¡Volven os Luns Micolóxicos á Novena!

Xa podedes batir palmas e sacar o licor de café para festexar: a partir do luns 3 de outubro a Asociación Micolóxica Refungando porase de novo a disposición de quen queira visitarnos para botarlle unha man na identificación de cogomelos. Cada luns, ata o día 28 de novembro, nos achegaremos a partir das 20:30 ata as 22:00 polo Bar Plaza (na parte de arriba) en Ribeira, e que convertiremos na nosa base de operacións micolóxicas para tentar que vos intoxiquedes o mínimo posible, axudarvos na identificación das especies máis controvertidas e aclaravos esas dúbidas que non vos deixan durmir.

Un se da conta co paso do tempo como "regras" de identificación populares, inexactas ou directamente incorrectas, van pasando de afecionado a afecionado podendoos chegar a levar a identificacións erróneas ou asuncións sobre a comestibilidade de certas especies máis que discutibles. A cantidade de xente que sae a apañar boletus, por exemplo, e non sabe distinguir un Boletus edulis dun Boletus reticulatus é abraiante, pero como todo arde e o estómago non protesta, non pasa nada. Igualmente chocante é a cantidade de xente que a estas alturas da película baixa do monte coa súa cesta de Hygrophoropsis aurantiaca pensando que se veñen ca cantarelada do milenio. Ou quen apaña macrolepiotas atendendo só ó seu tamano considerable desbotando na identificación outros importantes caracteres que habería que ter en conta.

Outra xente, ante a máis mínima duda, opta por non sair dos 3 ou catro cogomelos que coñecen, pero todos sabemos que o mundo está cheo de xente con moito peito e pouca precaución. Por cousas como estas, e para os que queirades aprender un pouco máis do apaixoante Reino Fungi, Refungando se pon ó servicio de todos para tentar contestar ás vosas preguntas.

A continuación vos deixamos uns consellos para facernos as cousas máis sinxelas a todos por se vos animades a pasarvos...

Algúns consellos para os que vos acheguedes:

  1. IMPORTANTE (Que o ano pasado non nos fixéstedes caso!): Os exemplares que nos traiades procurade arrancalos con coidado e traer o cogomelo enteiro, que non se perda a base do pé ou unha posible volva ou anel. Pode haber moita información, segundo o cogomelo, na base do seu pé (forma, coloración, presencia ou non de rizomorfos...).
  2. Traede sempre que poidades, un exemplar novo e oitro maduro (non podre e cheo de vermes) da especie a identificar, procurando que estén no millor estado posible.
  3. Non nos traiades os cogomelos nunha bolsa, como xa comentamos moitas veces, o plástico acelera a fermentación e descomposición dos cogomelos. Que chegan feitos un cristo, vamos.
  4. Conservalos no frigorífico ata que vos acheguedes xunto a nós, non ó aire, pois secan e algúns apodrecen moi rapidamente e poden cambiar a súa cor e morfoloxía bastante.
Agora xa non hai excusa para non aprender. Esperámosvos... refungando polo baixiño no Bar Plaza.

2 comentarios:

  1. ... e por favor, non fagades esto, 30kg de labazadas habría que darlle a algún...
    http://www.lavozdegalicia.es/barbanza/2011/09/22/0003_201109B22C12991.htm

    ResponderEliminar
  2. Moi triste. Iso é o que entenden algúns por "micoloxía".

    Unha imaxe deprimente de garrulismo micolóxico e que por riba animará a algún máis a tentar repetir a fazaña pra saír no periódico.

    Dende que o vin á mañá que lle estou dando voltas a escribir un artigo sobre o tema... pero si o fago vou ser moi malo.

    ResponderEliminar

Related Posts with Thumbnails