Un niño de paxaros entre cogomelos: Cyathus striatus

Galego: Oveiro, dedil
Castelán: Nido de pájaros



Hoxe imos falar dun cogomelo de escepcional rareza, non pola súa escasa distribución (ó contrario, é moi común), senon pola súa característica e inusual morfoloxía e, aínda máis, pola súa enrevesada e sofisticada estratexia para esparellar as súas esporas que logo miraremos en extenso detalle.

O seu nome científico provén da palabra latina cyathus (que a súa vez é orixinaria do grego) e que significa "copa", e striatus (do latín stria, estriado) que fai referencia ás estrías que recorren a súa superficie interna. Polo tanto o seu descriptivo nome sería, en cristián, copa estriada.

Cyathus striatus
é un fungo saprófito que acostuma a medrar sobre restos vexetáis en grupos numerosos, pero que debido ó seu tamano (1 ou 2 cm. de alto), e cor non soe chamar a atención dos recolectores de cogomelos, aínda que se o buscamos activamente, nos atoparemos con que están por todas partes, en grupos apretados, misturados entre as ramiñas e o manto de follas do chan, esperando a que exprimamos a nosa cámara ó máximo para sacarlles unha boa instantánea.

Así que, sen máis preámbulos, imos pasar a descubrir tódolos segredos deste curiosísimo cogomelo botando man, como non, do "Cogomelos de Galicia" e as súas extensas descripcións comentadas, extendidas e ilustradas por Refungando. Fai click abaixo en ler máis e pasa, estás na túa casa...


DESCRIPCIÓN

Corpo frutífero: 1-2 cm de altura por 1 cm de ancho. De novo globoso alongado, cerrado, de cor parda ferruxenta, coa superficie lacerada e cuberta de escamas e pelos hirsutos maróns. Máis tarde aparece no ápice unha membrana protectora branca, o epifragma (ver fotografía de abaixo), que ó esgazarse permite ver o interior. Ó madurar ten forma de campá invertida, copa alta ou de "niño de paxaro", mantendo a capa externa o mesmo aspecto que de novo e a cara interna gris abrancazada, glabra, acanalada e con estrías lonxitudinais. No interior áchanse os peridiolos (na imaxe, figuras b e c) en número de 10 a 16, de cor gris, forma lenticular e unidos á superficie por un filamento extensible ou funículo (que podesdes ver no corte transversal do peridiolo na figura c da imaxe). A gleba de cor marrón moura atópase dentro dos peridiolos.

Hábitat: Sobre restos vexetais de madeira descomposta, fundamentalmente coníferas pero tamén en latifolios. Formando colonias numerosas. Outono e primavera. Moi común (ejem...).

Observacións: Como xa adiantamos, a estratexia para a dispersión das esporas de esta especie é dun enxenio e sofisticación que parecera deseñada polo mesmísimo Leonardo da Vinci. Si, parecen niños de paxaro, pero a comparación máis axeitada se atendemos a súa estratexia reproductiva, e con un canón. Só hai que sustituir pólvora por auga e o milagre está feito. ¿Como? Paciencia, que vos contamos.

Fixádevos na forma do receptáculo con forma de copa no que se atopan os peridiolos (as balas deste peculiar canón); cando unha gota de auga cae no seu interior á velocidade adecuada e no ángulo preciso, se desliza polas paredes interiores do cogomelo, producindo a presión suficiente ó chegar ó fondo como para que algún dos peridiolos saia despedido. Pero aquí non acaba o conto. O funículo, que actúa como a corda dun arpón, se desenrola cando se "dispara" o peridiolo e, no seu extremo, ten unha estructura rizomorfa chamada hapteron (ver imaxe da esquerda da estructura dun peridiolo) que é adesiva. Desta maneira, cando o peridiolo sae despedido, pode quedar pegado ó talo ou ramas dalgunha pranta, ó tempo que o funículo se lía nela dándolle todavía millor soporte. Logo só queda liberar as esporas... ou ser devorado por algún animal que se alimente da pranta na que se fixou o peridiolo, sendo máis tarde liberadas as esporas nos excrementos deste.

Pero aínda hai un pequeno detalle que resolver neste puzzle fúnxico de enxeñería: ¿Cómo evitar que o canón se nos dispare antes de que os peridiolos estean maduros e as esporas listas para xerminar? Os máis observadores xa vos haberedes decatado da resposta. A clave é o epifragma. Mentres o cogomelo non está maduro, esta membrana branca que cubre a boca do cogomelo, actúa a modo de "seguro" evitando que os peridiolos se liberen prematuramente. Como vedes, todo controlado ó milímetro, como sempre, para asegurarse a descendencia.

En canto ás confusións, podedes estar tranquilos. Primeiro, porque non é comestible (nin creo que co aspecto que ten a ninguén llo poida parecer). Segundo porque as posibles confusións, oitros cyathus como Cyathus olla ou Cyathus stercoreus, non teñen estrías na cara interna. O xénero nidularia, parecido a cyathus, non ten epifragma e os peridiolos non teñen funículo, aparte de estar inmersos nunha sustancia xelatinosa. Ou sexa: fácil, sinxelo, e para toda a familia, que diría o de Bricomanía.

Todavía estades a tempo de ver este cogomelo se saídes un dia destes días ó monte. Fixádevos en lugares con moita humidade, preferiblemente sombríos, e cun bo manto de follas e ramiñas cubrindo o chan. Este cogomelo é máis sinxelo de ver cando aínda posúe o epifragma cubrindo a "boca" do cogomelo a modo de pel de tambor, pois a súa cor branca resalta entre os tons pardos de follas mortas, ramiñas varias, terra e o dos propios cogomelos. Vos animamos a empregar unha lupa para apreciar e disfrutar de tódalas súas características ó cento por cento debido ó seu tamano.

Xa estades tardando amigos, Cyathus striatus vos espera...

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts with Thumbnails