Todoterreo dos montes: Schizophyllum commune


O especimen da fotografía de arriba, medrando nun tocón de piñeiro, pertence a unha das especies máis extendidas por todo o globo; tan só deixamos de atopalo na Antártida, onde é incapaz de atopar o sustrato de madeira que lle serve de alimento a este saprófito e lignícola vagabundo. De Schizophyllum commune sabemos da amplitude da súa dispersión gracias ó traballo de John Raper e oitros colegas da Universidade de Harvard, que entre 1950 e 1970 recopilaron especímenes ó longo e ancho do mundo para a súa investigación.
De posición taxonómica incerta, debido ás súas especiais características, a maioría de investigadores o incluen na súa propia orde, os Schizophyllales, e pertencente á familia Schizophyllaceae.

Sí, é un pouco raro este amigo noso. De feito, é un cogomelo que pode chegar a complicarnos a vida, pois en certas condicións pode chegar a producir algunha micose, noutras palabras, unha infección no organismo producida por este fungo. Ademáis e por se fora pouco, estamos ante un fungo moi "sexual", tanto como que ten máis de 28.000 sexos distintos. ¿Queres saber máis cousas de este peludo cogomelo? Imos entón a afondar na súa descripción macroscópica sempre da man de "Cogomelos de Galicia", comentado e ampliado dende Refungando para vos...


DESCRIPCIÓN

Sombreiro: 1-3 cm de ancho. Forma de concha ou abano fixado lateralmente ó substrato. Cutícula tomentosa cunha velosidade ourizada de cor abrancazada e a miúdo zonada (na imaxe da esquerda podedes apreciar ben en detalle esta curiosa característica). De cor branca en tempo seco e agrisada coa humidade, ás veces con tonalidades verdes debido á proliferación de algas sobre o seu sombreiro. Marxe fina e moi lobulada.


Himenio: Formado por lamelas bifurcadas ou bífidas, dispostas radialmente e con lamélulas. Cor rosada (ou castaño claro). O formato de lamelas bífidas ten a súa razón de ser. O micelio de Schizophyllum commune necesita normalmente de só unha fructificación de cogomelos por tempada, xa que estes se poden secar e rehidratar varias veces e subsistir no monte ata preto dun ano completo. A estructura das lamelas fai que en tempo seco se "pechen" e ca volta da humidade se "abran" e se expanda o cogomelo, de xeito moi parecido a un abano. Unha gran adaptación a climas con chuvias esporádicas. De feito, en refungando deixamos pasar uns días e volvemos á escea do crime para observar a evolución do noso amigo. Como escolleramos un tocón de pino con unha pintada azul, foi moi fácil volver e fotografar o mesmo cogomelo... case 20 días despois, co resultado que podedes observar na imaxe da esquerda.

Pé: Non existe, o sombreiro medra directamente do substrato.

Carne: Delgada e coriácea. Sen olor nin sabor apreciables.

Hábitat: É unha especie saprófita e lignícola que crece sobre madeira morta e restos vexetais de frondosas e coníferas, en sitios ben iluminados. En grandes grupos. Podemos atopala todo o ano, sempre que as condicións sexan as adecuadas (sí, incluso nos invernos máis duros como este que nos tocou). Frecuente.

Observacións: Olvidádevos de saborosas pitanzas, aquí non hay chicha. O que vos pode ofrecer este cogomelo é a súa singular beleza e algunha rarísima (pero habelas, hainas) micose. É moi raro que se produza unha infección deste tipo, así que agora non vaiades a baixar correndo do monte como alma que leva o demo cada vez que vos atopedes con un exemplar destes. A xente máis propensa a este tipo de infeccións é sempre xente co sistema inmune a medio gas, nenos especialmente, así que un adulto normal non debería correr ningún perigo. De feito, nun dos casos de infección atribuída a este fungo tiña como protagonista a un neno; o fungo estaba a medrar no ceo do padal do rapaz... e comenzaban a sairlle cogomelos nos seos nasais!
Noutro caso reportado por investigadores da Universidade de Kioto, o paciente sufriu dunha infección na mucosa dos bronquios que lle provocou ataques de asma e tos persistente; a causa: hifas de micelio primario de Schizophyllum commune. E para rematar a faena, este fungo foi capaz incluso de infectar e provocar unha osteomelite micótica nun can. En definitiva, que de saprófito e lignícola, este fungo pode pasar perfectamente a parásito e... carnívoro, aumentando as súas posibilidades de distribución e facendo deste un fungo realmente versátil e todoterreo.

Non é a nosa intención asustarvos, ainda que seguro que si coñeciades este cogomelo non o ides mirar da misma maneira nunca máis. O seu aspecto e as súas lamelas o fan inconfundible, é fácil atopalo e tamén se da no inverno e, como podedes ver, tamén nos pode regalar fermosas fotografías e incluso algunha rara micose para engadir ás batalliñas para contarlle ós netos. ¿Alguén da máis? Disfrutade de Schizophyllum commune e vémonos... refungando entre os piñeiros.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts with Thumbnails