Os fungos do Home do Xeo

Si, efectivamente, o tipo da foto non ten moi boa cara, pero eche o que ten pasarse 5.000 anos conxelado nun glaciar; non é bo para o cutis. Algúns xa o coñeceredes, trátase de Ötzi, e oitros coñecerédelo neste artigo que hoxe transcribimos dende a revista da Federación Galega de Micoloxía deste ano pasado 2009, Tarrelos. Nel, o amigo Xosé María Costa Lago nos falará deste antigo micólogo dos Alpes, e os fungos que os científicos que o estudaron atoparon entre a súa equipaxe. Así que co permiso do autor, ó que de paso lle enviamos un fúnxico saúdo, dende Refungando vos invitamos a esta interesantísima viaxe pola historia e a micoloxía. Pasen e lean...

Os Fungos do Home do Xeo (Fotografía dos cogomelos: José Manuel Castro Marcote)

"La Yesca que se usa para quemar o se usa para moxas se le baña en una disolución de nitro concentrada; pero no se ha de aplicar ésta cuando es la yesca destinada a cohibir las hemorragias, en cuyo caso conviene que sea muy fofa y tomentosa, para que mejor absorba la sangre y comprimiendo los tejidos, determine su oclusión..."

Juan Texidor y Cos, "Flora farmacéutica de España y Portugal" (1871)


No verán de 1991, quente de máis, aos glaciares dos Alpes deulles por cuspir cadáveres de alpinistas, algúns deles retidos durante decenios no ventre conxelado da montaña. Perpo o sexto e último desta macabra lista amosouse de contado coma un cadáver glacial atípico. Aquela momia reseca de varón, atopada accidentalmente por unha parella de sendeiristas de Nuremberg, convertiriase en pouco tempo nun extraordinario achádego arqueolóxico que causaría un grande rebumbio na comunidade científica internacional.
Nada menos que a momia dun home prehistórico de 5.200 anos de antigüidade con toda a súa impedimenta. Nunca tal se vira. (Pincha abaixo para seguir lendo!)


Os fungos de Ötzi

O homo tirolensis do Hauslabjoch, prmeira etiquetas de moitas que lle puxeron ao defunto, é mundialmente coñecido co cariñoso alcume de Ötzi, pois apareceu no Ötzal (literalmente val de Ötz, topónimo que remite a pastos, a transhumancia) a 3.599 metros de altitude, moi preto das fronteiras de Italia con Austria. Espalladas ao redor do corpo estaban as súas pertenzas. Da longa lista de obxectos que portaba Ötzi hai dous que teñen un grande valor etnolóxico. Trátase de dous fungos, dous poliporos identificados como a esca (Fomes Fomentarius) e a cipocha das bidueiras (Piptoporus Betulinus). Deles falaremos neste artigo.

Fomes Fomentarius (L.: Fr.) J.J. Kicks

Cunha peculiar forma de pezuño de cabalo, o F. Fomentarius é un fungo de grande tamano que pode acadar os 50 cm de ancho e os 20 de espesor. Ten unha codia grosa e dura orlada de protuberancias concéntricas. Especie perenne, déixase ver en calquera estación sobre madeiros de frondosas, especialmente faias. Coa súa carne de cor leonada prepárase a esca, produto imprescindible noutros tempos para prender o lume.
Probablemente é o fungo coñecido usado polo home dende hai máis tempo, con rexistros arqueolóxicos que datan do Mesolítico, nos que aparece moitas veces asociado a restos de sílex.
Sabemos que os lexionarios romanos utilizaban acendedores de esca, e dela falan autores como Plinio o Vello, Santo Isidoro ou Celio Aureliano. Temos tamén datos etnográficos e nomes populares en distintas linguas (esca, bolet d'esca, hongo yesquero, tinder fungus,...) que nos falan dun uso non tan afastado no tempo. No caso de Ötzi os anacos de esca (na imaxe da dereita) estaban no interior dunha bolsa de coiro que contiña ademáis pedernal, un buril, unha cuncha e pequenos restos de pirita. O que Ötzi levaba nesa bolsa atada á cintura non era outra cousa que un completo "kit" para prender lume.
A preparación tradicional da esca consitía en retirar a trama do fungo, remollala en auga quente xunto con cinzas, golpeala logo cun mazo e poñela de novo a remollo, esta vez nunha solución de nitrato potásico, bo oxidante. O producto resultante é unha esca excelente, doado de prender cunha soa faisca e manterse acesa sen lapas durante moito tempo. Outro fungos utilizados para estes fins son o Phellinus Ignarius, a falsa esca, non tan boa para prender o lume pero si para conservalo nas lareiras, pois arde con moita lentitude, e o Laetiporus Portentosus, utilizado non nosos días polos aborixes australianos.

Pero o F. Fomentarius tivo outros usos. Coa esca fabricábanse as moxas, unha especie de compresas utilizadas na cauterización das feridas e das que xa nos fala Hipócrates na súa extensa obra. O tratmento consitía en aplicalo sobre a parte afectada, prenderlle lume e deixar que se fora consumindo ata converterse en cinzas. Sen engadirlle á trama sal de nitro facíanse gasas hidrófilas, que se aplicaban en pequenas feridas para cortar as hemorraxias xa que pola súa textura porosa e a súa riqueza en taninos resultaban un bo absorvente e desinfectante. Os dentistas secaban con estas gasas as cavidades resultantes da extracción dun dente ou dunha moa e os pedicuros utilizábanas para separar as unllas encarnadas. Os habitantes da rexión alemá de Franconia, sen embargo, conseguiron transformar a esca nun feltro mol e flexible co que facían chapeus, embelecían vestidos e manteis e manufacturaban moedeiros.

Piptoporus Betulinus (Bull.:Fr) P.Karst

Polo seu hábitat sobre bidueiros, a súa forma de ril, a carne branca e a capa de tubos separable da trama, P. Betulinus é unha especie doada de identificar. Non o tivo tan doado o micólogo Reinhold Pöder, do Departamento de Microbioloxía da Universidade de Innsbruck á hora de identificar o segundo dos fungos que levaba con si Ötzi, xa que se trataba de dúas mostras de carpóforos estériles e as características macro e microscópicas necesarias para unha boa identificación xa desapareceran. Despois dun arduo traballo as posibilidades quedaron reducidas a dúas: Fomitopsis Officinalis e Piptoporus Betulinus. Unha análese radiocromatográfica despexou finalmente a dúbida a prol deste último.

Os fungos, que apareceron ensartados en finas tiras de coiro (á esquerda), constitúen un achádego importantísimo, pois entre as carcterísticas de P. Betulinus está a fabricación de substancias antibióticas denominadas ácido poliporénico A, B e C, eficaces para combater moitas microbacterias, entre elas o bacilo da tuberculose, así como pusuir propiedades antiinflamatorias. Se temos en conta a hipótese de que Ötzi puido ter sido un xamán, a presenza destes fungos podería responder a un posible uso curativo-espiritual e formarían parte da súa caixa de urxencias para a viaxe.

Cando escoitamos falar de fungos medicinais, véñennos á mente nomes tan exóticos como Maitake (Grifola Frondosa) ou Reischi (Ganoderma Lucidum), este último cunha tradición milenaria na medicina botánica chinesa. Pero a vella Europa non é allea atales usos. Xa no S. I d.C. o médico greogo Dioscórides escribiu sobre as propiedades curativas dos fungos que nacen nas árbores poñendo especial énfase no antes citado Fomitopsis Officinalis, cun nome específico que arrencende á trastenda de botica e que foi considerado na antiga Roma como unha sorte de remedio universal. En Rusia e Finlandia fan un té co esclerocio do Inonotus Obliquus, coñecido popularmente como chaga, como remedio para a gastrite, as úlceras e a tuberculose dos ósos.
O herborista David Winston sostén que é un fungo medicinal máis efectivo contra o cancro, xa que xontén Inotodiol, de demostradas propiedades antitumorais. E os Khanty, un pobo que vive no oeste de Siberia, fan un curiosso uso etnomedicinal co Phellinus Nigricans: despois de queimar o fungo mesturan as cinzas con tabaco e náscano para tratar a carie e a dor de moa.
Conclusións

Non foi a montaña a que matou a Ötzi. Hoxe sabemos que morreu asasinado a golpes e frechazos a mans dos seus veciños, probablemente membros dun clan rival. A montaña deu acubillo ao seu corpo e logo devolveuno máis de 5.000 anos despois para que souberamos como vivían os tiroleses do Neolítico Superior.
O estudo da súa equipaxe demostra que Ötzi era un home moi ben adaptado ao seu medio, cun amplo coñecemento dos recursos naturais. No caso que nos ocupa, o achádego dos dous fungos indica unha sofisticada relación co mundo micolóxico, xa que saber das propiedades medicinais dun fungo implica un grao de coñecemento máis profundo ca saber simplemente se un cogomelo é comestible ou non.

Por outra banda, os poliporos en xeral son considerados case sempre dende un punto de vista negativo pola súa habilidade para aprodecer rápidamente a madeira non só dos bosques senón tamén dos nosos parques e xardíns e mesmo das nosas vivendas, barcos, cercados, postes de telégrafos ou travesas do ferrocarril. Sen embargo, como vimos neste artigo, teñen tamén aspectos moi positivos. Nin héroes nin viláns, os poliporos son deses fungos que poden contribuir á mellora da nosa calidade de vida.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts with Thumbnails