O vixilante da praia (non, non é David Hasselhoff)

Sinónimo: Lycoperdon mammosum, Tulostoma mammosum

 Tulostoma brumale Pers.
Ca chegada do frío non remata a presencia dos fungos nos nosos ecosistemas. Ó contrario, unha gran cantidade de especies esperan ás rebaixas de xaneiro para atopar o seu momento idóneo para frutificar. É o momento das pezizas e das helvellas (que ultimamente están que escachan) e, como xa adiantamos, dos cogomelos que gustan dos ecosistemas dunares, como o protagonista de hoxe, un curioso gasteral saprófito, Tulostoma brumale. De feito, brumale provén do latín e significa invernal.

Os tulostomas pertencen ó grupo dos gasterales. Lembremos que os gasterales son un grupo de cogomelos que no lugar de producir externamente as súas esporas (como os cogomelos con lamelas) o fan no interior dun receptáculo xeralmente de forma globosa que posúe algún orificio ou se abre na madurez liberando as mesmas. Os xeralmente chamados peidos de lobo son un exemplo deste tipo de cogomelos. Así que dalgunha maneira podemos dicir que Tulostoma brumale é un curioso peido de lobo que posúe un longo pé. ¿Situados? Ben.

Este cogomelo abunda moito nos ecosistemas costeiros da nosa comunidade, pero precisamente o seu hábitat misturado co pequeno tamaño fan deste cogomelo un individuo ben difícil de ver para a maioría de afecionados. Pero para iso estamos nós, para amosárvolo na vosa casa e animarvos a buscalo vos mesmos. ¿Botamos un ollo á descripción entón?

DESCRIPCIÓN

Corpo frutífero: 0,5-1,5 cm de ancho por 2-5 cm de alto. Cunha cabeza globosa algo esmagada polos polos e cun peristoma apical de forma tubiforme que se abre cando madura para deixar sair o esporal. O peridio é de cor crema sucia e máis tarde vólvese gris cinza, cunha mancha ocre apardazada que rodea o peristoma.

Pé: Liso, longo, cilíndrico, delgado, bulboso, moi enterrado e de consistencia fibrosa. De cor marrón clara. Na imaxe da dereita se aprecia millor a lonxitude do pé, que normalmente está medio soterrado polo manto de brións.

Gleba: Atópase encerrada dentro do peridio, liberándose ó madurar.


Zona dunar na praia de Espiñeirido
Hábitat: atópase en zonas areosas, prados de terreo calcáreo, e sobre todo en dunas marítimas. Cree en grupos de numerosos individuos. Ourtono tardío e principios de inverno. Pouco frecuente, pero moi abundante alí onde crece. Á esquerda podedes ver o aspecto do hábitat no que se desenvolve este cogomelo, nuhna vista dende o alto dunha das dunas preto da praia de Espiñeirido.


Medrando en grupos numerosos
Observacións: Pódese confundir con oitros membros do xénero, todos eles moi semellantes. A principal característica é o peristoma tubular (a zona que rodea o buratiño, o ostíolo, no peridio) manchado de cor parda ocrácea. Tulostoma fimbriatum  ten o peristoma fimbriado (os bordes do ostíolo son irregulares, como con flecos).

Bueno, aquí vos queda un cogomelo ben curioso, invernal coma o frío,  e amigo da praia, así que se tedes a sorte de poder regalarvos un paseo pola costa estes días, non deixedes de botar un ollo entre os brións porque alí, pasando desapercibidos entre a area e as cunchas, se encontran os vixilantes da praia.

Proximamente veremos máis amigos da praia, estade atentos. Ata entón, vémonos ó soliño entre as dunas e brións...

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts with Thumbnails