Cordyceps militaris... ¡O terror das eirugas!

Confeso que teño debilidade polo fungo que hoxe traemos con nós. Cordyceps militaris no só produce fermosos cogomelos como podedes ver, senón que ademáis, como moitos irmáns de xenero, é un implacable asasino selectivo. Pero vaiamos por partes, que diría Jack o Destripador.
Para os que non coñezades nada do xénero Cordyceps, vos recomendo o video que colgamos nesta páxina hai un tempo e que podedes ver pinchando AQUÍ. Os demáis, xa deberiades saber como as gastan estes fillos da gran hifa.

O xénero Cordyceps engloba preto de 400 fungos parásitos maiormente de insectos (son, polo tanto, entomopatóxenos), ainda que tamén poden parasitar en moita menor medida oitros fungos.

A historia comeza cando as esporas destes ascomicetos suspendidas no aire entran en contacto e infectan o anfitrión (soen ser moi selectivos, cada especie de Cordyceps se especializa nunha especie determinada de insecto/fungo); máis tarde, nas condicións adecuadas, comezan a desenvolverse as hifas e a medrar o micelio que acaba alimentándose do corpo do desafortunado insecto, chuchándoo dende dentro e deixando tan só unha cáscara valeira da que brotan con fantasmais formas as incribles e variadas fructificacións destes fungos.
Así que... ¿qué hai baixo ese estrano cogomelo alaranxado que medra acochado entre os picaños dos piñeiros? Pois unha eiruga, ni máis nin menos; en concreto unha eiruga da "procesionaria dos piñeiros" (Thaumetopoea pityocampa), esa interminable praga dos nosos montes. Aínda millor dito: o que hay baixo terra é a crisálida da bolboreta; a eiruga xa levaba as esporas do fungo asasino pegadas ás velosidades do seu corpo cando se soterrou para mudar sen saber que xa estaba condeada.

Nota: Cabe lembrar que, falando das velosidades desta eiruga, estas producen fortes reacción alérxicas nas persoas e nos animais (nos cans sobre todo, pola súa afeción a cheirar e morder cousas). Incluso os urticantes peliños de exemplares mortos no chan, ou levandos polo aire, nos poden afectar e provocarnos unha mala pasada. Todo isto aparte do dano que fan ós piñeiros, xa que se alimentas dos picaños durante todo o inverno felices nos seus niños de seda, ata que chegando a primavera baixan dos piñeiros para soterrarse e mudar en bolboreta para o verán.
Cordyceps militaris nos proporciona unha poderosa arma natural para acabar con esta praga. De feito xa é empleado desta forma, limitado o seu uso pola dificultade de obter o fungo. Imos xa botar un ollo á descripción detaiada dun fungo cheo de sorpresas. Pincha abaixo en leer máis para adentrarte no mundo deste compañeiro fatal da procesionaria!!


DESCRIPCIÓN

Corpo fructífero: 1-4 cm de alto por 4-5 mm de espesor (fixádevos que é realmente pequeno!). Formado por unh cabeza fértil en forma de estaca esmagada e un pé estéril. Cabeza de cor vermella alaranxada viva que cando madura está cuberta de grosas granulacións debido ós ostiolos prominentes (os furados polos que asoman esas granulacións son os ostiolos; as granulacións que asoman máis escuras e de forma ovoide, aínda que só vemos a parte que asoma, son os peritecios, que conteñen as ascas onde se formarán as esporas) . Pé ben delimitado, cilíndrico, con finas verrugas de cor amarela laranxa, máis pálido que a cabeza.

Carne: De consistencia fráxil. Sen olor nin sabor apreciables.

Hábitat: É unha especie parasita de crisálidas de bolboretas, sobre todo da "procesionaria do piñeiro", polo que acostuma a atoparse en piñeirais. Inverno e primavera. Difícil de ver polo seu tamano, raro en Galicia pero bastante sinxelo de atopar pola nosa zona se nos fixamos un pouco. Abundante por fortuna na zona do Vilar. Na imaxe da esquerda podedes ver o máis parecido a un "corte transversal" que puidemos conseguir. Como podedes ver, a pupa da eiruga está xusto baixo a capa de terra e o pé está na súa maior parte baixo ela. Na seguinte imaxe podedes ver varias crisálidas desenterradas e apreciar millor a lonxitude das fructificacións de Cordyceps militaris.

Observacións: O nome do xénero, "Cordyceps" significa en latín cabeza de bastón e o de "militaris", referencia atopada nunha páxina que xa nin recordo, parece que ten que ver co parecido das súas frutificacións de cor laranxa vivo cos adornos dos uniformes de gala dos militares; en fin, o conto está ben ainda que on sexa certo.

Falando de posibles confusións, non deberían existir debido ó seu hábitat particular e cor. Cando parasita eirugas, pode confundirse con Cordyceps gracilis, de cabeza máis redondeada e cor parda amarelada. Ás veces aparece sobre crisálidas de bolboretas unha forma conidióxena (asexual) e abrancazada (Isaria farinosa) semellante a unha ramaria e que algúns autores asocian con Cordyceps militaris.


Como todo ser vivo na natureza, os fungos deste xénero cumpren unha labor e ocupan un posto no plan universal da natureza, neste caso, e como puidestedes observar tamén no video, o control poboacional. Se algúnha poboación das especies afectadas por este fungo experimentara pola causa que fora (medio ambiental, exceso de alimento, desaparición de depredadores naturais,...) un rápido crecemento no tempo, o fungo competente se encargaría inmediatamente de volver equilibrar a balanza, xa que cantos máis especímenes infectados anden pululando pola fraga, maior será a dispersión das esporas/infección e máis sufrirá esa poboación os seus efectos.

Existen tamén aplicacións médicas deste xénero de fungos, capaces de producir biomoléculas de intersantísimas propiedades biolóxicas. A sustancia chamada cordicepina, extraida de varias especies do xénero, entre elas Cordyceps militaris, era coñecida xa dende os anos 50 pero que agora se está a poñer de moda como prometedor fármaco na loita contra o cancro pola súa habilidade en baixas dosis para impedir a replicación das células canceríxenas e, en altas dosis, para impedir a súa asociación. Os resultados deste estudio sairon á luz a finais do ano 2009 da man dun grupo de investigadores da Universidade de Nottingham.

Por último, como curiosidade, deixarémosvos por aquí un enlace a unha páxina web con varias fotografías de distintas especies de Cordyceps, para que vos fagades unha idea da variabilidade e riqueza de formas e cores destes implacables controladores de pragas:

http://www.utexas.edu/courses/zoo384l/sirena/species/fungi/

Esperamos que vos gustara este artigo, podedes estar seguros que non vai ser a última vez que oiades falar por aquí dos Cordyceps e as súas peculiaridades.

Un saúdo a todos, e non vos olvidedes de refungar tódolos días polo menos media hora, que aumenta a espectativa de vida nun tropecentos por cen!

3 comentarios:

  1. Vaiaaa, eu tiven que estudar a procesionaria e parece mentira que ningún profesor me falase destas opcións.
    Gustoucheme moito este post (e o video do enlace!), vai ser verdade que a realidade sempre supera á ficción!
    Eva

    ResponderEliminar
  2. Hola Eva! Pois xa sabes, se coñeces algún piñeiral no que haxa procesionaria, podes agora atopar este fungo, que é cando fructifica. Paga a pena.

    Un consello: leva lupa se os queres ver ben, son moi pequenos.

    Anímate e nos contas!

    ResponderEliminar
  3. abreuse a veda... agora haber que atopa un insecto parasitado con cordyceps
    ahi vos deixo o reto jejejeje

    ResponderEliminar

Related Posts with Thumbnails