Si, seguimos a ter un inverno de frío que mete medo, pero os nosos subterráneos amigos sempre atopan a maneira de sair adiante. O pasado fin de semana, Alejandro Mínguez atopaba unhas "Trompetas dos Mortos" en Celanova (terra que tamén ha de estar quentiña), acontecemento do que se fai eco no seu blog de A Nosa Terra e que podedes ler AQUÍ.
Nós, namentres, se ben non temos a sorte de atoparnos manxares como Craterellus Cornucopioides, si que nos atopamos sinxelas belezas coma a da imaxe da esquerda, unha Helvella Elastica, (antigamente Leptopodia Elastica) coa súa característica forma de sela de montar.
Así que agarrade as rendas, que imos a coñecer un pouco máis de esta curiosa especie que nos volve a lembrar a cantidade tremenda de formas e cores da que fan gala os ascomicetos (ós que pertence) en particular e os cogomelos en xeral. Imos botar unha ollada á descripción macroscópica deste "froito" de fungo, pincha en "ler máis".
DESCRIPCIÓN
Corpo Fructífero: 4-8 cm de altura. O receptáculo está formado por dous lóbulos. De novo está totalmente enrolado sobre a parte superior do pé (ver imaxe á esquerda) e logo ábrese mantendo as marxes incurvadas co himenio dirixido o exterior, tomando a típica forma de sela. Cor abrancazada, logo parda gris ou parda ocrácea na superficie superior, ou himenio, e abrancazada na superficie inferior ou estéril. Superficie seca e aveludada. Pé branco, moi esvelto, engrosado na base, liso ou cun único e longo suco lonxitudinal, elástico, glabro (sen peliños, non aveludado, o contrario de tomentoso) e axiña oco.
Carne: Elástica e gomosa. De olor e sabor inapreciables. Síntese.
Hábitat: Crece en bosques frescos de ribeira e tamén en bosques de folla. En rupos máis ou menos numerosos. Verán e outono (aínda que as imaxes son de exemplares fotografados a finais de Xaneiro!). Frecuente en toda Galicia, aínda que non tanto na nosa zona, onde aínda que se atopa, é de forma anecdótica.
Observacións: o xénero Helvella (pequena legume ou verdura en latín) é facilmente recoñecible pola forma tan característica e pouco frecuente en oitros xéneros. A forma de sela de montar a cabalo fai moi fácil recoñecelas cando nos atopamos con algunha ainda que non sempre terán a forma tan clara como a da foto que abre o artigo; Helvella Elastica varía moito tanto en cor como en forma e, de existir algunha confusión, probablemente se daría con outra especie do mesmo xénero. Helvella Atra, por exemplo, se parece bastante morfolóxicamente, pero é máis pequena e dunha cor moura que nunca atoparemos en Helvella Elastica. Helvella Lacunosa tamén é fácil de distinguir polo seu pé cheo de sucos lonxitudinalmente.
Helvella Elastica é tóxica en crú, como todas as Helvellas, e comestible de pouco ou ningún interese despois de ben cocida, así que ide olvidándovos de pegarvos boas enchentas. Este cogomelo ten máis interese dende o punto de vista mediciñal: en 2005 un grupo de científicos coreanos comprobou a efectividade do extracto de 67 cogomelos distintos para facilitar a fribrolise, isto é, a disolución de trombos provocados pola coagulación sanguínea; Helvella elástica foi un dos 7 cogomelos que se mostraron eficaces nesta tarefa.
Helvella Elastica
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario