Fotografía da portada: Coprinopsis erythrocephala (JMC Marcote)
Cando J.M. Castro Marcote me contaba hai uns meses que unha segunda parte do coñecidísimo manual micolóxico "Cogomelos de Galicia" se estaba a cociñar, me metía un bicho no corpo que non parou de roer ata que tiven o novo traballo dos rapaces de Cee nas mans.
Se algo lle podiamos pedir ó primeiro "Cogomelos de Galicia", por aquilo de que por pedir que non quede, eran máis cogomelos. Máis, máis raros e, se podía ser, con algun apoio de fotografía microscópica para axudar nas identificacións. Dito e feito, eiquí o temos fresquiño.
O novo manual, que os máis observadores haberedes notado non leva o orixinal nome de "Cogomelos de Galicia 2", senon "500 setas del litoral atlántico y noroeste peninsular" (dos autores J.M. Castro Marcote, M. Pose e J.M. Traba) nos ofrece o anteriormente comentado e máis. Ás novas 500 fichas de cogomelos, acompañadas das mesmas fantásticas fotografías que o seu predecesor, hai que sumarlle unha ampla e interesantísima introducción (no "lugar" da parte adicada á macroscopía do primeiro libro) na que Xosé María Costa Lago nos leva da man nun percorrido etnomicolóxico a través da historia, usos e abusos dos cogomelos ata os nosos días. Para que vos fagades unha idea do completo do aporte, ahí vai un listado dos contidos etnomicolóxicos do novo manual micolóxico:
- Usos alimentarios (dos cogomelos, se entende)
- Usos medicinales
- Usos rituales
- Utilidades de los poliporos
- Utilidades de los gasteromycetes
¿E de cogomelos como anda? Pois como ben di o título do libro, temos entre mans 500 cogomelos máis que están ben, moi ben, fotografiados e descritos, algúns deles con apuntes de microscopía na forma de fotografías das esporas ou das estructuras microscópicas máis relevantes para a súa identificación. Se inclúen ademáis moitas especies representativas do ecosistema dunar galego, xunto con oitras especies da nosa comunidade veciña, Asturias (hmm, fabaaaadaaaa...), características de bosques alí máis representados que na nosa comunidade coma son os faiais. Especial mención ós ascomicetos, cunha nutrida representación neste manual que farán as delicias dos amantes dalgúns dos cogomelos máis extravagantes, coma eu mesmo.
Por certo, o novo manual sae en castelán, ainda que hai plans para que en breve tamén o faga en galego. Para a reedición do primeiro "Cogomelos de Galicia", que se cotiza como ouro en pano, haberá que esperar ó ano que ven.
En resumo, imprescindible. Xunto con primeiro volume, temos 1000 cogomelos perfectamente fotografiados e descritos para axudarnos nas nosas identificacións. Xa estades a tardar para ter esta pequena xoia entre as mans, o cal é valido tanto para os que vivimos en Galicia, como para os que estades fora.
Noraboa ós autores polo gran traballo, ¡e que sexan moitos máis!
¿Usos rituais?...¡sapos serpes e cogomelos, se non aparece a "salvorana" que se lle atraganten os ascomicetos!
ResponderEliminarJa, ja, ja... eres todo un poeta micolóxico Xerocomus.
ResponderEliminar