Sinónimo: Boletus felleus
Galego: Madeirudo fel, cogordo margurento
Castelán: Boleto amargo, camaleón
Con motivo dunha máis que posible confusión ocorrida entre uns achegados na que se involucraba este cogomelo, decidimos adicarlle algo de tempo para coñecelo a fondo e evitar incómodas receitas culinarias este verán outono. O caso é que Tylopilus felleus (felleus deriva do termo latín fel, que significa bilis, e fai referencia ó seu delicado e inesquecible sabor), que pasa bastante desapercibido nos manuáis eclipsado polos seus familiares máis apreciados, é un firme candidato a confundirnos á hora de levar á tixola. Ollo, non hai perigo para a saúde ningún, pero ímoslle facer un fraco favor ás nosas papilas gustativas; palabra de neno Xesús.
Asi que, ¿quen non vai querer coñecer este boletal de sinxela confusión e gusto de difícil olvido?
Veña, pasade, pode que hoxe tamén vos descubrades por qué aquel día que esperabades pegarvos unha boa homenaxe micolóxica os boletos sabían misteriosamente a raios e tronos...
DESCRIPCIÓN
Sombreiro: 5-12 cm de diámetro. Ó principio hemisférico, máis tarde convexo e por último estendido. Pardo agrisado máis ou menos escuro. Cutícula moi difícil de separar, aveludada ó envellecer, seca ou moi pouco viscosa. Marxe incurvada, excedente, grosa e sinuosa.
Tubos: Adherentes, longos, branco agrisados ó principio e rosados coa idade pola maduración das esporas (ollo a isto, é unha clave importante para evitar confusións). Poros pequenos, redondos e angulosos na madurez, da mesma cor que os tubos pero volvéndose marróns ó friccionamento ou á presión. A coloración dos tubos, casi impercetible de novo, será de gran axuda na súa identificación. Na imaxe da dereita se aprecia perfectamente esta sutil coloración que non aparece en ningún dos boletos comestibles máis buscados.
Pé: 7-14 x 2-4 cm. Cilíndrico, a miúdo longo, bulboso, abrancazado cara ó ápice e negrexando cara á base. Retículo groso, evidente e de cor marrón que negrexa xoa idade. Cando é xoven, o característico retículo oscuro non o é tanto e podería facilmente pensarse que está algo manchado; esto, unido ó marcado do retículo pode levarnos a pensar nun Boletus reticulatus se non observamos ben outros caracteres como os tubos. Nas imaxes da esquerda e arriba podedes observar este retículo con detalle.
Carne: Espesa, abrancazada e inmutable ó corte. Olor débil e sabor moi amargo. ¿Dixen moi amargo? É realmente incomestible.
Hábitat: En bosques de coníferas e ocasionalmente baixo frondosas. Primavera e outono. En solitario ou gregario. Raro. Os exemplares do artigo foron atopados baixo sobreiras, e na zona do Barbanza soe aparecer a fináis do verán, principios de outono.
Observacións: O xénero tylopilus conta con tan só unha especie en Europa, a aquí descrita. A necesidade de coñecer ben este cogomelo estriba na a facilidade con que se presta a confusións, sobre todo cando novo, con outros exemplares da familia boletaceae pertencentes, sobre todo, á especie Boletus reticulatus (tamén coñecido como Boletus aestivalis). Tamén podería confundirse con algún exemplar de Boletus edulis, a ollos de alguén con poucos coñecementos, pero o evidente retículo e a coloración do sombreiro sempre farán moito máis sinxela a confusión con reticulatus.
¿Cales son as claves para a súa identificación? Pois tan so fai falla fixarse un pouco, pero dúas principalmente como xa vimos na descripción: o escuro retículo ben marcado e as tonalidades rosadas de tubos e poros. Se nos exemplares que vos atopedes atopades estas dúas características, non debería haber fallo. Lembremos que nos boletos que poderiamos confundir con esta especie, os tubos e poros amarelecen ca idade. Iso si, estos dous caracteres son moito menos acentuados cando o cogomelo é novo, e ahí si e moi fácil confundirse. De todas formas, un pequeno anaco da súa carne na boca sacaranos de dúbidas.
Se logo de todo isto, este cogomelo chega igualmente á vosa cociña, no vos preocupedes. Ídesvos dar conta rapidiño. Dificilmente pasaredes do primeiro bocado...
Bueno, e agora... ¿chove este outono ou qué?
As apariencias enganan: Tylopilus felleus
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario