Mostrando entradas con la etiqueta sarcosphaera. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta sarcosphaera. Mostrar todas las entradas

Unha estrela mourada entre piñeiros: Sarcosphaera coronaria

Sinónimo: Sarcosphaera crassa
Galego: Cunco
Castelán: Peziza estrellada


Cando levas algún tempo buscando unha especie en concreto, atopas unha especial satisfacción cando finalmente chega o momento esperado, cando te atopas cara a cara co obxeto do teu desexo. É una mistura de agrademento á deusa fortuna e excitación que che recorre nun segundo a columna: ó fin, eiquí está este carallo.

E precisamente iso nos pasou hai un mes atrás. Sabiamos que pola zona costeira do Barbanza, pragada de piñeirais dunares e hábitat ideal para este fungo, había de estar esperando por nos o curioso ascomiceto de fermosos tons violetas que vedes na imaxe de arriba. Foi con motivo dunha saída conxunta entre os amigos do Grupo Micolóxico Galego e Refungando no entorno da praia do Vilar, no Parque Natural das Dunas de Corrubedo, que finalmente puidemos observar esta especie. A pesares das innumerables veces que temos visitado a zona, foi agora cando finalmente se nos apareceu; numerosos grupos asomaban entre acículas dos piñeiros en diversos estadios de madurez. Como a Santa Compaña, son os cogomelos os que elixen cando e a quen aparecerse.

Sarcosphaera coronaria, fungo saprófito e semihipoxeo (medra medio soterrad0, como veremos máis adiante), pode regalarnos fermosas composicións, sobre todo cando medran varios exemplares moi xuntos, pois ó medrar e romper as paredes dalgún deles pola presión do veciño, adoptan curiosas formas como poderede ver na terceira imaxe deste artigo, na que os carpóforos apretuxados semellan unha rosa. Sen embargo, a forma máis común na que os atoparemos é a que observades na imaxe principal, con forma de ola cos bordes reventados despois de facer un cocido de lacón con TNT.

Agora é tempo de compartir con vos este delicioso cogomelo, botando novamente man do imprescindible Cogomelos de Galicia (do que pronto pode haber nova edición; atentos ás súas pantallas nesta rincón da blogosfera!) e comentado por Refungando.


DESCRIPCIÓN

Corpo frutífero: 4-12 cm de diámetro. Ó principio enterrado, en forma de esfera abrancazada, globoso e oco. Na imaxe da dereita tedes dous exemplares todavía novos asomando entre o chan Ó madurar sae á superficie e vai abríndose en forma de estrela, con 5-10 lóbulos triangulares, permitindo a liberación das esporas (a cara fértil é a superficie interior).

A superficie interior, himenio, é de cor abrancazada ou lila ó principio (ver carpóforo aberto da imaxe da dereita) e despois violeta ou parda violácea. A superficie exterior é branca sucia, debido precisamente ó seu crecemento semihipoxeo que fai que incluso os exemplares máis maduros permanezan todavía algo cubertos de terra. Sen pé.

Carne: Espesa, grosa e fráxil (a pesares do grosor da carne é moi sinxelo que se nos rompa o cogomelo ó manipulalo, incluso tendo especial coidado na operación), de cor branca e violácea na beira. Sen olor apreciable e de sabor desagradable.

Hábitat: Frutifica en bosques de coníferas de terresos areosos e calcarios, máis rara en frondosas. De finais de inverno a primavera. Rara pero localmente abundante.

Observacións: Moi tóxica en cru, pois contén substancias hemolíticas (que destruen os glóbulos vermellos). De sospeitada toxicidade incluso cociñada, a lo menos para algunhas persoas. Para admirar, non para comer.

Polo seu tamano, carnosidade característica e coloración, é pouco probable que se poidan dar confusións con oitras especies similares. O grosor da súa carne o diferencia claramente das pezizas, cas que comparte familia, a pezizaceae.
Existe unha variedade completamente branca, debido ó cal poderiamos confundila con algunha especie do xénero geopora, de himenio branco tamén, nunca mourado, pero moito máis pequenas e ca superficie exterior recuberta de minúsculos peliños que lle dan un aspecto afeltrado.

Fermoso, invernal e sinxelo de identificar, ¿qué máis se pode pedir? Por hoxe xa vos deixamos, pero volveremos moi pronto. A Sarcosphaera coronaria aínda estaredes a tempo de atopala cas próximas chuvias, así que xa estades avisados. Nós, mentres esperamos a inminente primavera, seguiremos buscando ós últimos cogomelos que o inverno nos deixará para levárvolos á casa dende Refungando.
Ler máis...
Related Posts with Thumbnails