Inauguramos nova sección: Macroscopía

Se vos fixades arriba nos elementos do menú agora hai unha nova incorporación. A sección Macroscopía tratará do estudo da morfoloxía dos cogomelos mediante a observación de caracteres apreciables a simple vista como formas, texturas, aspecto xeral, etc. Na propia sección atoparedes maís información e interesantes debuxos explicativos que esperamos vos sean de gran axuda.

Doutra banda en relación a unha cuestión que atoparedes na devandita sección, que é a distinción entre caracteres propios da especie estudada ou "accidentes", vou subir unhas fotos duns Boletus Pinophilus que sobreviviron a un destes cambios brutais de tempo de ahí atrás. Despois de moitos días de nubes e humidade, dun día para oitro atopámonos de cheo nun día de verán, co resultado que podedes observar nas imaxes que seguen. Todo isto para ilustrar como neste caso as condicións climatolóxicas afectan ó aspecto do cogomelo, dificultando ás veces a súa identificación.

Na primeira imaxe podedes ver un Boletus Pinophilus de hai un mes. O sombreiro padeceu a visita de lesmas e demáis, e facía un par de días que non chovía e con sol, así que o sombreiro aparece ca cutícula moi seca e cun color máis claro do normal, inda que conservando os tons granate-avermellados característicos de este cogomelo e apreciables tamén no pé.

As oitras tres fotos foron tomadas o mesmo día no mesmo lugar fará unha semana, e mostran diferentes estragos producidos polo cambio brusco de tempo.



Na segunda imaxe a superficie de cogomelo está totalmente cuarteada, con grandes fendas que nos deixan ver a carne blanca, pero ó estar o cogomelo cuberto entre a vexetación a decoloración no sombreito non é tan acusada como nas dúas seguintes imaxes.



Na terceira da serie á decoloración pola exposición directa ó sol hai que engadir que distintos animais "limparon" case que toda a superficie do sombreiro, quedando restos da cutícula decolorados nalgúns puntos. O aspecto esponxoso e amarelado da carne débese á exposición da mesma ós elementos. Debaixo segue sendo branca.



Por último, a derradeira imaxe mostra un Pinophilus novo, pero co sombreiro totalmente decolorado polo sol sen restos da cor "orixinal", aparecendo dun color crema pálido que nada ten que ver ca especie.




Nestes casos os "accidentes" son moi claros, pero non sempre é así. Unha decoloración lixeira, un anel desprendido, unha marxe estriada pola falta de humidade, unhas escamas lavadas, etc., pódennos levar a desafortunadas confusións...

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts with Thumbnails