Mostrando entradas con la etiqueta hymenochaetaceae. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta hymenochaetaceae. Mostrar todas las entradas

Phellinus pini, cancro dos piñeiros


Falábamos ahí atrás dun fungo cuio prato preferido eran os eucaliptos, alabámoslle o gusto, Phellinus torulossus. Nestas liñas imos a coñecer a un familiar próximo (mesmo xénero e familia, a hymenochaetaceae), Phellinus pini, que ten predilección polos piñeiros, especialmente polos máis vellos. A través de feridas na codia da árbore, ou de ramas rotas, as esporas deste fungo infectan con facilidade os desafortunados piñeiros.

Atoparse con él non é difícil se un anda á súa procura, doutra maneira podemos pasar ó seu lado e non darnos nin conta; os seus carpóforos non son moi grandes (coma unha cuarta de man, os maiores), e se confunden bastante ben ca codia dos piñeiros. Só os mais grandes chamarán a nosa atención ó pasar preto, e iso se non medran moi altos. Se os buscamos activamente haberemos estar atentos ó tercio baixo do tronco da árbore, pois é dónde máis comunmente se atopan; a súa forma característica de consola e o contraste da súa figura de perfil contra a superficie lisa do tronco, fainos sinxelos de distinguir, incluso dende lonxe.

Phellinus pini, coma bo parásito, non lle fai ningún favor á árbore anfitriona, cuia madeira descompón dunha peculiar maneira: degrada a lignina (responsable da resistencia mecánica da madeira) e deixa á celulosa case intacta, co cal a productividade madereira se reduce á trituración. Hai que ter en conta que este fungo se desenvolve moi lentamente e, ademáis, necesita formar unha columna de pudrición no tronco importante antes de producir carpóforos, polo que podemos estar ante exemplares en apariencia sans, que están en realidade parasitados.

En resumo: temos un fungo que podemos atopar todo o ano, moi abundante nos piñeirais vellos da costa galega e un modelo para o micólogo metido a fotógrafo casual que nos proporciona fermosas composicións, sobre todo cando o carpóforo está cuberto de liques e musgos... ¿Máis motivos para pasar a coñecer este fungo? Fai click abaixo para ver a descripción completa de Phellinus pini da man de "Cogomelos de Galicia" e Refungando...


DESCRIPCIÓN

Sombreiro: 5-12 cm de diámetro. Unguliforme (forma de unlla) ou en foma de consola, coa superficie en contacto co tronco moi ensanchada. Cor parda escura ou moura, con sucos concéntricos ben delimitados e moitas veces con gretas ou fisuras radiais (que podedes observar millor na imaxe da dereita). Marxe afeltrada e de cor canela.

Himenio: formado por tubos estratificados e de cor parda clara. Poros redondeados ao principio e máis tarde anchos, angulosos e de cor canela (chegan a ter un aspecto labiríntico). Podedes facer click na imaxe da esquerda e observar en detalle o himenio deste cogomelo xa bastante desenrolado.

Pé:
non existe, como tamén se pode apreciar na imaxe.

Carne:
de consistencia suberosa-leñosa, dura, seca e pesada. Cor parda roña. Sabor e olor inapreciables.

Hábitat:
é un cogomelo plurianual que parasita os troncos de vellos piñeiros (non exclusivamente, pois ataca moitos tipos de coníferas), xeralmente maiores de vinte e cinco anos de idade. Na costa galega é frecuente atopalo. Sen ir máis lonxe, se tedes interés en observar estes cogomelos, son moi frecuentes no Parque Natural de Corrubedo, en concreto na zona do Vilar. Se entrades polo acceso do Centro de Interpretación, toda a banda de piñeiros, sobre todo á dereita do acceso, está moi parasitada e non tardaremos en atopar algúns fermosos exemplares.

Observacións: É fácil de identificar polo seu sombreiro zonado, forma de consola é habitat particular, sempre parasitando vellos piñeiros.

Normalmente atoparemos un ou dous carpóforos por piñeiro, pero como vedes na imaxe á esquerda, en casos de infección moi estendida, o piñeiro pode estar ben engalanado de cogomelos, ata máis de dez nun só tronco.

A súa selectiva forma de degradar a madeira levou a algúns intentos para aproveitar industrialmente esta habilidade alá por 1978, isto é, se podemos reproducir o comportamento do fungo na madeira, que deixa a celulosa case intacta, poderíamos evitar o contaminante proceso que se utiliza hoxe en día para separar a lignina da celulosa para facer pasta de papel.

Hoxe en día este fungo constitue un serio problema nas plantacións de piñeiros con fins comerciais, porque a parte de pudrir a madeira, este fungo interfire tamén, nos estadios de infección mási virulentos, na producción de piñas, e non existe unha cura unha vez se produce a infección.

Así é amigos, Phellinus pini: fermoso e perigoso, azote dos piñeiros e perenne habitante da costa galega. ¿Ides marchar do monte sen darlle unha visita?
Ler máis...

Parasitando Eucaliptos: Phellinus Torulosus

Sinónimo: Fuscoporia torulosa

Os fungos lignícolas, ou parásito-lignícolas coma o protagonista deste post forman en moitas ocasións fermosísimas estampas naturais cas súas "víctimas". Así, as veces, nos atopámosos vellísimos troncos vestidos de musgo e cubertos cunha impresionante profusións de cogomelos, coma os da imaxe de arriba, que ascenden en terrazas polo tronco da árbore. Son estas situacións cogomelos que poden facer que te acordes de moitos santos se ese día deixastes a cámara na casa. Erro. Pero iso non nos aconteceu ós de Refungando, e hoxe vos traemos estas imaxes dun exemplar ben farruco de Phellinus torulosus, un parásito dos eucaliptos, entre outros, frecuente na nosa zona e que da en formar, sobre todo os exemplares vellos, belas e intrincadas composicións de formas caprichosas. Sen dúbida, o eucalipto máis fermoso (despois dos que están no seu sitio, Australia, e cheos de koalas) e aquel ben infectado polo protagonista de hoxe.

Phellinus torulosus non aparece descrito en "Cogomelos de Galicia", así que desta vez botaremos man doitro manual micolóxico galego, neste caso a "Guía Micolóxica dos Ecosistemas Galegos" de Marisa Castro, Alfredo Justo, Puri Lorenzo e Ana Soliño. Da man destes autores imos hoxe a coñecer ó noso parásito amigo da familia Hymenochaetaceae. Pincha abaixo en Ler máis...


DESCRIPCIÓN

Corpo fructífero: presentan unha gran variedade morfolóxica, sésiles (non presentan pé), pileados, triangulares en sección, vertical, formados por sombreiros xeralmente semicirculares, aplanados e grosos, ata 46 cm de ancho. Pileipelis (refírese á capa máis externa da superficie do sombreiro, neste caso, a superficie máis escura dende a marxe ata o tronco) glabra ou lixeiramente tomentosa, con estrías ou con fendas na madurez, de cor ocre ou castaña pálida, ás veces verdosa debido ó crecemento de algas e liques. A marxe é estéril de cor canela (moi característica!), obtusa e de 2 cm de ancho, apróximadamente.

Himenio: formado por tubos de cor pálida, apertados, dispostos en estratos, con paredes grosas, poros redondeados (moi pequenos), de cor parda avermellada.

Carne: fibrosa, dura e de consistencia leñosa, de cor amarelada a castaño, ata 11 cm de grosor, formada por capas que se poden observar ao cortar en vertical, xa que existe unha delgada liña negra que as separan. A carne ennegrece ao aplicarlle potasa.

Hábitat: Atópase durante todo o ano parasitando anxiospermas, entre elas eucaliptos, máis raramente sobre coníferas.

Observacións: como en moitos fungos lignícolas, a sua carne dura e correosa, da textura da madeira, deixan bastante claro o aspecto da comestibilidade, a menos que gustedes de roer paus.
Phellinus torulosus non lle fai ningún favor o seu anfitrión, é un fungo que causa a chamada podredume branca; posúe enzimas que lle permiten degradar as paredes celulares da madeira. Se vos fixades con coidado na imaxe da esquerda observaredes como este eucalipto non só estaba ben parasitado, senón que ó mesmo tempo micorrizaba con un fungo xa coñecido desta páxina Pisolithus arhizus, que neste vello eucaliptal fructificaba con profusión, pelexando polos eucaliptos con Phellinus. Deixámos que atopedes os dous carpóroros visibles a modo de pasatempo.

Bueno amigos, desexando que Phellinus torulosus se poña nese eucaliptal ata as trancas de comer madeira e medre fermoso, nos despedimos ata a próxima entrada, que últimamente temos moito que refungar! ¡Cheirámonos pronto!
Ler máis...
Related Posts with Thumbnails