¡¡Xa podes conseguir a camiseta exclusiva de Refungando!!

(Podeses facer Click na imaxe para ver millor o deseño)

Todos (bueno, non os máis novos) lembramos a campaña que fai xa uns anos longos o inundaba todo de peixiños: "Pezqueñines no, gracias, hay que dejarlos crecer". Á imaxe desta iniciativa dende a Asociación Micolóxica Refungando queremos levantar unha voz contra a recolleita abusiva de cogomelos e a total falla de respeto a hora de levarse exemplares demasiado novos do campo nun intento famélico de enche-lo cesto. O motivo de escoller uns boletos como protagonistas é que realmente o son, pero das peores falcatruadas e a explotación máis despiadada nos nosos montes, como xa se nos adiantou a comenter Merche Nodar, presidenta de A Estrada Micolóxica neste comentario. E estamos completamente de acordo con ela.

Por iso, con esta camiseta dende Refungando buscamos dous obxetivos:

1- Facer campaña unha vez máis porque se respeten os exemplares de cogomelos inmaduros.

2- Recaudar fondos para sufragar as actividades da Asociación Micolóxica Refungando. "La pela es la pela".

Para os pedidos podedes escribir a refungando@gmail.com. O prezo da camiseta e de 10 € (6€ para socios) máis gastos de envío (os gastos dependen do peso, logo, do número de camisetas que pidades; cando fagades o voso pedido vos informaremos do importe exacto, que para unha camiseta anda preto dos 2 €) a ingresar na conta bancaria de Refungando de Caixa Nova número 2080 0497 90 0040111576. ¡Lembrade incluir no ingreso o voso nome! E, para que se adapte a todos esos corpos serranos, a camiseta está dispoñible para vos nas tallas S, M, L, XL, e XXL.
Por suposto, se sodes de Ribeira ou arredores, só vos tedes que achegar ata aquí e levar a vosa camiseta. Igualmente, escribídenos ó correo.


¿A qué esperas para estar á última en moda micolóxica este ano? ¡Axúdanos nesta campaña contra os esquilmadores dos nosos montes e a favor dunha recolleita de cogomelos sostible! Ler máis...

"Pole position" deste outono para... Agrocybe aegerita!!

Sinónimo: Agrocybe cylindracea
Galego: cogomelo dos choupos

Castelán: seta de chopo


"Pole" este outono para o cogomelo dos choupos e primeiro manxar que levar á boca esta tempada. Da man da familia strophariaceae chega o outono a Ribeira en todo o seu esplendor. Aínda que moito nos tememos que isto todavía e tan só un espexismo. O millor está a moitos días húmidos de vir. O caso é que aproveitándose das últimas chuvias, e da humidade das árbores onde habita, Agrocybe aegerita fixo a súa aparición con forza e vigor nos choupos da zona enchendo os troncos destas árbores dunha chea de cogomelos pelexando por un sitio, como chalés na liña da costa, mal tsunami os leve a todos.

O nome popular deste cogomelo pode levar a confusións, pois ainda que coñecido como "cogomelo dos choupos", Agrocybe aegerita é parásito-saprófito dunha ampla variedade de árbores caducifolias (incluso plataneiros). De feito, o epíteto que compón a seu nome científico, aegerita, provén do grego aegerites, que significa "álamo". Por este mesmo motivo, aparte de cosmopolita, o fungo de hoxe é tamén un frecuente e coñecido urbanita, presente nas nosas cidades e pobos onde en parques e xardíns son frecuentes as madeiras polas que devece. É polo tanto bastante sinxelo de observar sen ir moi lonxe, sobre todo en árbores xa maiores, onde troncos furados e ocos poden ser indicios claros de que o noso amigo anda a darse un bo festín. Precisamente pola súa urbanidade, temos que lembrarvos a habilidade dos fungos para absorver e almacenar metáis pesados, moi perxudiciais para a saúde, e desaconsellarvos recoller estes cogomelos en entornos urbáns, onde a exposición do fungo ós elementos presentes nos escapes dos coches convirten este delicioso bocado en máis que prescindible, sobre todo nas grandes cidades.

Así que sen máis preámbulos, imos adicar este artigo ó primeiro cogomelo gastronómicamente interesante da tempada, un clásico de sempre ben coñecido pola xente, puntual e sempre doado de atopar no seu tronco ou tocón preferido e que forman multitudinarios acios que son a delicia do micófilo afecionado á fotografía micolóxica. Acompáñanos a coñecer algo máis deste cogomelo e disfruta desta pequena ollada ó Reino Fungui levados polas detaiadas descripcións de "Cogomelos de Galicia" e comentadas por uns servidores. ¿Cómo? Fácil. Pincha co rato abaixo en "ler máis".



DESCRIPCIÓN


Sombreiro: 4-15 cm de diámetro. Ó principio hemisférico a convexo, máis tarde plano convexo e finalmente extendido, raramente deprimido ou levemente mamelonado. Primeiro pardo escuro, logo vaise aclarando ata o branco amarelado ou branco marfil co centro marrón. Cutícula lisa ou marcada con pequenas coviñas (o que teñen en realidade é unha textura irregular que recorda á pel queimada ou a pel arrugada por estar moito tempo na auga, algo así, na imaxe que abre o artigo se aprecia perfectamente), mate, brillante coa humidade e agretada en tempo seco ou moi frío.

Lamelas: Adnadas, apertadas, ventrudas e estreitas. Brancas, despois ocráceas e ao final marrón pálidas. Aresta máis clara.

Pé: 4-15 x 0,4-1,5 cm. Moi longo, esvelto, curvo, cheo, duro, fibroso e atenuado na base. Abrancazado pero oscurece ca idade. Posue un anel branco, membranoso e persistente que co tempo queda adherido ó pé e que ó madurar se mancha ca esporada do cogomelo, parda tabaco, que tamén nos pode axudar na súa identificación. Na imaxe da dereita tedes todo un exemplo.

Carne: Compacta, dura e abrancazada. Olor lixeiramente afroitado ou rancio (sobre todo en exemplares maduros), sabor suave pero moi agradable.

Hábitat: É unha especie parásita ou saprófita que crece en tocos e troncos de chopos, olmos e outros caducifolios. En grupos moi compactos e numerosos (para mostra, o botón da esquerda). Aparece todo o ano, máis frecuentemente en primavera e outono. Sobre todo se parasita unha árbore viva, a humidade da madeira axuda a que fructifique aínda que non chova moito, así que, coma neste caso, pode aparecer con escasas chuvias e moita calor.

Observacións: Excelente comestible sempre que se consuma de novo e desbotando o pé, que é moi fibroso (hai quen lle hinca o dente sen problema, cuestión de gustos). De consistencia dura e compacta, ideal para tomar só ou acompañando suculentos asados ou carnes varias. Hoxe en día podémolo atopar comercializado en supermercados, fresco en bandexas ou en conserva. Tamén podemos atopar en internet distintas empresas que comercializan sacos productores de este cogomelo, unha sinxela forma de cultivar na cas nós mesmos estes cogomelos cunha productividade gastronómica e didáctica moi recomendable.

O cultivo deste cogomelo ven dende antigo, estamos ante un dos primeiros cogomelos producidos a pequena escala para o consumo; os romanos, a primeira civilización micófaga propiamente dita, xa coñecían o sinxelo proceso. Simplemente frotando as lamelas de exemplares maduros contra a madeira que queremos "infectar" podemos chegar a facer que un novo fungo medre e fructifique nesta. Hai que mantela húmida, por suposto. Unha versión máis refinada da técnica consiste en cortar lonchas de varios centímetros de grosos da madeira adecuada, frotala novamente para impregnala de esporas, e logo soterrala a pouca profundidade, procurando regar regularmente a zona ata que ó noso fungo lle chegue a hora de fructificar. Como vedes un método ó alcance de todos. Xa probaremos en Refungando, xa...

En canto a posibles confusións, A. aegerita ten certo parecido con Agrocybe dura, especie de menor tamano que medra en terreos cultivados, prados, pastos e xardíns, pero o particular hábitat de aegerita e unha observación minuciosa dos caracteres desta deberían evitar o malentendido.

Oitro erro, moito máis raro (quizáis porque tamén medra en madeira e a coloración do sombreiro podría semellarse), podería darse con Hypholoma fasciculare (na imaxe da esquerda), tóxica, pero esta ten a carne amarela, é moito máis pequena e ten predilección polas coníferas.

Bueno amigos, chégame o arume a fungo e enfríanseme os cogomelos, e non podemos deixar que iso pase, ¿non si? A partir de agora, estade atentos a próximas fructificacións, aquí, coma sempre, en Refungando.

¡¡Unha aperta a todos os que nos seguides na distancia, estes cogomelos van por vós!!

Ler máis...

Celanova nos presenta as súas XXV Xornadas Micolóxicas

Unha das celebracións micolóxicas de outono máis veteranas da xeografía galega se pon en marcha este 25 de outubro. A semán micolóxica de celanova, organizada pola Asociación de mulleres rurais Maravalla e a Oficina Agraria Comarcal de Celanova, nos trae este ano unha completa e variada colección de temáticas relacionadas como non, co mundo dos fungos. Cultivo de cogomelos, actualidade micolóxica galega, novos cogomelos galegos e a sorprendente ó tempo que xusta e necesaria actividade Micoloxía para xornalistas. Máis de un debería acudir presto para evitarnos dentro de pouco titulares que poñan en evidencia o vello dito de "oir campás e non saber onde". Titulares que veremos, por suposto.

Da man de Marisa Castro, Jaime Blanco, Carlos Suárez ou, como non, os artífices e parturientos na sombra destas xornadas, Ricardo e Alexandre Mínguez, este ano dende Celanova temos a oportunidade de aprender un moito sobre este esbaradizo, cambiante e sorprendente mundo dos fungos.

A continuación vos deixamos o programa detaiado para que vaiades facendo hocos na vosa axenda. Non para a divulgación na nosa comunidade, boa sinal, ¿non si?

PROGRAMA DAS XXV XORNADAS MICOLÓXICAS DE CELANOVA (2010)

Día 25 de outubro, luns

19:30 Presentación.

19:45 Conferencia: Experiencia de cultivo en Pontefechas, Celanova.

Ponente: Ricardo Mínguez Abajo.

Día 26 de outubro, martes

19:30 Presentación.

19:45 Conferencia: Cogomelos de Galicia e Norte de Portugal.

Ponente: Marisa Castro Cerceda.

Día 27 de outubro, mércores

19:30 Presentación

19:45 Conferencia: Novos cogomelos Galegos. Nomenclatura.

Ponente: Jaime Blanco Dios

Día 28 de outubro, xoves

19:30 Presentación

19:45 Conferencia: 25 anos de cogomelos en Celanova e 25 bos comestibles

Ponente: Carlos Suárez Santalices.

Día 29 de outubro, venres

19:30 Presentación

19:45 Conferencia: Actualidade Micoloxica Galega. Nove ducias de cogomelos.

Ponente: Alejandro Mínguez González.

Día 30 de outubro, sábado

Saída ao campo para a recollida de exemplares.

Micoloxía para Xornalistas. (En colaboración con Flower Power)

Clasificación.

Degustación.

Día 31 de novembro, domingo

Exposición de exemplares reais e obxectos relacionados con cogomelos.

Horario da exposición: 11:30 a 13:30 horas e de 17:30 a 20:30 horas.

Entrega de diplomas (Xunta de Galicia).

Colabora: Isabel Mociño González.

ORGANIZAN: Asociación de mulleres rurais Maravalla

Oficina Agraria Comarcal de Celanova

LUGAR DE CELEBRACIÓN: Aula de Cultura de Caixa Galicia de Celanova (Rúa Emilia Pardo Bazán)

CONTACTO:cogomelosdegalicia@gmail.com

Ler máis...

Luns Micolóxicos en Ribeira este outono!

Pois si, amigos, a partir do luns 4 de outubro a Asociación Micolóxica Refungando porase a disposición de quen queira achegarse xunta a nós para botarlle unha man na identificación de cogomelos. Cada luns, ata o día 29 de novembro, nos achegaremos a partir das 20:30 ata as 22:00 polo Bar Plaza, que convertiremos na nosa base de operacións micolóxicas, para tentar que vos intoxiquedes o mínimo posible, axudarvos na identificación das especies máis controvertidas e aclaravos esas dúbidas con non vos deixan durmir.

Estes últimos anos fomos testemuñas do imprudentes que poden ser algúns afecionados, curiosamente máis frecuentemente aqueles que están comezando, que deberían ser os que máis respeto lle tiveran ó asunto: dende xente que ía para a casa disposta a incarlle o dente a todo canto tiña na cesta (a pesar de non coñecer ningún dos cogomelos) ata xente que levaba anos consumindo un cogomelo pensando que era outro (aquí Macrolepiota procera leva a palma... "o meu visiño me dixo que..."). Por cousas como estas, e para os que queirades aprender un pouco máis do apaixoante Rein Fungui Refungando se pon ó servicio de todos.

Algúns consellos para os que vos acheguedes...
  1. Os exemplares que nos traiades procurade arrancalos con coidado e traer o cogomelo enteiro, que non se perda a base do pé ou unha posible volva ou anel.
  2. Traede sempre que poidades, un exemplar novo e oitro maduro (non podre e cheo de vermes) da especie a identificar, procurando que estén no millor estado posible.
  3. Non nos traiades os cogomelos nunha bolsa, como xa comentamos moitas veces, o plástico acelera a fermentación e descomposición dos cogomelos.
  4. Conservalos no frigorífico ata que vos acheguedes xunto a nós, non ó aire, pois secan e poden cambiar a súa cor e morfoloxía bastante.
Agora xa non tedes excusa para non aprender. Esperámosvos... refungando polo baixiño no Bar Plaza. Ler máis...

¡Abre a tempada! ¡¡Comeza "Estrada Micolóxica 2010"!!

Sen tempo nen para calzar as botas ou abrir a navalla, nos chegan dende A Estrada as novas das primeiras actividades micolóxicas da tempada en Galicia da man da asociación Estrada Micolóxica.
Este venres Marisa Castro, unha das nosas máis soadas micólogas, é a encargada de abrir un ciclo de charlas micolóxicas (ca charla "Aproximación á historia da micoloxía galega") que terán lugar os venres 10 e 24 de Septembro, 8 e 22 de Outubro e 20 de Novembro. E non será a única das persoalidades da micoloxía galega que pasará este ano pola Estrada.

Perp por si alguén o dubidada, aquí non acaba a cousa, A Estrada vai a estar este outono máis fúnxica que nunca; os que se acheguen por alí do 16 ó 20 de Novembro poderán disfrutar dunha Mostra Micolóxica, así coma de saídas ó campo os domingos 10, 24 de Outubro, 7 e 21 de Novembro, e 12 de Decembro.

Tedes máis información emáis detaiada facendo click e ampliando na imaxe deste artigo. E lembrade que ESTE venres comeza xa o cotarro. Aproveitade estes eventos divulgativos que organizan as distintas asociacións porque é unha oportunidade única cada ano de aprender e observar in situ cantidade de cousas sobre o Reino Fungui. Cun cartel tan amplo e todo o outono por diante... ¿quén non se vai pasar a facerlles unha visita ós amigos de Estrada Micolóxica? Sacade a axenda e a apuntade as datas!

Dende Refungando, un saúdo. ¡Vémonos entre os toxos! Ler máis...

Morrer indo a apañar cogomelos

Cando un pensa en saír a por cogomelos, seguramente o último que lle pase pola cabeza sea a palabra "perigoso". Pero, ¿cómo entón podemos explicar que este mes pasado morresen 18 persoas no norte de Italia disfrutando desta actividade? A resposta deberíanos facer reflexionar, xa que o feito é que a presión á que os buscadores estan a someter ós cogomelos se reflexa ca mesma forza nos propios afecionados que, impulsados pola necesidade enfermiza de "adiantarse" uns ós outros, cometen auténticas imprudencias.
Esta presión se traduce na comisión dunha serie de actos imprudentes por parte dos recolectores e que os levan a, por exemplo, facer cousas como:
  1. Ir moito máis lonxe, a lugares máis remotos, aumentando o risco de perderse no monte.
  2. Adiantar a hora da saída ó monte o impensable, ata as primeiras horas antes de mencer, co cal o risco de perderse ou accidentarse aumenta considerablemente.
  3. Tentar chegar ós lugares máis inaccesibles, xa que ahí chegarán menos buscadores e a promesa dun botín fructífero fai que se ignoren os riscos.
  4. Forza a saída con mal tempo, expoñéndose a caidas ou a perderse pola mala visibilidade.
En menos de 48 horas, seis italianos perdían a vida no monte, a maior parte deles esbarando por pendentes húmedas e precipitándose ladeira abaixo. Un de eles estivo perdido durante unha semana ata que finalmente o seu cadáver foi atopado o pasado domingo na rexión de Valtellina. Pero non vaiades a pensar que esteos son casos illados e pouco frecuentes froito da casualidade e a desgracia. Non se hai que ir moi lonxe nin no espacio nin no tempo para escoitar de casos parecidos. Este pasado venres aparecía o tercer falecido na comarca do Ripollés (Girona) en nove días. Aínda que os falecidos eran todos persoas maiores (58, 69 e 76 anos) e a avanzada idade de algún de eles xogou as súas cartas con seguridade, novamente un esbarón levou a vida de Rafael R. Q. de 58 anos e do ancián de 76, que tamén caeu por un terraplén posiblemente a consecuencia dun vaido. O terceiro dos homes sufriu u infarto e non chegou a tempo ó hospital...

¿Qué conclusións podemos sacar de todo isto? O primeiro, evitar os puntos anteriormente mencionados e lembrar que as pedras son extremadamente esbaradizas cando están molladas: debemos procurar levar sempre calzado apropiado e que nos de un agarre o millor posible ó movernos por estes terreos. Tamén faremos por non olvidarnos nunca de levar o móvil connosco; é certo que a maior parte das veces non temos cobertura no monte, pero nas que sí, o móvil pode ser unha ferramenta que nos salve de máis de un apuro, pensade que unha torcedura no nocello, por exemplo, pode ser un gran problema se estamos sós e non temos a ningué á man. En caso de perdernos, sempre podemos buscar cobertura subindo a algún punto alto e, xa metidos neste enredo, os móviles con GPS poden marcar seriamente a diferencia á hora de volver á casa. Por último, procuraremos levar unha botella de auga sempre con nós para evitar deshidratacións e vaidos, sobre todo os días de moita calor.

Bueno, así xira o mundo e así volo contamos dende Refungando. Agora que vai a comenzar a tempada micolóxica, lembrade andar con tento e non vola xoguedes por catro cogomelos, porque
o único certo é que non están tan bos como para xogarnos o pelexo por eles e que non podemos saber o que o monte nos ten preparado.

Vaian todos eles en paz. Ler máis...

O peido limoeiro: Scleroderma citrinum

Sinónimo: Scleroderma vulgare
Galego: Peido de lobo


Hai cogomelos que acaparan a nosa atención e despertan "Ohs" de admiración nas exposicións, ó marxe do seu valor culinario, e son o obexetivo de tódolos focos debido á súa indiscutible beleza. É cuestión de estética. Hai oitros, nembargantes, cuio aspecto de patata pasada non axuda moito a que os afecionados lles presten a súa merecida atención. O máis que conseguen é un bo pisotón co fin de velos reventar coma se fosen globos de fariña. Non é xusto, pero así é a vida. Estamos a falar, como non, dos peidos de lobo, como se coñecen popularmente a uns cantos fungos incluidos nos gasterales (grupo de basidiomicetos caracterizados por pusuir himenio, parte fértil do carpóforo, interno) e que teñen aspecto de tubérculo. Ainda que xa temos falado deles (lembrade Pisolithus arhizus), non está de máis pasar por encima dalgúns conceptos, para os novos nesta páxina, que temos que dominar para entender estes cogomelos, xa que como podedes ver na imaxe, a nivel macroscópico non temos nin pé, nin sombreiro, nin lamelas nas que fixarnos e centrar a descripción.

Tendo isto en conta,imos a utilizar o símil dunha laranxa para entender dúas partes importantes e comúns ós peidos de lobo e á maior parte dos gasterales. Primeiro, o peridio: sería o equivalente da codia da laranxa, protexe o interior e se abre para permitir que as esporas se espallen; o seu grosor, textura, cheiro... vannos a dar valiosa información. Doutra banda temos a gleba, que equivaldría ó laranxa logo de pelada, e que contén o himenio, a parte fértil destes cogomelos e dónde se producirán as esporas. Na imaxe da esquerda tedes un exemplar do cogomelo protagonista de hoxe, Scleroderma citrinum (do grego skleros, "duro" e derma, "pel", polo tanto a cousa viría sendo "pel dura"; e citrinum polo súa cor que lembra ó limón), cortado transversalmente ca gleba todavía sen "madurar" de todo na que se poden apreciar claramente estas dúas partes.

Scleroderma citrinum é quizáis o compoñente deste grupo e fungos máis abundante na zona das Rías Baixas, e bastante doado (doado, ó falar de cogomelos, sempre o vamos a tomar con certa cautela; o que é doado, é confundir unha especie con oitra) de identificar. En todo caso non é comestible, así que jardade saliva.

Se queredes saber máis desta pataca do monte, acompañádenos a repasar a descripción comentada por nós e extraida do libro "Cogomelos de Galicia" (que, lembrade ahora que chega a época, tedes dispoñible por conta de Refungando no Ateneo Valle-Inclán de Riveira, aka Bar Plaza). ¿Imos? Fai click abaixo en leer máis...


DESCRIPCIÓN

Corpo frutífero: 5-10 cm de diámetro. Globoso, algo esmagado polos polos, moi sólido. Peridio de 2-3 mm de grosor. Pardo amarelado ou pardo oliváceo, cuberto de anchas escamas esmagadas ou areolado e furfuráceo. Cando madura ábrese polo ápice liberando unha masa esporal pulverulenta. Sen pé. Na imaxe da dereita podedes ver como o cogomelo central está a puntiño de reventar por un lado, co peridio xa perforado.

Gleba: Dura, abrancazada ou rosada (ver última imaxe do artigo), axiña pasa a unha cor gris ou gris lousa con tinguiduras violácea e vénulas abrancazadas (como podesde ver na 2º imaxe). Olor e sabor desagradables. Ó final se transforma nunha masa grisácea oscura de consistencia algodonosa e pulverulenta, como podedes ver na imaxe da esquerda nun exemplar bastante maduro.

Hábitat: En bosques de coníferas e de folla (micorrízico), ás veces sobre madeira podrecida (saprófito), con preferencia por solos ácidos. En grupos máis ou menos numerosos. Finais de verán e outono. Moi común. Na nosa zona, xunto con Lycoperdon perlatum e Pisolithus arhizus, quizáis os gasterales máis abundantes.

Comestibilidade: Tóxico, pode provocar diversos transtornos gástricos. De todas formas o aspecto e cheiro tira para atrás tanto como para que a ninguén se lle ocorra botalo a un guiso. Ainda que de todo hai na viña do señor...

Observacións: Ás vexes atopámolo parasitado por Xerocomus parasiticus (si, como oídes, un membro da familia boletaceae é parásito de scleroderma citrinum). Á hora da súa identificación destaca o grosor do peridio, e as especies máis problemáticas pertencen todas ó mismo xénero. Scleroderma verrucosum ten o peridio máis delgado, 1 mm, e a base provista dun pseudopé formado por cordóns miceliares. Scleroderma aerolatum tamén pode provocar confusións pero a presencia de pseudopé e un peridio moito máis fino, deberían axudarnos a diferencialas. En canto ás especies do xénero bovista (como Langermannia gigantea) teñen a gleba branca e son menos pesadas. A pesar de todo isto, pode haber e hai confusións, pero sempre con oitros gasterales próximos. A falta de interese gastronómico de case que todas estes cogomelos fai que non sexa unha especie problemática para os afecionados. Todos pasan dos peidos de lobo.

Para rematar, unha última curiosidade. Según recentes investigacións de ADN, Scleroderma citrinum estaría xenéticamente máis próxima a Gyroporus castaneus que esta última a Boletus edulis. Xa, pensaredes, acolloante, "¿e a min qué?". A sorpresa está máis que xustificada se coñecedes as tres especies pero, se non é así, vos deixo un enlace a un artigo moi interesante de Michael Kuo no que trata este tema e a aparente paradoxa que esto implica, ademais de conter imaxes dos tres cogomelos para que comparedes e xulguedes vos mesmos.

http://www.mushroomexpert.com/kuo_05.html


Bueno amigos, xa podedes irlle pegando unha limpeza a cesta, porque o outono comeza a chegar ás nosas portas. Despois deste verán para o olvido, esperamos ansiosos qué novos cogomelos nos traerá a tempada. Estade atentos á nosa páxina, porque dende aquí compartiremos o utono con vos. Un cogomélico e fúnxico saúdo!
Ler máis...

Fungos de hai millóns de anos chegan ata nós atrapados en ámbar

Cando vos falamos das delicatessen cas que de cando en cando Pleurotus ostreatus se regalaba, pretendiamos que fose o primeiro de varios artigos que tratarían sobre os fungos predadores. Hoxe imos continuar tema e coñecer oitro fungo (¿xa extinto?) que se especializou hay millóns de anos na captura de nemátodos. En decembro de 2007 aparecía a noticia en National Ggeographic. Nunha canteira do sur de Francia aparecía atrapado nuha cela de ámbar un pequeno nemátodo xunto cunha estructura filamentosa que formaba pequenos aneis: tratábase do micelio dun fungo (fotografía superior). Segundo Alexander Schmidt, xefe do equipo do Museo de Historia Natural de Berlín responsable do descobremento, este micelio pertencía a un fungo predador que utilizaba os seus pegañentos aneis para atrapar e consumir os nemátodos que constituian as súa dieta.

Ainda que no interior do ámbar non aparece ningún nemátodo atrapado nos aneis que confirme a utilidade destos coma trampa, a existencia hoxe en día de especies de fungos que utilizan a mesma técnica, a presencia de nemátodos no ambar e o diámetro coincidente dos aneis, suxire que xa fai a frioleira de 145 millóns de anos, algúns fungos habíanse especializado como trampeiros de vermes. Estamos a falar do Cretácico, cando ainda nin paxaros nin prantas con flores habían sequera asomado o fuciño na Terra. A importancia deste hachado radica en que anteriormente o fungo nematófago máis antigo atopado ata ese momento tiña uns 15-20 millóns de anos, co que se espera que este fungo nos axude a comprender millor a evolución destas especies.

Pero, ¿existe algún fungo que hoxe en día empregue aneis para cazar as súas presas? A resposta é si. A modo de rede de pescar, o micelio de Arthrobotrys oligospora, atrapa ás suas presas nos aneis pegañentos que forma o seu micelio. É o fungo nematófago mái extendido e estudiado hoxe en día. Encádrase dentro dos chamados fungos inferiores, que non producen carpóforos (cogomelos, vamos) e pertence á clase dos Deuteromicetos. Falaremos máis en profundidade destos fungos nun futuro artigo, no que ademáis coñeceremos algún que oitro membro máis do xénero Arthrobotrys. Pero teredes que esperar. Polo de pronto podedes ver na imaxe da esquerda un nemátodo atrapado por este fungo visto ó microscopio (imaxes obtidas de Myco Album CD, de George Barrow).

Entón... ¿era o fungo preso no ámbar un oligospora ou algún ancestro da especie? Pois nin o un nin o outro. Según Phillip Jacobs, experto mundial en fungos nemátodos, o fósil atopado non pode asignarse a ninguna especie de fungo predador existente hoxe en día. Ó longo da historia da evolución varias especies de fungos alcanzaron á mesma solución para obter alimento: as trampas con aneis. Os aneis do fungo en ambar están formados por unha única célula alongada, mentres que os modernos trampistas do Reino fungui forman os seus aneis con tres células, o que indicaría que pertencen a ramas evolutivas distintas.

Como vedes, e non nos cansamos de repetir, o Reino fungui nunca deixa de sorpendernos. Se pensades que son inxeniosas as "tácticas" de Pleurotus ostreatus (toxinas paralizantes) e Arthrobotrys oligospora (aneis pegañentos), esperade ó próximo artigo no que falaremos dunha fascinante especie tamén do xénero Arthrobotrys que riza o rizo. Pero non adiantemos acontecementos. Ata entón, refunga, amigo micófilo. Ler máis...

O humor fúnxico de Davila: Pirómanos

Este verán está sendo, micolóxicamente falando, un auténtico lixo. Despois de tres ou catro anos de fabulosos periodos estivais (menos para os cazabronceados, claro), xa o ano pasado se notou un importante descenso na aparición de cogomelos de verán. Alá van aqueles fantásticos Boletus Pinophilus ou as Amanitas caesareas que a natureza nos regalaba xa dende xuño en anos anteriores. Non hai ningún misterio nesto (Iker, tranquilo!), os dous últimos veráns, este especiamente, viñeron ben escasos de chuvias e, sen humidade, os cogomelos quedan na casa.
O que ocorre e que cando se van os cogomelos aparece oitra especie nos nosos montes ben despreciable: os pirómanos. Por suposto que non se lles pode atribuir tódolos incendios que ocorren na nosa comunidade. Campistas despistados, labregos facendo queimas dos refugallos do campo, churrasqueiros de domingo... En todo caso non hai intencionalidade, se ben sí poucos miolos.

Pouco a pouco nos quedamos sen montes. Moito do queimado non se recuperará (desidia, intereses económicos, a inexistente e imposible relación de armonía entre os galegos e a súa terra...). Sempre nos queda mentar os mortos dos pirómanos que, sen eufemismos e palabras rimbombantes, son uns auténticos fillos da gran puta e merecen arder co monte que queiman.

Pero non vaiades apensar que nos deixamos levar pola desilusión do cheiro a madeira queimada e as cinsas que manchan a nosa pel. Nin ca boca negra fartos de barrantes. Dende Refungando temos en mente a creación dunha carballeira micorrizada en Ribeira como primeiro paso para recuperar, ainda que un cachiño sea, do monte que herdamos dos nosos devanceiros. Xa vos contaremos como vai indo a cousa que, por agora, marcha sobre rodas. Sempre se pode facer algo, sempre se poden remover conciencias e educar á unha sociedade que está ben lonxe dos problemas medioambientais que ten na súa propia casa: Galicia.

Esperamos que o amigo Davila vos arrancara unhas boas risas, porque estes montes de merda a nós non nos fan ningunha gracia.

Refunga. Loita. Pranta unha árbore.
- Ler máis...

Nova e interesante aplicación comercial dos fungos


Nunca te deitarás sen saber unha cousa máis. Iso é o que pretendemos que vos pase cada vez que nos visitedes e apostamos unha crema de Boletus a que o que ven hoxe non volo imaxinades.
Dende Nova York, da man da empresa Ecovative Design, nos chega esta nova aplicación comercial, na forma de protección para embalaxes (ver foto exemplo arriba), sustituindo ó corcho aglomerado que se ven utilizando ata agora. O seu nome: Ecocradle, e está composto dun material biolóxico tamén patentado pola firma estadounidense, chamado Mycobond.

Este novo material é a clave de todo: está composto por unha mistura de cascas de sementes de algodón e trigo que se introducen nun molde xunto co micelio dun fungo (non puidemos averiguar o nome) que actuará como cemento do conglomerado e se deixan repousar durante sete días. O resultado logo da esterilización é un material poroso, máis compacto que o corcho e completamente biodegradabe ó que lle podemos dar a forma que desexemos.

¿As vantaxes?
  • Barato de producir, e independiente do mercado do petróleo.
  • Múltiples opcións para desfacerse de él unha vez utilizado: como compost, como revestimento do chan no xardín...
  • Ó ser completamente biodegradable, non emite residuos na súa destrucción nin "perdura" como sí o fan os corchos actuais, de poliestireno.
O millor vai ser que vos deixemos un video para que os responsables da empresa nos expliquen un pouco por riba como vai a cousa. Está en inglés, pero é moi curto e non debería darvos problemas á hora de entende-lo. As imaxes falan por si mesmas...


Se botades un olla á páxina de Ecovative Design (click no nome da empresa), poderedes ver que tamén desenrolaron con este mismo material unha especie de aillante para as paredes das casas chamado Greensulate. Na páxina tamén poderedes atopar maís información sobre estes materiais e a empresa.

Como podedes ver, as aplicacións industriais-comerciais dos fungos son cada vez maís, e máis sorprendentes. Dende Refungando estamos sempre atentos con tres ollos para traerchas cando aínda están quentes.

¡Vémonos pronto Refungando, como non podía ser doutro xeito! Ler máis...
Related Posts with Thumbnails