Refungando se presenta con Alejandro Mínguez e "Cogomelos Medicinais"

Nun acto celebrado este sábado no Ateneo Valle-Inclán presentouse, (ó fin!) a nosa Asociación cun invitado de luxo, o micólogo celanovés Alejandro Mínguez, que nos presentaba tamén o seu novo libro "Cogomelos Medicinais".

Nunha noite chuviosa como facía tempo non viamos, cos elementos do noso lado augurando boas saídas micolóxicas estas próximas semanas, tivo lugar ás nove da noite o acto no que estivemos ben acompañados e arroupados por curiosos e afecionados da Novena; mentres, Alejandro nos sorprendía a todos cas propiedades médicas dalgúns dos cogomelos máis coñecidos por todos e que recolle no seu libro. Ademáis, Alejandro se trouxo con él ó Ateneo mostras desecadas da maioría dos cogomelos que trataba na súa exposición, co cal os asistentes puideron observalos de primeira man, así coma exemplares frescos de Suillus Granulatus ou un exemplar de Fistulina Hepática, moi raro de ver por aquí.

O libro de Alejandro xa está nas librerías dende hoxe, e aquí en Ribeira podedes atopalo na librería Sanyg de toda a vida. Unha recomendable e novedosa aproximación ó mundo dos cogomelos dende unha perspectiva mediciñal e que nos mostra como esas complexas fábricas químicas que son os cogomelos non só nos poden adiantar a hora de chamar ás portas do ceo se non que, mira ti por donde, aínda a poden retrasar.

Antes de despedirnos hoxe, quería darvos as gracias a tódolos que pasástedes por alí, espero que desfrutárades coma nós dun acto cheo de curiosidades e cogomelos. En breve subiremos una sección para socios a esta páxina con información para os que pensedes en unirvos a nós.

Vémonos polo monte... Refungando!

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts with Thumbnails