A punto de caramelo as XXVI Xornadas Micolóxicas de Celanova

Xa ferve o micelio na ourensá Celanova anta a inminencia das veteranas xornadas que celebrarán este mes na vila e que non podían faltar á cita cos cogomelos á que acude puntual cada ano.

Este mes, do 24 ó 30 de outubro, a Asociación Micolóxica Cogomelos de Celanova nos trae dentro das súas XXVI xornadas (case nada) un amplo abanico de actividades relacionadas cos noso amigos os fungos e os seus froitos.

Un percorrido polo mundo dos fungos que comezará cunha serie de charlas os días 24, 25, 26 e 27 (na Aula da Cultura de Caixa Galicia en Celanova), pasando pola visita guiada á explotación de cogomelos de Pan do Demo o día 28, para rematar a faena o 29 cunha saída guiada ó monte, exposición de cogomelos e degustación culinaria no restauratnte a Torre (20 € por persoa, ver menú facendo click na imaxe máis abaixo).

Toda a información das charlas, poñentes e horarios que necesitades para ir facendo sitio nas vosas axendas, ó voso alcance premendo na imaxe que podedes ver na dereita.

Non vos queixaredes da oferta micolóxica, tanto por calidade como por variedade, así que limpade cestas, afiade navallas e enlucide as botas. ¡Hai moito que aprender en Celanova!

2 comentarios:

  1. Si aquí está seco, en celanova non quero nin pensalo

    ResponderEliminar
  2. Pois si. Falei con Alejandro e a cousa está moi maliña. Ó millor teñen que cancelar a exposición e todo... Carallo de outono.

    ResponderEliminar

Related Posts with Thumbnails