Rickenella Piquiniana, unha especie nova descuberta en Ribeira de Piquín (Lugo)

Fotografía: Jaime Blanco Dios

Fumata branca... ¡Habemus fungus! Esas preciosas "brancas damiselas" que vedes na imaxe retozando entre brións, son as nosas protagonistas de hoxe. Representan un pasiño máis dado na inconmensurable tarefa de coñecer e comprender a riquísima micodiversidade da nosa terra. Jaime Blanco Dios, o "descubridor de setas ignoradas" volveuno facer, desta vez, dando a coñecer o primeiro novo fungo para a ciencia achado na provincia de Lugo. Bautizado Rickenella Piquiniana, o epíteto fai referencia á localidade na que foi atopado, Ribeira de Piquín (en concreto nas ribeiras do río Eo, en Santalla).

A nova especie foi achada xa hai algúns anos, pero é agora despois do seu completo estudo e comparación con especies próximas que sairá á luz publicada en breve no Boletín da Sociedade Micolóxica de Francia (Bull. Soc. Mycol. France).

Vos contamos algunha cousiña deste novo cogomelo. Rickenella Piquiniana caracterizase macroscópicamente polo seu pequeno tamano, pola presencia de píleo (o sombreiro) de cor branca uniforme (ás veces uniformemente crema), xogando co gris-crema ou crema-ocre no centro e branco-grisáceo no resto da superficie do sombreiro, estipe de cor branca ou branco-grisáceo e carne branquecina con olor agradable e sabor algo amargo. Trátase dunha especie onde predomina a cor branca e que vive asociada ós brións e que pasa a engrosar o catálogo de especies de fungos coñecidas nos últimos anos en Galicia. O oitro catálogo, o das especies en perigo, nunca o queremos ver medrar.

Hai moito traballo que facer. Do millón a millón e medio de especies de fungos que se estima existen, tan só hai descritas unhas 80.000. Moitos fungos esperan tranquilamente, baixo os nosos pés, atopar un sitio en guías e manuáis. Dende Refungando vaia pois, a nosa noraboa a Jaime Blanco polo descubrimento... e que sexan moitos máis. Ler máis...

Catro novas especies de Ophiocordyceps saen á luz dende a Amazonia brasileira

Fonte: National Geographic
Fotografía:
Ophiocordyceps camponoti-balzani, David Hughes


Desta vez o esceario foi o bosque tropical atlántico amazónico, na rexión sureste (Zona da Mata) do estado de Minas Gerais, Brasil. O grupo liderado polo entomólogo David Hughes, da Universidade de Penn State, no seu estudio do complexo de especies asociadas a Ophiocordyceps unilateralis s.l. (anteriormente, Cordyceps unilateralis) foi quen de describir catro novas especies deste xénero nun artigo publicado este pasado 2 de Marzo de 2011 na revista PloS ONE (click para ler o artigo orixinal, con máis imaxes e microscopía de cada unha das novas especies).

Lembremos que este grupo de fungos, Cordyceps e Ophiocordyceps, son parásitos específicos de distintas especies de insectos e incluso doitros cogomelos (coma Cordyceps capitata, que parasita a Elaphomyces granulaus). Como xa vimos hai tempo nun video, algúns destes fungos teñen a habilidade de modificar o comportamento da súa víctima (como os protagonistas de hoxe), transformándoa nun zombie sen vontade, impulsada polo propio fungo instalado no seu cerebro a trepar máis e máis alto, para finalmente aferrarse cas mandíbulas a calquera folla ou pequena rama para morrer nuha posición elevada que permita unha maior dispersión das esporas do fungo cando o corpo frutífero deste se desenrole. Toda unha mostra de adaptación evolutiva do máis incrible.

Estes novos fungos son, coma Ophiocordyceps unilateralis, parásitos de formigas da tribu Camponoti, e foron nomeados segundo a especie en concreto á que atacan. Desta forma, o fungo que parasita á formiga da imaxe, unha Camponoti Balzani, foi bautizado coma Ophiocordyceps camponoti-balzani; igualmente ocorre con Ophiocordyceps camponoti-rufipedis, Ophiocordyceps camponoti-melanotici e Ophiocordyceps camponoti-novogradensis.

No artigo de National Geographic, tedes unha completa galería de imaxes de todas estas especies, algunhas realmente fermosas á vez que inquedantes; estes fungos son auténticos artístas na preparación de cadáveres. ¡Non volas perdades! Ler máis...

"Los Hongos en Extremadura": libro en PDF para descargar online

Hoxe poñemos á vosa disposición para descargar online este libro editado pola Xunta de Extremadura e a Consellería de Agricultura e Medio Ambiente en formato PDF, Los Hongos de Extremadura. O libro en cuestión está dispoñible para a súa descarga AQUÍ.

Non se trata de un manual de cogomelos ó uso, con macroscopía e fichas e descripcións de diversos cogomelos, se non que o libro trata, a través das súas 279 páxinas, do mundo dos fungos en tódalas súas vertentes, especialmente enfocado na xeografía extremeña.

¿Qué nos podemos atopar entón?

O libro está dividido en distintos capítulos que tratan tódolos paus do tema micolóxico: etnomicoloxía, hábitats, intoxicacións, micorrizas, mixomicetos, gastronomía, fungos hipoxeos, fungos psicoactivos, micosis animáis, etc, etc.

Tódolos teman estan tratados en profundidade, aderezados con boas fotografías, gráficas e debuxos, todo elo como comentamos antes, enfocado á micoloxía extremeña, pero que, pola universalidade de conceptos e datos manexados, non lle fai perder un ápice de interese para amantes da micoloxía doutras partes.

Imprescindible, sobre todo polo seu precio. Ler máis...

Refungando vos invita a unha saída virtual á procura de corros de bruxas

Ah, os fungos. Eses incansables debuxantes de círculos na herba, enxeñeiros de prados e camiños. Neste artigo imos a propoñervos que nos acompañedes ó campo. Hoxe iremos á procura de corros de bruxa. Nun principio íbamos a facer un artigo ó uso aderezado con imaxes dos corros máis impresionantes da zona que visitaremos, pero a cantidade, formas e os tamanos que chegan a acadar son tan abrumadores nesta paraxe, que pensamos que qué millor que os descubrades vos mesmos. Vos aseguramos que nunca vístedes prados con tantas destas formacións en ningún oitro lugar. Lamentablemente descoñecemos as especies que os forman, pero tranquilos, todo se andará... é cuestión de "fuchicar" un pouco máis.

O sitio en cuestión situase no Reino Unido, preto de Cheltenham, en Gloucestershire. Cleeve Common é unha das maiores áreas de pradeiras virxes do país, o cal explica perfectamente os tamanos e concentración destas formacións. Se a esto sumamos un terreo calizo e abundancia de gando na zona, co aporte de nutritivas bostas que conleva, temos tódolos ingredintes para o paraíso dos fungos saprófitos.

Así que o que vos propoñemos e levarvos a unha saída con nós, pero virtualmente, claro, utilizando a utilísima ferramenta de Goggle Google Earth (descarga gratuita aquí, faravos falla). Con este programa que xa moitos coñeceredes xa instalado, non tedes máis que descargar este archivo e abrilo co Google Earth: automáticamente levaravos voando ó lugar de búsqueda, que veredes delimitado por unha liña verde como vedes na imaxe da esquerda. É nesta área na que andaremos á procura de corros de bruxa.

Ademáis imos lanzar un pequeno reto a modo de xogo. É sinxelo: a ver quen atopa o corro de bruxas máis grande da zona. O único que vos pedimos é que o corro esté completo a lo menos nun 50%, para poder medir o diámetro aproximado. Podedes apuntar nos comentarios deste artigo a medida e posición do voso corro ( a posición é o conxunto de números e letras da parte de abaixo da ventá de Google Earth con este aspecto: 51º55'77-51" N 1º59'41.84" O; a posición marcada é sempre a do cursor dor rato). Así dentro dun tempo actualizaremos esta entrada cas imaxes dos corros máis espectaculares que atopedes. ¿Vos animades?

En fin, amigos, boa saída por Cleeve Common, xa nos contaredes como vos foi a caza.

Algúns consellos no uso de Google Earth

Na parte superior da ventá desta aplicación, tedes unha barra de ferramentas con dúas delas especialmente útiles para a búsqueda virtual de corros de bruxa. A regla, que nos permitirá medir distancias entre dous puntos en distintas unidades, e o reloxo, que nos permitirá viaxar no tempo entre as distintas tomas aéreas que Google Earth dispoña na súa base de datos do lugar en cuestión. Segundo a data na que a fotografía fora tomada, os corros serán máis ou menos visibles, así que xogando con esta opción, poderemos ver millor os anéis nuha ou noutra data, a parte de permitirvos observar o seu crecemento entre os intervalos das fotografías.

Nota: Na zona de búsqueda hai un campo de golf, máis ben contra a parte de arriba, ¡non confundades os corros cos green do campo! Ler máis...

¿Boletus junquilleus?

Probablemente dos achados máis interesantes por parte de Refungando este pasado outono, fose este cogomelo que estades a contemplar. Foi o noso socio Fernando Quintela quen atopou este exemplar preto de Sigüeiro, e a quen debemos esta instantánea.

O fermoso colorido deste cogomelo chamou a súa atención, pero non lle dou máis importancia e despois de fotografialo deixou estar a cousa, ata que semanas despois, nunha das saídas organizadas pola asociación, nos amosou a imaxe deste fermoso boletus.

A conto é que logo de bucear un pouco na bibliografía, non había moitos cogomelos que se axustaran á descripción macroscópica; de feito, a ausencia de retículo no pé apuntaba a un só cogomelo moi raro e pouco frecuente: Boletus junquilleus.

Decidimos pois consultar a Jaime Blanco e enviarlle as imaxes. Efectivamente, parecía Boletus junquilleus. Aínda máis, foi así como nos enteramos de que tan só existe unha cita para Galicia deste fungo, precisamente da man de Jaime. O caso é que sen material que estudar, tan só con unha fotografía na man, é canto menos aventurado facer unha identificación, así que o deixaremos provisionalmente no limbo dos CSI (Cogomelos Sen Identificar). Por suposto, estaremos atentos este ano por se volve a aparecer e xa veremos que ocorre. Mentres tanto, vos deixamos con esta preciosa rareza.

¿Qué vos parece? ¿Apostamos por Boletus junquilleus? Ler máis...

Sumérxete da man de Óscar Requejo na riqueza micolóxica do río Caselas

Oscar Requejo Martínez nos achega á nosa casa toda a biodiversidade fúnxica e o suave murmurio do río Caselas nunha nova publicación micolóxica made in Galicia co obxetivo de dar a coñecer e revalorizar a incrible riqueza deste ecosistema. Todo isto condensado nunha guía, a "Guía Micolóxica do río Caselas", que nos invita a percorrer este fermoso paraxe natural a través dun cento de cogomelos que se poden atopar nas beiras deste río e os seus afluentes ó longo do seu cauce dende o seu nacemento no concello de Ponteareas, pasando por Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño ata que finalmente se une ó río Miño no concello de Tui.

Prologado por un dos referentes da micoloxía galega, Marisa Castro, na obra de Requejo tamén aportaron o seu grao de area xente como José Ramón Pato, Antonio Prunell, Pablo Veiga, Julián Alonso ou Jaime Blanco. Todo un luxo de colaboradores.

Nesta guía atoparemos tamén pequenas xoias, raros e curiosos cogomelos como Arrhenia retiruga, Entoloma euchroum (citados polo autor por vez primeira para Galicia) ou Agaricus heinemannianus.

En resumo, unha guía asequible para tódolos niveis, con boas fotografías, interesantes curiosidades dalgúns cogomelos e que nos leva a coñecer unha fermosa paisaxe xunto cos fungos que a habitan, todo elo misturado co mimo e agarimo posto polo autor ó dar a luz esta obra. Un perfecto complemento en torno á riqueza fúnxica dos bosques de ribeira galegos en xeral, e da zona de Salceda de Caselas en particular, para calqueira biblioteca micolóxica.

Vos deixamos antes de partir con algunhas fotografías do lugar, cortesía de Óscar Requejo, para todos vos (os fermosos cogomelos son Leucocoprinus cretaceus) ...

Ler máis...

¿Alguén lle tomou a matrícula a ese paraugas?



Ós que nos gusta esto de gastar botas pateando monte e desfrutando dos cogomelos, non se nos escapa que en ocasións, e debido a unhas extraordinarias condicións durante o seu crecemento, algúns cogomelos poden medrar moito por encima da media da súa especie. Neste video poderedes observar un destes casos.

Se algunha vez vos preguntástedes que aspecto tería unha Amanita muscaria ata as escamas de anabolizantes e esteroides (ó estilo de Silvester Stallone na última película de Rocky), e aquí a resposta. A regla utilizada para medir o sombreiro probablemente esté en pulgadas, así que o tamano do amigo anda sobre os 30 cm de diámetro. Case nada. Persoalmente, nunca vin nada nin parecido, e iso que nos temos atopado con muscarias ben robustas.

Aproveitamos, para quen non tivese ocasión de desfrutalo, para recomendarvos un video time-lapse do crecemento deste cogomelo que tamén apareceu nesta web no seguinte enlace:

http://refungando.blogspot.com/2009/02/video-del-desarrollo-de-amanita.html

Nota: ¿Non vos parece que ó principio do video o amigo da cámara non ten moi claro a onde enfocar? Ejem... Ler máis...

Unha estrela mourada entre piñeiros: Sarcosphaera coronaria

Sinónimo: Sarcosphaera crassa
Galego: Cunco
Castelán: Peziza estrellada


Cando levas algún tempo buscando unha especie en concreto, atopas unha especial satisfacción cando finalmente chega o momento esperado, cando te atopas cara a cara co obxeto do teu desexo. É una mistura de agrademento á deusa fortuna e excitación que che recorre nun segundo a columna: ó fin, eiquí está este carallo.

E precisamente iso nos pasou hai un mes atrás. Sabiamos que pola zona costeira do Barbanza, pragada de piñeirais dunares e hábitat ideal para este fungo, había de estar esperando por nos o curioso ascomiceto de fermosos tons violetas que vedes na imaxe de arriba. Foi con motivo dunha saída conxunta entre os amigos do Grupo Micolóxico Galego e Refungando no entorno da praia do Vilar, no Parque Natural das Dunas de Corrubedo, que finalmente puidemos observar esta especie. A pesares das innumerables veces que temos visitado a zona, foi agora cando finalmente se nos apareceu; numerosos grupos asomaban entre acículas dos piñeiros en diversos estadios de madurez. Como a Santa Compaña, son os cogomelos os que elixen cando e a quen aparecerse.

Sarcosphaera coronaria, fungo saprófito e semihipoxeo (medra medio soterrad0, como veremos máis adiante), pode regalarnos fermosas composicións, sobre todo cando medran varios exemplares moi xuntos, pois ó medrar e romper as paredes dalgún deles pola presión do veciño, adoptan curiosas formas como poderede ver na terceira imaxe deste artigo, na que os carpóforos apretuxados semellan unha rosa. Sen embargo, a forma máis común na que os atoparemos é a que observades na imaxe principal, con forma de ola cos bordes reventados despois de facer un cocido de lacón con TNT.

Agora é tempo de compartir con vos este delicioso cogomelo, botando novamente man do imprescindible Cogomelos de Galicia (do que pronto pode haber nova edición; atentos ás súas pantallas nesta rincón da blogosfera!) e comentado por Refungando.


DESCRIPCIÓN

Corpo frutífero: 4-12 cm de diámetro. Ó principio enterrado, en forma de esfera abrancazada, globoso e oco. Na imaxe da dereita tedes dous exemplares todavía novos asomando entre o chan Ó madurar sae á superficie e vai abríndose en forma de estrela, con 5-10 lóbulos triangulares, permitindo a liberación das esporas (a cara fértil é a superficie interior).

A superficie interior, himenio, é de cor abrancazada ou lila ó principio (ver carpóforo aberto da imaxe da dereita) e despois violeta ou parda violácea. A superficie exterior é branca sucia, debido precisamente ó seu crecemento semihipoxeo que fai que incluso os exemplares máis maduros permanezan todavía algo cubertos de terra. Sen pé.

Carne: Espesa, grosa e fráxil (a pesares do grosor da carne é moi sinxelo que se nos rompa o cogomelo ó manipulalo, incluso tendo especial coidado na operación), de cor branca e violácea na beira. Sen olor apreciable e de sabor desagradable.

Hábitat: Frutifica en bosques de coníferas de terresos areosos e calcarios, máis rara en frondosas. De finais de inverno a primavera. Rara pero localmente abundante.

Observacións: Moi tóxica en cru, pois contén substancias hemolíticas (que destruen os glóbulos vermellos). De sospeitada toxicidade incluso cociñada, a lo menos para algunhas persoas. Para admirar, non para comer.

Polo seu tamano, carnosidade característica e coloración, é pouco probable que se poidan dar confusións con oitras especies similares. O grosor da súa carne o diferencia claramente das pezizas, cas que comparte familia, a pezizaceae.
Existe unha variedade completamente branca, debido ó cal poderiamos confundila con algunha especie do xénero geopora, de himenio branco tamén, nunca mourado, pero moito máis pequenas e ca superficie exterior recuberta de minúsculos peliños que lle dan un aspecto afeltrado.

Fermoso, invernal e sinxelo de identificar, ¿qué máis se pode pedir? Por hoxe xa vos deixamos, pero volveremos moi pronto. A Sarcosphaera coronaria aínda estaredes a tempo de atopala cas próximas chuvias, así que xa estades avisados. Nós, mentres esperamos a inminente primavera, seguiremos buscando ós últimos cogomelos que o inverno nos deixará para levárvolos á casa dende Refungando.
Ler máis...

Unha nova cita micolóxica nas illas de Sálvora e Ons

Fotografía: Amancio Castro (Illa de Sálvora)

Preto, moi preto de nós. Se a anterior cita que comentábamos fai nada sobre Gyromitra Newirthi nos levaba á outra punta da península, preto de Córdoba, desta vez imos quedarnos moi preto da casa, a cabalo entre dúas rías, a de Arousa e a de Vigo, entre a illa de Ons e a de Sálvora, nun marco natural de incrible beleza.

Se trata desta vez de dúas citas froito do traballo de catalogación no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Jaime Blanco Dios de Myriostoma coliforme, unha especie incluida na lista de especies europeas en perigo de extinción, e primeiras cita para Galicia deste fungo de morfoloxía única. Estas citas foron publicadas no último número da revista do Grupo Micolóxico Galego, Mikes (vol. 12).

Así que imos a aproveitar a feliz ocasión para ollar a descripción de tan particular e rarísimo cogomelo que de seguro, se chegara a ocasión, non habiamos de confundir na identificación. Hoxe non tedes queixa. Fai click abaixo en ler máis para ler o resto do artigo...


DESCRIPCIÓN

NOTA: Debido a que os exemplares da imaxe da fotografía están un pouco maduros de máis, imos incluir esta imaxe dun cogomelo no seu estado ideal extraída do libro "Guía de los hongos de la Península Ibérica, Europa y Norte de África", de Régis Courtecuisse e Bernard Duhem, para ilustrar millor o artigo. As anotacións son engadidos de Refungando para que poidades seguir a descripción deste "extraterrestre" máis doadamente.

Corpo frutífero:
4-7 cm de diámetro, máis ou menos esférico e abrancazado de xove. Exoperidio (capa exterior que recobre a gleba dos gasteromicetes) que se abre en forma de estrela, con 7-9 brazos parduscos ou abrancazados, acadando neste estadio entre 8 e 17 cm de diámetro.

Endoperidio esférico, algo aplanado, de 2,5-6 cm de diámetro, primeiramente ca superficie lisa, branca prateada que despóis é parda a causa do depósito das esporas, con 7-30 estomas e coa base suxeita ó exoperidio por 5-11 pequenas columnas, de 3-5 mm de longo.

Gleba: Branca cando é novo, parda ó madurar.

Hábitat: Monte baixo, bosques claros, sobre chans areosos. Saprófito. Moi raro. Recomendamos no recollelo se se atopa polo seu status de especie en perigo de extinción.

Observacións: Myriostoma coliforme é a única especie do seu xénero, aquí non hai confusión posible. O seus múltiples estomas e a curiosa culumnata entre peridios fan del un cogomelo único.

Este fungo está incluido na lista de macromicetos en perigo de extinción en Europa. Creíase exitinto ata fai pouco en Gran Bretaña, onde foi descuberto e de onde desapareceu a fináis do século XIX. De feito, o último exemplar atopado no país foi recolectado en 1880 en Norfolk e tiveron que pasar máis de 120 anos para que en 2006, afortunadamente, aparecese de novo esta especie nas illas británicas, en Suffolk.

Estamos demasiado acostumados a ler novas de incorporación de cada vez máis especies, non só de fungos, ós catálogos e listas que apuntan á extinción, polo que novas deste tipo, tanto as citas como o redescobrento en Gran Bretaña, son unha pequena brisa (non chegan a soplo, lamentabemente) de aire fresco no negro panorama da biodiversidade mundial. Felecitémonos pois polas boas novas e, por suposto, ós que as fixeron posibles co seu traballo.

Vémonos nuns días, por aquí, refungando coma sempre. ¡Saúdos!

Ler máis...

Hellvella macropus

Antes de nada, pedirvos desculpas pola tardanza en publicar, pero non sempre ten un todo o tempo que quixera para dedicarlle ós artigos. Estes días, recuperaremos o tempo perdido. Dito o cal... ó allo, que está a ser un inverno micolóxico moi interesante e temos moitas cousas que ver.

A pesares do frío e da pouca humidade deste inverno sempre é bo momento para atoparse con interesantes cogomelos, por Tutatis que sí. Como é o caso que nos ocupa hoxe, Helvella macropus.

Persoalmente atopo o xénero helvella especialmente fermoso, supoño que en parte debido a que sempre me trae á cabeza a figuras saídas dun cadro abastracto ou surrealista; cada unha delas é unha obra distinta saída dos pinceis da natureza. Se a Dalí lle houbese dado por pintar cogomelos, pintaría helvellas.

Helvella macropus non é un cogomelo que se deixe ver moito pola nosa zona (Barbanza), aínda que neso tamén influe o seu pequeno tamano e a súa predilección por solos ricos en abundante materia vexetal en decomposición, que lle proporcionan unha fantástica camuflaxe combinados coa súa cor pouco chamativa e o ocultan á vista.

Para este ascomiceto, sinxelo de encadrar en xénero, non tanto de identificar coma especie pola seu gran parecido con oitras pequenas helvellas aterciopeladas, habemos de botar man de microscopio para asegurarnos na súa identificación. Eche o que hay, non sempre (de feito, case que nunca) imos poder identificar un cogomelo apoiándonos únicamente na macroscopía, aínda que nos sempre tentamos traervos cogomelos nos que sea posible. Hoxe non é o caso.

Se nos acompañades ata o final do artigo, imos a ver cales son as características macroscópicas máis destacables desta pequena e aterciopelada helvella, tan so fai click en ler máis...


DESCRIPCIÓN

Sombreiro: 1-5 cm, con forma de copa ou disco, dun gris-parduzco apagado. Superficie superior lisa. Superficie inferior pubescente, cuberta de pequenos peliños ben visibles ca axuda dunha lupa.

Pé: 1-5 cm de longo x 0,5 cm de ancho, pubescente e da misma cor ca parte inferior do sombreiro, liso ou ca idade con un sutil surco intermitente que recorre a lonxitude do pé, deixando pequenas e suaves cavidades; aínda que ás veces a canle se debuxa perfectamente, oitras apenas é percibible, sobre todo en exemplares novos.

Carne: Delgada e elástica, sen olor nen sabor destacables.

Hábitat:
Potencialmente saprófito e/ou micorrícico (non está moi claro). En bosques de frondosas ou coníferas con chans ricos en materia vexetal en descomposición.

Observacións: Non comestible. Ó igual que oitras helvellas, contén ácido helvélico, o que a fai tóxica en cru. De todas formas o tamano, cantidade e sabor da carne non fan deste cogomelo un obxetivo a ter en conta para micófagos.

Como xa adiantabamos na introducción, Helvella macropus é sinxela de recoñecer como helvella, non tanto de identificar coma especie. Outras especies de helvellas de case calcadas características macroscópicas (principalmente Helvella villosa, prácticamente indistinguible) fan neste case imprescindible o uso do microscopio para unha identificación fiable ó cento por cento. Neste caso, as características esporas fusiformes (con forma de huso) de Helvella macropus a distinguen doitras compañeiras de xénero similares con esporas cilíndricas. Conclusión: Lamentablemente sen o uso deste instrumento, habemos de poñerlle un signo de interrogación ó lado do noso cogomelo, aínda que a cousa andará, se o voso cogomelo se axusta á descripción, probablemente entre Helvella villosa e macropus.

Nos podemos rematar sen deixar de recomendarvos novamente que vos acheguedes pola costa, onde gran cantidade de interesantes cogomelos pululan entre a area das dunas e piñeirais esperando que os descrubades. É , probablemente, o ecosistema máis interesante e rico do momento micolóxicamente falando, onde atoparedes ademáis con facilidade oitras interesantes helvellas. Unha boa excusa para ir á praia a refungar en inverno.
Ler máis...
Related Posts with Thumbnails