns cachondos.

Pero botemos unha ollada á etimoloxía do novo nome que deixamos antes aparcada: Spongiforma squarepantsii. O nome do xénero, spongiforma, xa existía, e significa literalmente "con forma de exponxa". De feito, este é o segundo fungo descuberto no mundo deste xénero. O primeiro nomeouse Spongiforma thailandica en 2009 e no seu descubrimento tamén estivo implicado o profesor Desjardin . A homenaxe a Bob toma forma no epíteto e necesita dunha pequena explicación: o nome deste persoaxe en inglés é Spongebob Squarepants (literalmente Bob Esponxa Pantalóns Cadrados), e é a partir de este apelido, Squarepants, que os descubridores nomean o fungo, squarepantsii.

Repasando o aspecto de este novo cogomelo, se entende perfectamente o nome escollido, pero os seus descubridores tiñan máis motivos. Para entendelos, fixádevos no aspecto do himenio nesta imaxe de microscopio electrónico que tedes aquí á dereita. Para os seus descubridores, o estructura de arrecife de coral recuberto de esponxas deste foi o oitro motivo de peso, aparte do obvio da morfoloxía do cogomelo, para chamar a este novo fungo como a o amigo Bob.

Na descripción do cogomelo aparecida na revista Mycologia de maio deste ano, os autores describen o seu olor como vagamente afroitado, cun forte toque a humidade. O da humidade é comprensible, pois a súa táctica para almacear auga é bastante obvia: compórtase como unha auténtica esponxa. De feito, coma nos conta o propio Desjardin, este cogomelo ten a curiosa propiedade de recuperar a súa forma se o exprimimos e lle escurrimos a auga (pensade no resultado de facer isto con calqueira outro cogomelo...). Pero ista non é a última das sorpresas de Spongiforma squarepantsii, xa que as análises de ADN confirmaron a súa inclusión na familia Boletaceae.

O que ocorre é que este cogomelo pertence a unha forma evolucionada dentro da familia dos boletos, que trocou o seu sombreiro nunha estructura esponxosa ó tempo que desaparecía o pé , o que lle permite no seu hábitat tropical absorber a humidade do aire e almacenala en condicións de ausencia de chuvias. Lembremos que unha das funcións do sombreiro dos cogomelos é precisamente manter a humidade das súas esporas e evitar a súa deshidratación; o cambio de morfoloxía deste cogomelo é a súa resposta evolutiva nun clima tropical ó problema de manterse hidratado. O Reino Fungi, novamente, dándonos unha clase maxistral de xenio enxeñeril.

Pero no vaiades a pensar que isto é todo. Dennis Desjardin, que non para e seguramente veremos nesta bitácora mási pronto que tarde, xa anunciou que proximamente aparecerán publicadas cinco novas especies oriundas de Hawai, lugar no que traballa con seu colega Don Hemmes no estudo da diversidade fúnxica dos bosques nativos das illas pacíficas. Estade atentos a estas páxinas pois en canto teñamos noticias destes fungos hawaianos volo contaremos aquí, coma sempre, en Refungando.

Está a ser un bo ano en canto ó descubrimento de novos cogomelos, non descartedes que calquira día de estes apareza unha nova especie por aquí preto, eu que sei, en Sálvora por poñer un exemplo...

Ler máis...

Isto SÍ é unha trufa branca


Ante a polémica e tormenta de gargalladas despois da entrada das "trufas brancas de Serra Nevada" xunto ca cantidade de informacións recibidas acerca do exemplar desta especie máis grande/caro do mundo, dende Refungando nos vimos obrigados a facer unha investigación ó respecto para aclarar os onde, cando, canto e quen que planean sobre este asunto. ¡Imos aló!

A imaxe que vedes na entrada deste artigo mostra á campiona mundial das trufas brancas a día de hoxe, desenterrada en Palaia, preto de Pisa (Italia) o 23 Novembro de 2007 por Cristiano e Luciano Savini, pai e fillo (sen deixar de lembrar, por suposto, ó verdadeiro protagonista do asunto, o can da familia Rocco, que foi quen dou co preciado cogomelo).

Agora que xa temos as respostas ó cando e ó donde, imos agora a desvelar o canto. O peso da nosa protagonista foi de aproximadamente 1,3 kilos, pero non é este o dato máis impresionante. O cogomelo en cuestión saiu a subasta no Gran Hotel de Lisboa de Macao (China) o 1 de Decembro de 2007, mentres a subasta se podía seguir tamén por videoconferencia en Londres e Florencia. O exemplar de Tuber magnatum chegou a acadar finalmente o precio de, ajarrade a carteira que vai tremer, 330.000 €.

Pero queda unha pregunta sen resposta: ¿Quen soltou esta salsa por un cogomelo? Pois nin máis nin menos que o propietario do devandito hotel, Stanley Ho, un multimillonario chino afecionado a este manxar e que gusta cada ano de puxar polas millores trufas (brancas, por suposto). Con este tesouro culinario, Stanley celebrou un banquete para os amigotes da taberna e regalou ós máis achegados algún que oitro pedazo. Para él, nada demasiado sofisticado, un bo prato de espaguetis espolvoreados por riba ca preciada trufa.

Imaxino que a estas alturas estaredes todos a botar conta do que fariades con estes cartos, pero vos aseguro que non o que os afortunados caza-trufas italianos: os beneficios da subasta foron a parar a unha institución italiana que axuda a quenes padecen de enfermidades xenéticas, un grupo londinense que se ocupa dos nenos que viven na rúa e para cáritas católica en Macao. Con un par de trufas.

Por certo, o da imaxe da esquerda e o mesmísimo Cristiano Savini pousando co preciado cogomelo hipoxeo.

¡Quen o pillara! Ler máis...

Guía de setas de Burela e a Mariña

Pouco a pouco a bibliografía galega no terreo micolóxico vai facendo cada vez máis bulto nas nosas estanterías. Libros que na súa maioría, aínda sen ser recopilacións exahustivas da riqueza micolóxica dunha zona, se converten en fantásticas mostras da mesma ó tempo que se amosan como valioso apoio das nosas identificacións a outros manuáis (de feito, este xa nos botou unha man ó pouco de telo nas nosas mans) . Nesta ocasión, a bióloga e micóloga coruñesa e afincada en Burela Mª Cristina García-Echave Puente é a encargada de traernos á casa as marabillas micolóxicas da zona da Mariña luguesa.

Nos atopamos ó pasar as primeiras páxinas cun sinxelo manual ideal para quenes busquen un primeiro libro que non os abrume con grandes páxinas de textos e textos cheos deses palabros "raros" que abundan na micoloxía e que a veces afogan ó neófito. Un bo manual de primeiro contacto. Desta maneira, logo do prólogo de José M. Castro Marcote, a guía repasa ás características e hábitas da zona para introducirnos brevemente na bioloxía dos fungos e finalmente centrarnos nos caracteres macroscópicos e organolépticos básicos antes de entrar xa de cheo nas fichas descriptivas.

A guía nos ofrece ó longo de 142 fichas fantásticas fotografías a media páxina que o afecionado saberá agradecer, xunto con descripcións bastante completas dos cogomelos máis representativos da bisbarra luguesa.

Por último e para rematar a faena, non podían faltar unhas recomendacións culinarias na forma de sinxelas receitas do máis apetecibles: eses berberechos con sendeiriñas á mariñeira dan janas de rebañar co pan a páxina do libro, sen olvidarnos tampouco desas tostas con seta de chopo que xa temos apuntadas tamén na axenda de próximas catas de cociña micolóxica.

Sen dúbida os afecionados da zona xa tedes un bo trampolín para iniciarvos neste apaixoante mundo da man de Mª Cristina, non dubidedes en aproveitalo. Os demáis, xa sabedes, cantos máis abultada sexa a vosa bibliografía micolóxica, máis facil vos será contrastar unha identificación, confirmala, ou simplemente atoparvos con novos cogomelos, xa que debido ó gran número de especies deste reino, nunca teredes nas máns un manual o suficientemente completo. Cantos máis, millor.

¡Noraboa polo traballo, Mª Cristina! Ler máis...

A linguaxe química dos fungos


"Olor fúnxico". Esta expresión, repetida ata a saciedade en manuáis e na linguaxe micolóxica fai referencia a ese cheiro un tanto indeterminado e único que asociamos á maioría de cogomelos. Unha deliciosa mistura de aromas a terra, follas, madeira e humidade que nos transportan á espesura das nosas fragas. Ese cheiro, que sempre esperamos cas seguintes chuvias, sobre todo agora que arreou o sol con ganas, será o protagonista do artigo dunha sorprendente maneira.

Hoxe sabemos, gracias ó traballo do equipo de investigación dirixido por Unai Ugalde, profesor da UPV/EHU, que este particular cheiro que a algúns volve tolos, forma parte da linguaxe química dos fungos. O traballo, publicado no número da revista Fungal Biology de maio inclúe entre os seus autores a Aitor Garzia e Shandra Cordobés, da Facultade de Químicas da UPV/EHU, e Erica Herrero-García e Eduardo A. Espeso, do Centro de Investigacións Biolóxicas (CSIC).

Segundo o estudo, e aquí a primeira sorpresa que nos levamos, parece ser que todos os fungos emiten no seu olor unha serie de sustancias que fan desta pegada volátil algo único, unha especie de ADN codificado no seu aroma. Por suposto, existen moitas sustancias comúns á maioría de fungos, coma o 1-octen-3-ol, obxeto do estudo e base aromática do comentado olor fúnxico. As soreprendentes conclusións deste traballo, cuio fungo protagonista foi Aspergilius nidulans, mostran que as súas esporas despiden 1-octen-3-ol, inhibindo xerminación das mesmas cando esta sustancia se acumula no ambiente. ¿Cómo vos quedades? Xa, que non lle vedes o aquel... Imos tentar explicarnos algo millor no seguinte párrafo.

¿Cal é a o propósito deste curioso mecanismo? Pois moi sinxelo. Evitar que as esporas do fungo compitan polos mesmos recursos á hora de xerminar. Eficiencia e auto-control da natalidade. Cando existe unha gran acumulación de esporas nun mesmo punto, a concentración de 1-octen-3-ol aumenta, inhibindo o seu crecemento ata que os elementos, os animáis, ou nos mesmos nas nosas botas, navallas e cestos, as esparexamos polo monte, momento no cal disminúe a concentración deste alcohol debido á dispersión das esporas, permitindo a súa xerminación. O mesmo, en palabras do propio Ugalde:
“Podría decirse que la función de este alcohol es informar sobre la acumulación de esporas en un espacio concreto. En los entornos en los que hay demasiadas esporas la acumulación del volátil impide que compitan entre sí, por lo que mayor es la inconveniencia para germinar. Sin embargo, cuando por razones diversas las esporas se dispersan, el volátil desaparece y las esporas germinan”.
Sen embargo, esta sustancia volátil tamén ten a súa contrapartida, atrae moscas e mosquitos tanto como a nós, cas consecuencias que todos coñecemos: a maior parte das veces, eles son os primeiros en chegar.

Esta solución ó problema da competición polo espacio vital e os recursos fálanos, e moito, do estilo adoptado en toda a evolución destes seres: deseños elegantes e sinxelos para unha máxima eficiencia no resultado. Un dos segredos dos fungos na súa carreira pola supervivencia ó longo de preto de 500 millóns de anos. Agora que está aberta esta nova senda no estudo da bioloxía micolóxica, nos toca esperar que novos "vocablos" da linguaxe química dos fungos esperan a ser descubertos en próximos anos. Coma sempre, estaremos atentos para contárvolo.

Para rematar, imos deixarvos cunha fermosa reflexión do propio profesor Ugalde que nos invita a unha visión moito máis complexa e fascinante do Reino Fungi:

“La próxima vez que nos acerquemos al bosque y detectemos el olor a hongos, sabremos que lo que olemos es parte de una conversación de la naturaleza.” Ler máis...

Un cogomelo "sexy": Phallus impudicus

Fotografías: Fernando Quintela (excepto imaxe de corte transversal, obra de Kettelring e extraído da Wikipedia)

Galego: Carallo, carallán, carallo do demo
Castelán: Falo Hediondo


Se hai un cogomelo obxeto de chistes, xogos de palabras e mofas varias de dubidoso bo gusto, de seguro que, ó longo do mundo mundial, Phallus impudicus se leva a palma. De lonxe. Non, xa sabedes que nós somos moi serios e nunca caeriamos na vulgaridade, así que non faremos leña do phallus caído. A "pirola desvergoñada", que sería unha traducción literal do nome científico deste fungo, Phallus impudicus, debe o seu nome a... bueno, non tedes máis que mirar as imaxes, que falan por si soas.

Pero a súa forma non é a única característica que chama a atención neste cogomelo: o seu nauseabundo cheiro fai que moitas veces, ante a súa proximidade, vexamos ós nosos acompañantes de saída mirar pra os pes e preguntarse: ¿alguén pisou merda? Este cheiro característico se debe a unha inxeniosa técnica de dispersión de esporas ó estilo de Clathrus ruber: imitan en certa maneira ás flores, pero cambiando a promesa de doces néctares pola de carne putrefacta para atraer ós insectos.

Pero deixemos de adiantar cousas deste interesante cogomelo para ir ó gran. Todo ó seu tempo. Botemos primeiro unha ollada ás imaxes e descripción que vos temos preparados e mergullémonos de cheo no fascinante mundo dos phallus. Click en "ler máis" abaixo, e adiante, estás na túa casa...


DESCRIPCIÓN

Corpo frutífero: De novo presenta forma de ovo cun cordón miceliar rizomorfo na base e un tamano de 3-6 cm de diámetro. Exoperidio branco e liso. Nun corte lonxitudinal apréciase un peridio mucilaxinoso de cor ocre amarelada, de 3-4 mm de espesor, que rodea unha gleba verdosa, estando na parte central o receptáculo oco e de cor branca. Para ilustrar millor esta descripción, vos adxuntamos as imaxes de dous coll... ovos de Phallus impudicus, ó natural e nun corte transversal cas principáis partes sinaladas para facilitar unha millor comprensión da descripción.

Ó madurar ábrese polo ápice e emerxe un pé branco, oco, longo e cilíndrico, de 10-20 cm de alto e 2-3 cm de ancho e coa superficie cuberta de poros. Na parte superior ten un sombreiro cónico con numerosos alveolos (ver imaxe de abaixo) e un orificio no ápice.

Gleba: Alóxase nos alvéolos, é delicuescente e de cor verde oscura. Olor nauseabundo que atrae as moscas, responsables de esparexar as esporas. Cando desaparece a gleba , todo o cogomelo presenta unha cor branca, como podedes observar na imaxe da esquerda, onde se aprecian os alvéolos ben limpos mentres as últimas moscas en chegar ó banquete dan conta do pouco que queda que chuchar.

Hábitat: Crecen bosques de coníferas e frondosas, piñeirais areosos e chans con abundantes restos leñosos; tamén frecuentes en parques e xardíns. Individuos illados ou en grupos numerosos. Primavera e outono, frecuente en toda Galicia. Aquí, no Barbanza, nos resistimos a calificalo como frecuente. Sí que se pode ver, pero non na abundancia de outras zonas da nosa comunidade. De feito as fotografías que ilustran o artigo nos chegan dende Sigüeiro, onde si é un cogomelo que aparece con relativa facilidade.

Observacións: Aínda que o apetito é o último que este cogomelo abre, non vos sorprendades se vos digo que Phallus impudicus é comestible. Eso si, de novo cando aínda se presenta en forma de ovo e retirando o peridio mucilaxinoso. En Francia e algunhas partes de Alemania se come cru; os alemáns incluso o pican para incorporalo como ingredinte en salchichas. Salchichas de phallus, e valla a redundancia. Algún día lle botaremos peito ó asunto e xa vos contaremos...

I é que o arume que desprende este cogomelo é cousa fina. E así debe ser para maximizar a efectividade na dispersión das súas esporas. O cheiro a carne putrefacra atrae moscas e outros insectos que, en contacto ca gleba, impregnan as súas patas cas esporas do cogomelo que máis tarde axudará a esparexar no seu ir e vir polo monte adiante.

Ademáis do cheiro nauseabundo, Phallus impudicus e especies próximas teñen unha habilidade digna de comentar: son capaces de medrar ata acadar a súa madurez en 6-8 horas, dende que rompe a "casca" do ovo. Para ilustrar esta capacidade de crecemento, imos a mostrarvos un video (á dereita) onde poderemos ver 3 horas de crecemento comprimidas en 17 segundos. Todo un portento de rapidez... ¿Viagra quizáis?

No eido das confusións existe un cogomelo que se pode facer pasar moi doadamente por Phallus impudicus, Phallus hadriani, máis raro de atopar en Galicia, que macroscópicamente apenas se diferencia a non ser pola coloración rosada-violácea dos seus ovos que evita o erro. Moito máis rara, pero non descartable, sería a confusión con Morchella esculenta ou conica, pero só cando a gleba de Phallus impudicus xa desapareceu e os alveolos aparecen limpos como nunha das imaxes deste artigo; neste estado o seteiro pouco experimentado podería chegar a caer no erro... ata que se achegase a cheiralo, claro.

Como vedes un sorprendente cogomelo doado de identificar, que sempre nos avisa co seu nauseabundo berro da sua presencia a varios metros, cheo de curiosidades e moi "fotoxénico". De seguro que non olvidaredes facilmente o seu olor e ideal para facer chistes porcos cando ides cos amigos á procura de cogomelos. Ademáis é comestible (ejem...), ¿qué máis lle podemos pedir a este carallo de seta?

Nos despedimos por hoxe non sen antes emplazarvos aquí para próximas entregas que nos levarán a coñecer nas próximas semanas novos cogomelos, publicacións, e estudos do máis interesantes relacionados co fascinante Reino Fungi. Aquí vos esperamos, coma sempre, refungando cando hai tempo e motivos.

Ler máis...
Related Posts with Thumbnails