Sinónimo: Rutstroemia echinophila
Lanzia echinophila, fotografía de Xose María Costa Lago |
Lanzia echinophila escolleu como lugar no que desenvolverse os ourizos das castañas. Nalgún momento da súa evolución, farto por pelexar por un anaco de ramiña ou toco de árbore no que medrar, se dixo: "¡qué carallo!, os ourizos das catañas están moito menos masificados, imos para alá". Este particular hábitat, xunto co seu pequeno tamaño, fan que non sexa un cogomelo moi sinxelo de avistar se non o buscamos activamente... e aínda así. De feito, as imaxes que hoxe ilustran o artigo, teñen algo de historia que contar ó respecto. A primeira delas, fermosísima de Xosé María Costa Lago, tivo ocasión de vela o noso socio Anxo Vela Ces nunha charla este outono do primeiro. A Costa habialle costado o seu tempo atopar o cogomelo e tomar esta fotografía e a mostraba, como non podía ser menos vendo o resultado, encantado. Uns días despois un chaparrón do demo pillaba ó noso socio no medio do monte e o obrigaba a refuxiarse baixo... exacto, un castiñeiro. ¿E adiviñades que atopou Anxo mentres facía tempo para que escampase? Pois iso mesmo. Os cogomelos son caprichosos ata para mostrarse a quen os busca. Pero deixemos as historias de improbables coincidencias e disfrutemos das imaxes destes dous amigos e da descripción deste cogomelo habitante miúdo baixo as sombras dos castiñeiros. ¿Nos acompañades? ¡Imos aló!
DESCRIPCIÓN
Corpo frutífero: 2-8 mm de diámetro. Hemisférico, despois cupuliforme coa cara interna, himenio, lisa, de cor parda canela ou parda escura, mate, coa marxe un pouco máis clara e algo denticulada. Cara externa concolor ou algo máis clara. Pé curto da mesma cor e máis escuro na base.
Fotografía do socio Anxo Vela Ces |
Observacións: O xénero rutstroemia é un xénero cun número alto de especies todas elas saprófitas. Frutifican sobre restos vexetáis, escamas ou envolturas de froitos, pecíolos de follas eou restos de madeira. Debido ó altamente específico do hábitat, non debería haber lugar a confusión de ningún tipo.
Agora xa tedes un pequeno reto máis que engadir á vosa lista particular de pequenos retos micolóxicos. ¿Seredes quen de atopar a Lanzia echinophila? O tempo, uns cantos pinchazos nas mans e o bo ollo daranvos a resposta...
No hay comentarios:
Publicar un comentario