O misterio dos corros de bruxas








De seguro que máis de unha vez os tedes atopado con eses misteriosos círculos na herba. Estes círculos son moito máis evidentes cando están suliñados dunha ringleira de cogomelos seguindo o debuxo, formando un corro como nenos no patio do colexio. E como unha imaxe vale máis que mil palabras, nas fotografías que encabezan este artigo podedes ver distintos corros de Agaricus urinascens, algúns dos cales deben rondar os 10 m de diámetro sen despeinarse, nuha serie de fotografías tomada en Celanova e cortesía de Alejandro Mínguez, quen podemos ver na última de elas. Impresionantes, ¿non sí? Agora xa sabemos de qué falamos, pero... ¿Qué estranas forzas se conxugan para dar como resultado estos intrincado deseños circulares tan abundantes nos nosos campos?¿Qué imposible e invisible man se dedica a debuxar círculos nos nosos campos? Hoxe en Refungando imos a desvelar o segredo que se oculta tras estas fascinantes obras da natureza. Benvidos, amigos dos cogomelos, á nave do misterio...

(fai click abaixo para ler o artigo completo!)


Dende antigo xurdiron no tempo tantas explicacións coma cabesiñas pensantes pululan polo mundo adiante: no mundo anglosaxón se lles conoce como fairy rings (aneis de fadas) e contan que os aneis se forman nos lugares donde de noite á luz da lúa danzan as fadas; tamén había quen pensaba que se formaban nos lugares donde caian os lóstregos durante as tormentas; máis nosa é a teoría de que nos lugares dónde as bruxas bailaban nos seus aquelarres era dónde se veían logo estas formacións (de ahí o nome de corro de bruxas); tamén temos algunha teoría moito máis moderna que explica o fenómeno recurrindo as visitas de ovnis, que deixarían esas marcas ó aterrar... Verídico. Como vedes, hai explicacións para tódolos gustos. O home tende a encher as lagoas do seu coñecemento con grandes doses de imaxinación.
Existe todo un corpus de lendas e mitos ó redor dos corros de bruxas que darían para un artigo enteiro, pero hoxe centrarémonos na súa orixe e formación. E como xa supoñeredes, existe unha explicación moito máis real e fúnxica para este curioso fenómeno que as que acabamos de nomear.

Para explicar a formación destes corros, temos primeiro que entender como se desenvolve o micelio dos fungos, auténtico responsable destes círculos máxicos. Este proceso arranca cando as primeiras hifas do fungo comezan a formarse e a medrar baixo terra; se non media ningún obstáculo no seu camiño, fanno en tódalas direccións por igual e a igual ritmo. Así que se comezamos nun punto, ó cabo duns anos de crecemento... ¿que é o que temos? Exacto: un círculo de micelio. Este micelio, precisa dos nutrintes do chan para desenvolverse e, ó facelo, vai agotando estes recursos pouco a pouco comezando, claro está, polo centro de ese círculo, dónde comezou a medrar, e así é como o micelio vai desaparecendo dende o centro. ¿Qué temos entón agora? Un anel. Un anel de micelio baixo terra que, por suposto, provoca cambios visibles na superficie.

Aparte do feito de que tódolos corros de bruxas se volven evidentes cando o fungo fructifica, enchendo o anel de cogomelos, é na herba (cando esta está presente) dónde se volve máis evidente o que anda a acontecer debaixo. E os cambios nesta dependen en certa medida do fungo responsable, claro. Pero o que vos vamos a contar é válido en maior ou menor medida para todos.

Xusto no borde do anel, onde se aprecia cómo a herba se ve máis verde e medra máis vigorosa, é dónde o micelio do fungo está a descompoñer nutrintes do sustrato e liberando nitróxeno no medio que actúa como fertilizante natural da herba. Por iso ainda que non aparezan cogomelos, o anel é perfectamente visible dende lonxe. Fixádevos se non na imaxe de arriba, cortesía de Mercedes Nodar, de A Estrada Micolóxica, na que se aprecia perfectamente no medio do campo o lugar no que o fungo se está a desenvolver e a herba "anabolizada".

Cara ó interior do anel e xusto pegado ó borde, pode (non sempre é así) haber unha zona dónde á herba lle ocorre todo o contrario: aparece debilitada, decolorada ou directamente morta. Isto se debe a que nesa zona o fungo agotou xa tódolos nutrintes, e as raíces da herba non poden conseguir o alimento necesario para denvolverse normalmente. Ó ir medrando o anel está zonas se van pouco a pouco recuperando e a herba se comeza a recobrar vigor dende o centro hacia a fora. Imos ver a continuación un esquema dun corte transversal dun anel típico cas súas partes características que ilustra o que acabamos de explicar...


Existen ó redor duns 60 tipos de fungos basidiomicetos que forman aneis, algúns son saprófitos (como os pertencentes ó xénero agaricus, ou un clásico dos círculos como Marasmius oreades) pero tamén podemos atopar fungos micorrízicos formando estos círculos (como Cantharellus cibarius, sen ir máis lonxe, como veredes máis adiante).

Claro que non todo son círculos polos campos adiante, ás veces podemos atopar os cogomelos en arco ou formando en liña (ó millor, pensará algún, o marciano viña un pouquiño pasado de caña de herbas e rascou o ovni de canto ó aterrar...). Nada máis lonxe da verdade. Pero por pasos. Fixádevos na imaxe da esquerda, composta por dúas fotografías pegadas. Na primeira podemos ver seis exemplares de Macrolepiota procera listos para revisión... en liña ¿recta? Hmm... vexamos a fotografía da dereita a ver que nos di. Na imaxe saen no fondo os seis cogomelos de antes pero, se nos fixamos agora vemos que forman un arco con estes dous en primeiro plano e outros dous ou tres que non saen na fotografía. Anoitecía e o flash no daba para máis. ¿Qué pasa aquí? ¿Quén se levou o cacho que falla? Volvamos atrás unhas liñas. Antes dicíamos "O proceso arranca cando as primeiras hifas do fungo comezan a formarse e a medrar baixo terra; se non media ningún obstáculo no seu camiño...", e ahí está a clave. Se non se atopa obstáculos. Pero, ¿e si é así? Para entender isto imos a botar man de outro gráfico made in Refungando que como veredes explica este fenómeno de forma moi sinxela...

Nunha primeira fase o noso amigo medra e se desenvolve formando un pequeno anel, á vista dun obstáculo, neste caso, un bo pedrolo que mora pola zona. Pasamos á fase dúas; xa pasou un ano e, cando voltamos, o fungo medrou ata topar ca pedra. Nese punto o seu crecemento se detén e o fungo só pode medrar abrazando a pedra en cuestión, polo cal aparece un vacío no anel. Un ano máis e chegamos á fase tres. O fungo segue imparable o seu crecemento pero, no lugar dónde se atopou ca pedra aparece ahora un gran espacio sen micelio. Co tempo, en sucesivas tempadas e sinxelo imaxinar que como arco irá medrando máis e máis... pero xa nunca completará o círculo. Canto maior sexa o círculo, maior será o seu radio e pode chegarnos a dar a impresión de que forma liñas perfectamente rectas. Isto é o que ocorreu no caso da liña de macrolepiotas. Se o círculo estivese completo estaríamos ante un corro de bruxas duns 15 m de diámetro aproximadamente.

Bueno, xa temos unha idea da súa formación e o misterio se volve cada vez menos misterioso pero, ¿qué tan rápido poden medrar estes círculos? Estamos ante unha pregunta complicada porque implica a moitas variables distintas: tipo de fungo, riqueza do chan, metereoloxía... Pero medran rápido. Entre 8 cm e 48 cm ó ano, dependendo do mencionado. Da misma maneira o tamano que poden chegar a acadar é igualmente variable e dependente de moitos factores. Na imaxe da dereita podedes ver un anel de Lepista nuda (o famoso pé azul) de aproximadamente un metro e medio de diámetro (fotografía de Alejandro Mínguez tamén); un dos pequenos. O normal é que os máis grandes cheguen ás decenas de metros, pero o corro de bruxas máis grande documentado atópase en Francia, formado por Clitocybe geotropa, ten 600 m de diámetro e se cree que pode ter uns ¡700 anos de idade!

Por último, e para despedirnos, vos imos a deixar unhas imaxes de varios corros formados por distintos fungos. Na primeira imaxe tedes un arco formado por Cantharellus cibarius, na fotografía é un pouco dificil distinguir os cogomelos entre a herba así que debuxamos unha liña punteada que segue o debuxo do arco.

Na segunda das imaxes podedes apreciar malamente parte dun gran anel formado por unha liña espesa de Sarcodon imbricatum; tedes que desculpar o borroso e descadrado da imaxe, pero era tan grande que houbo que facer un pouco o mandril e subirse a un piñeiro para tentar sacar a foto cunha man mentres ca outra me suxeitaba a unha das pólas, un exercicio de habilidade que non vos recomendo... sorte que non estaba moi alto cando parteu a póla. De todas formas se aprecia ben o tamano e forma do anel.

Por último, un clásico dos aneis de cogomelos, Marasmius oreades nun perfecto círculo de case dous metros, pequeno pero matón e ben tupido deste delicioso manxar.












Bueno compañeiros, por hoxe rematamos. Non nos quitedes ollo este outono, en breve volvemos a contarvos máis cousas do sempre sorprendente mundo dos cogomelos e o fungo que os fixo.

2 comentarios:

  1. Parabéns, encantou_me o teu traballo.
    O científico e botánico fiel revolto e misturado co encanto das crenzas populares.
    Graziñas

    ResponderEliminar
  2. Graciñas a ti, Cristovo, polo teu alento. As túas palabras son un empuxón para seguir adiante, se cabe, con máis forza.

    Unha aperta forte dende Ribeira!

    ResponderEliminar

Related Posts with Thumbnails