E tempo de Luns Micolóxicos!!

E un ano máis o reloxo das estacións se chega o outono. Logo dun ano no que os cantharellus cibarius foron protagonistas indiscutibles por estos lares e dun verán micolóxico bastante millor que o pasado, o outono se presenta incerto con un fin da tempada estival prometedor e un período seco nestes momentos que non favorece nada a tempada. Aínda así, os primeiros boletus xa sairon nos nosos montes, xunto cunha corte de sendeirinhas, as primeiras macrolepiotas, amanita caesarea, cantharellus (que non deixaron de sair en todo o ano dende a primavera), agaricus... Que xa hai un pouco de todo, vamos. Así que, se aínda estás na casa sentado esperando que cheguen días millores máis adiante, espabila. Poida que non chuegen, igual que o ano pasado.
Así pois, dende este luns día 6 de outubro  e ata o luns día 24 de novembro (inclusive) estaremos tódolos luns á vosa disposición; nos achegaremos a partir das 20:30 ata as 22:00 polo Bar Plaza (na parte de arriba, non vos despistedes) en Ribeira, que convertiremos na nosa base de operacións micolóxicas para tentar achegarvos un poco máis ó fascinante e delicioso mundo dos cogomelos, aconsellándovos sobre especies a evitar, manuales de campo a empregar, caracteres dos cogomelos que nos van a axudar nas identificacións, etc...
A continuación vos deixamos uns consellos para facernos as cousas máis sinxelas a todos se vos animades a facernos unha visita e tentade lembralos, porque é realmente difícil identificar algúns cogomelos cando veñen practicamente sen pé, resecos ou medio podres... ou podres enteiros. ¡Que sempre vos olvidades!
Algúns consellos para os que vos acheguedes:
  1. IMPORTANTE (Que o ano pasado non nos fixéstedes caso; nin o anterior; nin o oitro!): Os exemplares que nos traiades procurade arrancalos con coidado e traer o cogomelo enteiro, que non se perda a base do pé ou unha posible volva ou anel. Pode haber moita información, segundo o cogomelo, na base do seu pé (forma, coloración, presencia ou non de rizomorfos...).
  2. Traede sempre que poidades, un exemplar novo e oitro maduro (non podre e cheo de vermes) da especie a identificar, procurando que estén no millor estado posible.
  3. Non nos traiades os cogomelos nunha bolsa, como xa comentamos moitas veces, o plástico acelera a fermentación e descomposición dos cogomelos. Que chegan feitos un cristo, vamos.
  4. Conservalos no frigorífico ata que vos acheguedes xunto a nós, non ó aire, pois secan e algúns apodrecen moi rapidamente e poden cambiar a súa cor e morfoloxía bastante.
Fixádevos ben no punto 1! O pé do cogomelo garda moita información sobre o mesmo e, en moitas ocasións, sin os caracteres que este presenta é moi complicado chegar a bo porto. Un micolóxico saúdo a todos. Benvidos o outono! Ler máis...

Axenda de Xornadas micolóxicas de Novembro 2013 en Galicia!!

Lonxe de estar a rematar a tempada micolóxica, novembro todavía nos garda unha gran cantidade de eventos e actividades relacionadas co apaixoante mundo dos cogomelos. Eiquí os deixamos unha mini guía das mesmas  que iremos actualizando e que se celebrarán ó longo da nosa xeografía neste mes. So tes que escoller as datas e lugares que millor te veñan e chimparte de cabeza ó monte. ¿Sinxelo, non si? Pois ide preparando a axenda, que Novembro ven cargadiño de cousas... Nota: Podedes facer click nas imaxes para obter información máis detallada ou vías de contacto para aclarar as vosas dúbidas. Vémonos refungando polo baixiño!!

Organiza: Agrupación Micolóxica A Cantarela
Lugar: Vilagarcía

Datas: Do 10 o 24 de Novembro









Organiza: Asociación Micolóxica-Naturalista Pan de Raposo
Lugar: Cee:
Datas: 9 e 10 de Novembro.



Organiza: Asociación Micolóxica-Naturalista LIboreiro-Bueu
Lugar: Bueu
Datas: 18-22 de Novembro
Organiza: Asociación Socio-Cultural Coto-Manguelo
Lugar: Bueu
Datas: 1 de Novembro aa 6 de Decembro
Prezo: 5€
Organiza: Asociación Micolóxica Sendeirinha
Lugar: Negreira
Datas: 27 de Outubro a 30 de Novembro

Organiza: Grupo Ecoloxista ADENCO
Lugar: Arbo
Datas: 9-10 de Novembro. Ler máis...

Terciopelo azul... nun pau: Terana caerulea

Sínónimo: Pulcherricum caeruleum 
Castelán: corticiáceo azulado
Terana caerulea
Teño que confesar unha cousa, nunca antes, ata agora me había atopado con este cogomelo, aínda si que o tiña visto en distintos manuáis, con millores ou peores fotografías, e sabía que tiña que ser un cogomelo ben fermoso. Pero así e todo, advertido xa,  a verdade é que quedei abraiado ca beleza desta cotra, a máis fermosa entre as cotras.

Terana coerulea pertence a un grupo de cogomelos que denominamos como corticiáceos, composto por fungos saprófitos que forman costras de diversas cores e texturas no canto dos típicos cogomelos. Persoalmente considero o seu oitro nome moito máis axeitado, a lo menos é moito máis descriptivo: Pulcherricium coeruleum ("o máis fermosos dos azúis"). Como anel ó dedo.

A fotografía, por outra banda, penso que non lle fai xustiza, pero o tamano da pónla impedía partila para tomar millores tomas dende o chan así que tivemos que facer a fotografía a pulso. Unha pena de imaxes... pero non é momento de choros que para iso so hai que prender a televisión; pasemos  pois a botar un ollo á descripción para ter perfectamente claro os caracteres definitorios deste fermoso e inusual cogomelo, terciopelo azul das nosas fragas...

DESCRIPCIÓN

Corpo frutífero: Frutificación totalmente resupinada... E imos a pararnos un pouquiño neste palabro micolóxico: dicimos que unn cogomelo é resupinado cando nos amosa á vista a cara correspondente ó himenio, a superficia na que se producen as esporas, mentres que a cara contraria (o que sería nun cogomelo típico a superficie do sombreiro) está pegado ó sustrato sobre o que medra, case sempre madeira.

Comeza sendo unha pequena placa redondeada que ao unirse a outras remata formando cotras alongadas  e fortemente fixadas ó substrato, de varios centímetros ou decímetros, coma no noso caso, de longo e 1mm de espesor.

Himenio: Unha fermosura aterciopelada. Recobre todo o corpo frutífero. Liso de novo e abolado ou verrugoso de maduro, mate e vistosamente aveludado. Cor azul mariño ou azul anil intenso, máis escura cara o centro, que palidece ó envellecer. Beira redondeada e ben delimitada, de cor abrancazada cando é nova.

Pé: Non existe.

Carne: Delgada, de consistencia branda e cérea. En estado seco convértese nunha costra dura. Sen olor nin sabor.

Observacións: En contacto con certos compoñentes químicos este cogomelo produce un antibiótico que inhibe o crecemento de Streptococcus pyogenes (responsable entre outras enfermidades, da faringitis).

Terana caerulea é un cogomelo que nos vos vai deixar indiferentes. A pesar de non ser máis que unha codia cubrindo unha póla, a beleza da súa cor e a sua textura aterciopelada fan deste cogomelo un regalo para os ollos. Unha agradable sorpresa para todo afecionado á fotografía micolóxica.
Ler máis...

XXI Semana Micolóxica en Pontevedra

Este ano, a Semana Micolóxica Galega (evento de caracter anual e que cada ano celebra unha asociación galega distinta) vaise a celebrar en Pontevedra, coa Asociación Micolóxica Brincabois como anfitriona desta  XXI edición.

Non perdades a ocasión de ter acceso á información, charlas, saídas e exposicións que se van a celebrar dende o 4 ata o 17 de novembro na cidade do Lérez.

As charlas deste ano se celebrarán no Círculo Mercantil e Industrial de Pontevedra, a entrade é libre e as datas e horarios como seguen:
  • 4 de Novembro, 20:30: Iniciación á Micoloxía, a cargo de Merche Nodar.
  • 5 de Novembro 20:30: Principais cogomelos comestibles e velenosos, a cargo de Jaime Blanco.
  • 6 de Novembro, 20:30: A familia Cantharellaceae, a cargo de Jaime Blanco.
  • 7 de Novembro 20:30: Uso medicinal dos fungos, a cargo de Floro Andrés Rodríguez.

A esquerda tedes a imaxe co cartel deste ano e no que podedes consultar toda a información restante para asistir ós eventos que gustedes tan so facendo click nela.

Lembrade que, se queredes iniciarvos, aumentar coñecementos ou asentar nocións sobre o complexo munda da micoloxía estas oportunidades son algo que non deberiades deixar pasar. Así que a mover eses cus, que o outono anda lixeiro e na casa pouco se aprende (aínda que se está quentiño). Ler máis...

Mamá, un boletus edulis comeu ó can!!

Sen palabras. Aquí tedes un vídeo para que a próxima vez que fardedes de boletus grande, volo pensedes dúas veces. O significado de grande, quero dicir. O xabarín que este home se atopou nesta tempada en polonia, pesa 3 kg e ten un diámetro de sombreiro de 40 cm. Este cogomelo NBA size foi atopado no noroeste de polonia esta tempada, nas fragas de Bydgoszcz (a ver quen é o juapo que o pronuncia), volo comento por se alguén se apunta. Mirade, mirade e axeonlládevos ante o rei dos Boletus edulis...

Ler máis...

Nova especie de cogomelo na parroquia ribeirense de Aguiño: Boletus atlanticus

Boletus atlanticus
Foi un longo camiño o percorrido para finalmente poder engadir unha nova especie ó xénero boletus con denominación de orixe ribeirense. Dende que xa fai uns anos nunha charla micolóxica celebrada en Boiro unha familia de Aguiño (Fina José e Alfonso) levase a Jaime Blanco Dios, autor do estudo desta nova especie, un extraño boleto que atoparan preto da localidade ribeirense para identificar. Aquel fermoso cogomelo de chamativas cores pertencente á sección luridi sería bautizado en honor do lugar onde medraba, preto de praia Penisqueira, na parroquia de Aguiño, como Boletus atlanticus. Dende esta posición privilexiada, as vistas da entrada da ría de Arousa, ca illa de Sálvora como engadido de luxo, fan xustiza ó epíteto desta nova especie.

Logo da súa última aparición documentada, alá polo 2009, dende Refungando estivemos vixiando periódicamente o lugar exacto da aparición desta especie... sen resultados. A día de hoxe seguimos pasando de cando en cando pola zona ca esperanza de poder achar este cogomelo no seu hábitat (dunas terciarias, baixo Pinus pinaster), pero polo que asemella, tratamos con unha especie moi caprichosa e esquiva á hora de fructificar. Pero non nos desanimamos, xa veremos quen se cansa antes...

Publicado xa este achado na revista Mycotaxon, imos botar un ollo á descripción deste novo cogomelo que pasa a engrosar as filas do xénero boletus da man do Sherlock Holmes dos fungos. ¿Imos aló? 


DESCRIPCIÓN

Sombreiro: 6,5-15,5 cm. Hemisférico a convexo ca idade. Suave, glabro e lixeiramente visguento en tempo húmido. Maís intensamente coloreado cando novo, indo dende rosado a laranxa, suavizándose ca idade e volvéndose marrón claro no disco con varios tons rosados, laranxas e amarelos cara o marxe color crema. Cando se manipula o sombreiro, a superficie vira a un azul ou verdoso intenso e, finalmente, acada una coloración negro-azulada.

Himenio: Tubos adnados, amarelos, que cambian a azul á presión lentamente. Poros pequenos, ovalados, ou menos abundantes, triangulares.  Poros laranxa pálidos a ocre pálido cando novo, logo laranxas ou ferruxinosos na madurez, virando ca manipulación a un intenso verde grisáceo.


Pé: 60-130x 15-55 mm. Normalmente máis corto que o ancho do sombreiro, atenuado, fusiforme ou napiforme. Amarelo brillante a excepción do tercio basal que vai do avermellado a púrpura. Posúe un longo e irregular retículo laranxa, excepto na porción superior do pé onde o retículo é moi fino e amarelo. A superficie do pé cambia de coloración a azul ou azul grisáceo ó manipulalo.

Carne: Firme, suave na madurez, amarela, cambiando a azul, azul grisáceo ou azul verdoso cando ñe exposta excepto na base donde as cores carmín e púrpura dominan. Olor máis intenso no sombreiro, xeralmente non distintivo e a veces cun deixe a allo. Sabor agradable e textura untuosa.

Hábitat: En dunas costeiras baixo Cistus salviifolius e Pinus pinaster.

Obeservacións: Comestibilidade descoñecida, tóxico probablemente como moitos dos cogomelos da sección luridi. Se buscan voluntarios para a cata con moito peito e sen medo a pasar tres días amarrados á taza do excusado.

Cada nova especie descuberta é unha nova páxina escrita sobre o reino Fungi e a riqueza da biodiversidade da nosa terra. Un motivo sempre de sorpresa e alegría. Non será o último cogomelo galego que sae á luz nestas páxinas, volo aseguro. Estade atentos e preguntádevos namentres a vos mesmos: ¿habereime tropezado sin sabelo con algunha nova especie nas miñas andanzas polos montes? Seguro que algúns de vos, si. Pero para decatarse diso hai que ter un ollo que non está  o alcance de moitos de nos... En fin, sexa como sexa, ¡benvido Boletus antlanticus!
Ler máis...

Xa están aquí os Luns Micolóxicos 2013!!

Laetiporus sulphureus
Despois dun longo verán de merda fantásticos días de praia sol e moscas que parecía non ter fin, parece que os cogomelos espertaron finalmente ávidos de humidade, algo máis tarde que de costume e pouco a pouco, para enchernos ó fin a vista e as cestas.  Arrancamos tamén nos este ano, arrastrados polo imprevisible ciclo micolóxico un par de semanas máis tarde cos Luns Micolóxicos deste 2013 onde, coma sempre, estaremos ahí para botarte unha man coas túas identificacións e dúbidas. Así pois, desde este luns día 14 de outubro  e ata o luns día 16 de decembro (inclusive) estaremos tódolos luns á vosa disposición. Cada luns, nos achegaremos a partir das 20:30 ata as 22:00 polo Bar Plaza (na parte de arriba) en Ribeira, e que convertiremos na nosa base de operacións micolóxicas para tentar achegarvos un poco máis ó fascinante e delicioso mundo dos cogomelos, aconsellándovos sobre especies a evitar, manuales de campo a empregar, caracteres dos cogomelos que nos van a axudar nas identificacións, etc...
A continuación vos deixamos uns consellos para facernos as cousas máis sinxelas a todos se vos animades a facernos unha visita e tentade lembralos, porque é realmente difícil identificar algúns cogomelos cando veñen practicamente sen pé, resecos ou medio podres... ou podres enteiros. ¡Que sempre vos olvidades!
Algúns consellos para os que vos acheguedes:
  1. IMPORTANTE (Que o ano pasado non nos fixéstedes caso; nin o anterior; nin o oitro!): Os exemplares que nos traiades procurade arrancalos con coidado e traer o cogomelo enteiro, que non se perda a base do pé ou unha posible volva ou anel. Pode haber moita información, segundo o cogomelo, na base do seu pé (forma, coloración, presencia ou non de rizomorfos...).
  2. Traede sempre que poidades, un exemplar novo e oitro maduro (non podre e cheo de vermes) da especie a identificar, procurando que estén no millor estado posible.
  3. Non nos traiades os cogomelos nunha bolsa, como xa comentamos moitas veces, o plástico acelera a fermentación e descomposición dos cogomelos. Que chegan feitos un cristo, vamos.
  4. Conservalos no frigorífico ata que vos acheguedes xunto a nós, non ó aire, pois secan e algúns apodrecen moi rapidamente e poden cambiar a súa cor e morfoloxía bastante.
O outono non espera por ninguén! ¿Non sentides xa o suave arume a terra mollada e cogomelos frescos?  Esperámosvos... refungando polo baixiño e caña en man, no Bar Plaza. Non falles á cita, e xa sabes: máis vale cogomelo identificado, que pasar toda a noite ó vater pegado. Dixen. Ler máis...

XV Xornadas Micolóxicas en Bueu

Se a estas alturas da tempada pensabades que tiñades tódolos deberes feitos, mal feito. Todavía quedan moitos cogomelos que ver e moitas cousas novas que aprender destes apaixoantes seres vivos que son os fungos.

E a Asociación Micolóxico Naturalista Liboreiro de Bueu ten preparada para a semana que ven un interesante programa fúnxico para tódolos gustos: iniciación, bibliografía, botánica, taxonomía e micogastronomía. ¿Nos falta algunha cousa máis rematada en ía? Pois isto é o que hai, sacada lapis e papel:

  • Luns 19: Presentación da reedición da guía "Setas de Galicia y del Noroeste Peninsular" (o mítico "Cogomelos de Galicia", vamos) a cargo de Chemi Traba Velay.

  • Martes 20: "Iniciación ó coñecemento dos cogomelos", a cargo de Floro Andrés Rodríguez, membro do Grupo Micolóxico Galego.
  • Mércores 21: "Plantas que dialogan", a ecoloxía química como base da comunicación vexetal. Adela M. Sánchez Moreiras, da Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo.

  • Xoves 22: "O xénero Tricholoma", Puri Lorenzo, do Laboratorio de Micoloxía da Universidade de Vigo.

  • Venres 23: "Os manxares dos bosques", José Luis Tomé Ortega, da Asociación Micolóxica Brincabois de Pontevedra.


Non hai queixa no Morrazo, ¿que? Pois iso, esta semana que ven, xa tedes cita micolóxica obrigada para a vosa axenda. 
Ler máis...

Humor fúnxico: ¿É mortal Amanita muscaria?

Pois iso... depende. Amanita muscaria é un cogomelo que leva no imaxinario popular a etiqueta de mortal, pero que nembargantes no o é... con matices. Este cogomelo contén sustancias que  producen dous tipos de intoxicacións ben diferenciadas, que se ben non teñen por que ser mortáis, si poden provocar a morte a individuos especialmente sensibles ou con problemas de corazón.

Unha, debido á muscarina, que se asemella a unha mega-gastroenterite que nos pode chegar a facer pasar un moi mal rato. A oitra intoxicación, co muscimol como principal axente psicotrópico, é a que sufre Mario na viñeta do lado e... bueno, tamén pode ser bastante perxudicial para a saúde.

En fin, un pocuo de humor e un par de curiosidades para facernos sorrir un pocuo nestes tempos, non está nada mal. ¡Non me andedes a xojar cas cabesiñas, eh!  


P.D.1: Aproveito para mandar un saúdo ó meu amigo Rivas polo chivatazo.

P.D.2: As autoridades sanitarias recomendan o consumo de Amanita Muscaria tan so xogando ca Wii. Ler máis...

En Novembro seguen as Xornadas e Charlas Micolóxicas

Mañá sábado 10 de Novembro no Centro de Interpretación do Castro de Baroña os de Refungando nos vamos de troula micolóxica xunta os veciños de Porto do Son para dar unha charla sobre a Identificación de Cogomelos as 10:00 con posterior saída ós montes da bisbarra para poñer en práctica o aprendido. Se vos pasades, refungamos xuntos.
Este sábado tamén hay movida micolóxica en Salceda de Caselas con Óscar Requejo á batuta, quen nos deleitará cunha charla centrada nun aspecto pouco comentado da bioloxía dos fundos: a súa casa. "Os fungos e os seus ecosistemas" se celebrará no Centro Cultural San Xurxo a partir das 19:00.
Así mesmo poderedes disfrutar da exposición de cogomelos que terá lugar no mesmo sitio. Xa estades arreando para Salceda os que a teñades a man.
E en Orazo tamén lles ferven as lamelas. Ata o 8 de Decembro actividades micolóxicas de todo tipo se espallan nestes meses. Aínda que xa pasaron un par de días, estades a tempo de desfrutar dos manxares que o monte pon aá nosa disposición nunhas xornadas eminentemente adicadas á micogastronomía e onde non faltarán degustacións de cogomelos a eito. Para assaídas é necesario confirmar a asistencia mínimo con dous días de antelación chamando ó 665840364 ou ó 616534077.

A disfrutar compañeiros, que todavía queda moita tempada!! Ler máis...

IV Outono Micolóxico de Negreira

Esta semana comezaba en Negreira o IV Outono Micolóxico, ata o día 10 de Novembro encherán de cogomelos as rúas da vila coruñesa. Os compañeiros da Asociación Micolóxica a Sendeiriña teñen un fantástico plan micolóxico para estes días de outono. ¿Te apuntas? ¡Deberías! Bota un ollo ás actividades que teñen preparadas para este outono e mergúllate con eles nas marabillas do mundo dos fungos...

25 de Outubro
 21:00 h, conferencia a cargo de J.M. Costa Lago. “Algúns cogomelos comestibles e as súas posibilidades de confusión”

27 de Outubro
Saída ó monte, quedada diante do Casa da Cultura de Negreira ás 9:30 da mañá.

28 de Outubro

Exposición nas casetas do pazo de Cotón de 11:00 a 14:00.

29 de Outubro

Exposición nos centros Educativos.

Xoves 8 de novembro

 21:00 horas, Conferencia a cargo de J.M. Traba Velay. “O xénero Russula en Galicia”.


3 de Novembro

Saída ó monte, quedada diante do Casa da Cultura de Negreira ás 9:30 da mañá.


Sábado día 10 de Novembro

20:00 horas, no Instituto Vello de Negreira, a cargo de Suso Puñal (Restaurante O Rueiro – Vilaserío). Para esta actividade é necesaria a preinscripción (contacto: sendeirina@yahoo.es)! Ler máis...

XII Xornadas Micolóxicas da Costa da Morte

Con un outono coma este, que chegou cheo de cogumelos, desperdiciar a oportunidade de asistir a calesquera das xornadas micolóxicas que se celebrean ó longo e ancho da nosa xeografía é unha mala idea para calquer afecionado con fame de saber. Por iso dende aquí sempre vos animamos a que non deixedes pasar estas actividades que organizan as distintas asociacións.

Dito o cal, esta fin de semana temos oitra cita micolóxica co Reino fungi na Costa da Morte (en Cee) que se celebrará na Escola Municipal de Música de esta localidade e organizadas pola Asociación Micolóxica Naturalista Pan de Raposo.

Sábado 3

13:00 Visita Guiada con José Castro Marcote.
18:00 Conferencia - "Dyscomycetes" (Xosé María Costa Lago).
19:30 Conferencia - "Natureza da Costa da Morte" (Francisco Javier Lema Fuentes).

Domingo 4

13:00 Visita guiada con Manuel Pose Carracedo.
18:00 Conferencia especial para nenos a cargo de Xosé María Traba Velay, "O mundo Máxico dos Fungos".

A Exposición de Cogomelos poderase visitar Sábado e Domingo de 10:30 a 13:30 e de 17:00 a 20:00.

Listo, xa estades avisados. E como plus xa vos advirto que a exposición que montan os amigos de Pan de Raposo é algo digno de ver, así que librade da presencia dos vosos cus ós vosos sofás e animádevos a disfrutar dos cogomelos en Cee!


Ler máis...

Pontevedra: Brincabois arranca cas Actividades do outono 2012

Pomtevedra tamén bule de inquedanza micolóxica, así que para aliviar o picor nos vai amenizar con unha boa ración de interesantes charlas sobre os amigos cogomelos organizadas pola Asociación Micolóxica Brincabois. Tal que así vai a cousa:

Tódalas charlas se celebrarán no Casino Mercantil e Industrial de Pontevedra, na praza de Curros Enríquez, ás 20:30 horas...


  • 22 de Outubro: "Iniciación á Micoloxía" (Jaime Blanco Dios).
  • 23 de Outubro: "Principáis cogomelos comestibles e velenosos"(Jaime Blanco Dios).
  • 24 de Outubro: "Creación dun Xardín Micolóxico" (Puri Lorenzo).
  • 25 de Outubro: "Os cogomelos na cociña. O Xénero Cantharellus" (José Luis Tomé).
  • 26 de Outubro: "Os cogomelos e o seu Hábitat" (Antonio Rigueiro).
O sábado 27, para os cus máis inquedos, os compañeiros de Brincabois nos guiarán a traves dun roteiro micolóxico no Parque Deportivo do CAsino Mercantil e Industrial, en Cons (Mourente), Pontevedra. O horario será de 10:00 a 13:30.

Ademáis do anterior, tódolos luns e martes dende o 1 e 2 de outubro ata o 17 e 18 de decembro ambos inclusive, Brincabois se pon a disposición dos afecionados que necesiten algunha axuda nas súas identificacións: os luns, no Bodegón Arca (c/ Álvarez Limeses) e os martes no Centro Social do Gorgullón (c/ Curtidoira).

Ahí queda iso. Tedes toda a información, coma sempre premendo na imaxe do cartel. E tempo de aprender algo máis dos membros do Reino Fungi, aquí tedes todo o que precisades. Ata agora!
Ler máis...

Tedes permiso para arrancarvos os pelos da emoción e jritar como fans de Justin Bieber: XXX Semana Micolóxica en Ribeira!!!!

Uf, non era sen tempo. Por pouco celebramos a XXX Semana Micolóxica Galega antes de ter o cartel... Pero en Refungando nos gusta vivir ó límite, sentir o perigo, bailar con osos no Courel e comer bocadillos de Amanita Phalloides, somos así de duros.

O menú micolóxico, para todos os gustos e niveis, virá este ano ben cheo de charlas formativas. Así, dende o día luns 29 de Outubro ata o día 3 de novembro, tódolos días ás 20:30 no salón de actos da Casa do Mar (ó lado da parada, ou aljo paresido, de autobuses de Ribeira) celebraremos unha charla aberta ó público (non, non tedes que apuntarvos, nen pajar nada) na que trataremos diversos temas relacionados co mundo dos cogomelos:
  • Luns 29 ás 20:30:- “Especies nuevas para la ciencia y amenazadas en Europa encontradas en Galicia”(Jaime Blanco): 
  • Martes 30:ás 20:30 - “Utilidades dos Poliporos” (José María Costa Lago)
  • Mércoles 31 - “O xénero Lactarius” (José María Traba Velay)
  • Xoves 1:ás  - “Iniciación ó Reino Fungi e Identificación” (Jesús Parada)
  • Venres 2 -  “Principáis Cogomelos Tóxicos” (Jesús Parada)
  • Sábado 3 -  “Los Manjares del Bosque” (José Luis Tomé)
O sábado 3 pola mañá tamén organizaremos unha saída guiada ó Monte Iroite para axudarvos a dar os primeiros pasos neste apaixoante mundo. Así que se vos queredes apuntar, ajarrade o troncomóvil e persoádevos no parking do Polideportivo de Coroso ás 9:30 da mañá con roupa de faena (vinde abrijados e por deus non me viñades en changletas, hai que manter secos eses pes. Por certo, non esperamos por durmiñentos e sabanófilos, ¡estades avisados!

Todavía no sábado e de volta da andaina recuperaremos forzas nunha opípara degustación ó carón dos muiños de Amendo, preto da aldea do Vilar; unha homenaxe ás papilas gustativase que fará chorar de gusto a máis de un. Que non todo vai a ser camiñar monte adiante.

Xa pola tardiña e con todo ben dixerido, a cita micogastronómica (teórica) do día virá da man de José Luis Tomé que nos introducirá no mundo dos fogóns e os cogomelos ca última charla da semana.

Domingo 4: O domingo será un día para asimilar todo o aprendido durante a semana e disfrutar da Exposición de Cogomelos que se celebrará na parte de arriba do Bar Plaza a partir das 12:00, coma sempre, e que este ano ademáis contará ca presencia do microscopio no que os que nos visitedes poderedes ver aspectos dos cogomelos que, literalmente, nunca puidestes ver.

Ó mesmo tempo comezará a III Ruta Micolóxica de Bares na que aqueles con máis fondo poderedes degustar diferentes preparacións de cogomelos ó longo e ancho da nosa ruta. Avisade na casa que ides a chejar tarde para comer ou directamente no ides a asistir que despois estades a achorar que vos tedes que ir para a casa e non vos da tempo a acabar a ruta.

Bueno, xa o sabedes, agora queda nas vosas mans, por aprender, que non quede. Vémonos Refungando por Ribeira!!
Ler máis...

Este sábado sabadete... Xornada Micolóxica de Conxo

Este sábado 20 de Outubro o amigo Xosé María Costa Lago, da Asociación Micolóxica Pan de Raposo será o anfitrión de todos aqueles que vos achegedes polo Centro Sociocultural de Conxo para embarcaros nunha aventura micolóxica dun día.

Pola mañanciña, ás 9:30, comezará a xornada cun Roteiro Micolóxico ó monte Pedroso, en Santigo de Compostela. A saída será dende o centro sociocultrural de Conxo.

Xa despois de recuperar forzas e botar unha boa sesta, ás 17:30 se procederá no devandito Centro Sociocultural á identificación dos cogomelos recollidos no roteiro da mañá.

Por último, e logo da sesión de identificación, pechará o día unha interesante conferencia sobre a Identificación e o Estudo dos cogomelos.

Xa estades collendo botas, cesto e navalla que o outono está agora mesmo a dar o millor dos seus froitos, tanto en cantidade como en variedade. Unha ocasión esta que nin pintada para coñecer de primeira man unha man chea de cogomelos distintos.

P.D.: A fotografía de Chlorociboria aeruginascens protagonista do cartel, simplemente abraiante. ¡Qué fermosura!

Vémonos pronto... refungando polo baixiño... Ler máis...

Despois dunha longa, longa espera... ¡Xa está aquí a reedición de Cogomelos de Galicia!

Máis tarde do que ós autores e moitos de vos quixerades, se reedita ó fin este imprescindible manual para calquer afeccionado ós cogomelos que se mova polas terras do noroeste peninsular. Se me deran estes dous últimos anos un céntimo por cada vez que me preguntaron polo "Cogomelos", de seguro tiña pillado chalé en San Xenxo. Pero a espera rematou (moi ben) e eu sigo sen chalé (moi mal).

500 cogomelos perfectamente descritos e fotografiados a toda cor. Pouco máis podemos dicir sobre esta obra que non comentaramos antes (facer click aquí para ver), excepto que desta vez a edición ven en castelán e o título se cambiou por "Setas de Galicia y del Noroeste Peninsular".

Lembrade que tamén existe unha continuación a este libro (ver aquí), "500 setas del Litoral Atlántico y Noroeste Peninsular" que nos achega a 500 novas especies, co que con estes dous manuáis entre mans temos cogomelos para entreternos e identificar para unha boa tempada. Non son todos os que están ni están todos os que hai, nin moito menos, pero son unha boa man chea de cogomelos para coñecer a fondo e ter unha base sólida documental para as nosas identificacións.

Esta nova edición xa a podedes atopar nas librerías ó prezo de 35 €; si, xa sei que os 18 € que custaba antes eran unha delicia para o peto, pero tede en conta que a anterior edición estaba subvencionada pola Xunta de Galicia, e desta vez os recortes eses tan famosos tamén chegan á literatura micolóxica. En todo caso un moi bo prezo se consideramos a máis de 600 fotografías a toda cor que acompañan ós textos. Eche o que hai amigos.

Avisados estades: xa estades a tardar, ¡logo non choredes cando se esgote esta nova edición!
Ler máis...

Chegan os Luns Micolóxicos 2012!!!


Xa sei, xa sei que este ano vos tivemos moi abandoados neste monte virtual do internet. Pero só foi un momentiño. Que vos vou contar... cousas da vida, que é unha cachonda. Pero iso xa pasou, as chuvias xa chegaron para saudar o outono e, ó igual cos cogomelos, nesta época tamén nos rexurdimos con forza. 
E con novos folgos volvemos xa este luns día 1 de outubro cunha nova edición dos Luns Micolóxicos e que nos levará a estar á vosa disposición durante tódolos luns de outubro e novembro para axudarvos nas vosas identificacións e tratar de solventar as vosas dúbidas sobre o Reino Fungi. Cada luns, ata o día 26 de novembro, nos achegaremos a partir das 20:30 ata as 22:00 polo Bar Plaza (na parte de arriba) en Ribeira, e que convertiremos na nosa base de operacións micolóxicas para tentar achegarvos un poco máis ó fascinante e delicioso mundo dos cogomelos, aconsellándovos sobre especies a evitar, manuales de campo a empregar, caracteres dos cogomelos que nos van a xudar nas identificacións, etc...
A continuación vos deixamos uns consellos para facernos as cousas máis sinxelas a todos se vos animades a facernos unha visita e tentade lembralos, porque é realmente difícil identificar algúns cogomelos cando veñen practicamente sen pé, resecos ou medio podres. En fin, que ahí vai...

Algúns consellos para os que vos acheguedes:
  1. IMPORTANTE (Que o ano pasado non nos fixéstedes caso; nin o anterior!): Os exemplares que nos traiades procurade arrancalos con coidado e traer o cogomelo enteiro, que non se perda a base do pé ou unha posible volva ou anel. Pode haber moita información, segundo o cogomelo, na base do seu pé (forma, coloración, presencia ou non de rizomorfos...).
  2. Traede sempre que poidades, un exemplar novo e oitro maduro (non podre e cheo de vermes) da especie a identificar, procurando que estén no millor estado posible.
  3. Non nos traiades os cogomelos nunha bolsa, como xa comentamos moitas veces, o plástico acelera a fermentación e descomposición dos cogomelos. Que chegan feitos un cristo, vamos.
  4. Conservalos no frigorífico ata que vos acheguedes xunto a nós, non ó aire, pois secan e algúns apodrecen moi rapidamente e poden cambiar a súa cor e morfoloxía bastante.
Veña rapaces, que o outono é prometedor! Xa se pode sentir o rebumbio do micelio ó medrar se pegas un pouco a orella ó chan.  Esperámosvos... refungando polo baixiño no Bar Plaza. Ler máis...

Recente descubrimento micolóxico nos visita no Barbanza este outono

Este é o aspecto do cogomelo unha vez lavado de terra.
Despois dun obrigado paréntesis de comezo de ano, volvemos á carga cunha curiosidade micolóxica que a pasada tempada apareceu pola nosa zona. Resulta que este outono tivemos a fotuna de atoparnos con un cogomelo ben raro, tanto, como que se describiu esta especie por vez primeira no ano 2006. Pero non poñamos o carro diante dos bois, que diría o mestre Yoda. A historia de hoxe é unha desas historias nas que a fortuna micolóxica te agasalla con algún novo, curioso e fermoso cogomelo que  non esperabas atopar. Por iso queremos comezar este ano compartindo con vos este achado. Así que, ¿como era aquilo? Ah, si: Érase unha vez no Reino Fungi...

Lugar do achado
Nunha saída no entorno da Pedra das cabras (un coñecido petroglifo da zona) en Ribeira, na que me acompañaba o amigo e socio Fernando Quintela, chamounos a atención como preto do monumento un dos últimos temporáis tirara ó chan un vello piñeiro que xa levaba morto varios anos. Nunca naquel piñeiro atopáramos máis que os puntuáis exemplares de Gymnopilus junionus ou algún mixomiceto na súa corteza, como Enteridium lycoperdon. A árbore está á beira dun camiño e moi á vista, moi próximo tamén ó famoso petroglifo. Así que estaba ben "controlada", era unha vella coñecida. Sen embargo, nunca vimos nada raro, micolóxicamente falando, alí.

Neste estado atopamos os cogomelos
Pero ó achegarnos á árbore caída a fedellar nos atopamos cun curioso cogomelo, xa algo pasado e mofoso, que medraba xusto na base do tronco que quedaba baixo terra cando se erguía en pé, aínda que a maior sorpresa chegou ó asomarnos ó furado que deixara a árbore e atoparnos con dúas fructificacións en bo estado e cubertas de terra de algo que nun primeiro momento só puidemos achegar ó xénero sparassis como opción máis probable. Á dereita podedes ver ó estado no que se atoparon. Na imaxe que abre o artigo o cogomelo xa fora lavado da terra no regato ó carón do cal medraba.

Outra frutificación atopada máis tarde
Efectivamente, era unha sparassis. Afortunadamente este xénero non é moi numeroso e comprobando unha a unha as especies, só era cuestión de tempo atoparnos ca identidade do noso novo amigo. Tratábase, como puidemos comprobar máis tarde, dunha nova especie galega descrita en 2006 e que se convertiu na oitava especie do xénero no mundo: Sparassis miniensis Blanco-Dios & Zheng Wang (o de miniensis fai referencia ó lugar onde se atopou, nas ribeiras do río Miño preto de Salceda de Caselas, nun piñeiral de Pinus pinaster). A imaxe da esquerda corresponde a oitro exemplar atopado no mesmo lugar unhas semanas despóis, aínda que como vedes desafortunadamente chegamos un pouquiño tarde para collelo en todo o seu esplendor.

Exemplar atopado en Rianxo
Pero este outono non só apareceu en Ribeira, non vaiades a pensar; dende Rianxo nos chegou da man do socio Anxo Vela Ces outro exemplar de Sparassis miniensis, que podedes ver na imaxe do lado en todo o seu esplendor de noviño. De outro exemplar todavía maior e atopado en Boiro nos queda a dúbida pois non puidemos chegar a examinalo, pero as imaxes apuntaban claramente a Sparassis miniensis tamén.

Pero botemos un ollo á descripción desta fermosa especie, ¿vos parece?

DESCRIPCIÓN

Detalle da base do "pé"
Corpo frutífero: 110-180 x 140-210 mm. Composto por un grupo disperso de ramificacións que emerxen dunha base central pouco desenvolta (hasta 80 x 35mm) de laranxa a rosa purpúra.
As ramificacións teñen ata 10 cm de ancho e 2 milímetros de espesor. Fráxiles, dispersas, ca marxe profundamente irregular e laciniada, cun aspecto que lembra ós pétalos dos clavéis, pero de maneira máis acusada (coma se tivesen flecos). Superficie sutilmente pruinosa ou glabra, zonada (hai que fixarse ben, a coloración é moi suave), branquecina e crema-ocrácea ó envellecer.

Detalle da marxe das ramificacións
Himenio: Liso, branco grisáceo.

Carne: Suave, concolora co carpóforo, lixeiramente flexible. Olor agrdable e lixeirmente doce. Carne amarga ou de sabor lixeiramente fúnxico.


Hábitat: Sobre madeira morta de piñeiros. Posiblemente parásito ocasional coma algún dos compañeiros de xénero.

Observacións:  Sparassis miniensis é morfolóxicamente distinguible de oitras especies de sparassis atendendo ós seguintes caracteres macroscópicos, lembrade: ramificacións dispersas, sen pé central ben definido e fortemente laciniadas, xunto cunha coloración na base das ramificacións entre laranxa a rosa-púrpura.

Como curiosidade, comentarvos que recentes estudios moleculares centrados sobre a filoxenética (o estudo das relacións de proximidade evolutiva entre especies) sobre o xénero sparassis o situan  moi próximo a dous coñecidos poliporales como son Laetiporus sulphureus e Phaeolus schweinitzii, que morfoloxicamente pouco ou nada teñen que ver entre sí; curiosidades da evolución...
Ler máis...

Unha solución ós problemas de vivenda nas fragas

Hoxe imos co primeiro video fúnxico do ano. Desta vez, asistiremos á curiosa solución que un grupo de formigas dan ó problema da falta de vivenda nas fragas, solución que, por suposto, involucra a algún que oitro cogomelo. Botade un ollo ó video, que é un fragmento do documental "El reino del bosque", e logo comentamos...



Está claro que o que queda sen casa, e porque quere, aínda que a casa non vaia a durar moito. Neste caso os "ocupas" parece que atoparon nun exemplar de Mitrophora semilibera (ou Morchella semilibera, que é un sinónimo, aínda que no documental no se fai referencia á especie) o lugar ideal para resgardarse do frío e non sabemos se tamén para alimentarse, aínda que sería un desperdicio non botarlle o dente tendoo tan a man. ¿Vos imaxinades vivir dentro dun boletus edulis? Mamma mía!! Ventaxas que ten ser fomiga... Ler máis...

O vixilante da praia (non, non é David Hasselhoff)

Sinónimo: Lycoperdon mammosum, Tulostoma mammosum
 Tulostoma brumale Pers.
Ca chegada do frío non remata a presencia dos fungos nos nosos ecosistemas. Ó contrario, unha gran cantidade de especies esperan ás rebaixas de xaneiro para atopar o seu momento idóneo para frutificar. É o momento das pezizas e das helvellas (que ultimamente están que escachan) e, como xa adiantamos, dos cogomelos que gustan dos ecosistemas dunares, como o protagonista de hoxe, un curioso gasteral saprófito, Tulostoma brumale. De feito, brumale provén do latín e significa invernal.

Os tulostomas pertencen ó grupo dos gasterales. Lembremos que os gasterales son un grupo de cogomelos que no lugar de producir externamente as súas esporas (como os cogomelos con lamelas) o fan no interior dun receptáculo xeralmente de forma globosa que posúe algún orificio ou se abre na madurez liberando as mesmas. Os xeralmente chamados peidos de lobo son un exemplo deste tipo de cogomelos. Así que dalgunha maneira podemos dicir que Tulostoma brumale é un curioso peido de lobo que posúe un longo pé. ¿Situados? Ben.

Este cogomelo abunda moito nos ecosistemas costeiros da nosa comunidade, pero precisamente o seu hábitat misturado co pequeno tamaño fan deste cogomelo un individuo ben difícil de ver para a maioría de afecionados. Pero para iso estamos nós, para amosárvolo na vosa casa e animarvos a buscalo vos mesmos. ¿Botamos un ollo á descripción entón?

DESCRIPCIÓN

Corpo frutífero: 0,5-1,5 cm de ancho por 2-5 cm de alto. Cunha cabeza globosa algo esmagada polos polos e cun peristoma apical de forma tubiforme que se abre cando madura para deixar sair o esporal. O peridio é de cor crema sucia e máis tarde vólvese gris cinza, cunha mancha ocre apardazada que rodea o peristoma.

Pé: Liso, longo, cilíndrico, delgado, bulboso, moi enterrado e de consistencia fibrosa. De cor marrón clara. Na imaxe da dereita se aprecia millor a lonxitude do pé, que normalmente está medio soterrado polo manto de brións.

Gleba: Atópase encerrada dentro do peridio, liberándose ó madurar.


Zona dunar na praia de Espiñeirido
Hábitat: atópase en zonas areosas, prados de terreo calcáreo, e sobre todo en dunas marítimas. Cree en grupos de numerosos individuos. Ourtono tardío e principios de inverno. Pouco frecuente, pero moi abundante alí onde crece. Á esquerda podedes ver o aspecto do hábitat no que se desenvolve este cogomelo, nuhna vista dende o alto dunha das dunas preto da praia de Espiñeirido.


Medrando en grupos numerosos
Observacións: Pódese confundir con oitros membros do xénero, todos eles moi semellantes. A principal característica é o peristoma tubular (a zona que rodea o buratiño, o ostíolo, no peridio) manchado de cor parda ocrácea. Tulostoma fimbriatum  ten o peristoma fimbriado (os bordes do ostíolo son irregulares, como con flecos).

Bueno, aquí vos queda un cogomelo ben curioso, invernal coma o frío,  e amigo da praia, así que se tedes a sorte de poder regalarvos un paseo pola costa estes días, non deixedes de botar un ollo entre os brións porque alí, pasando desapercibidos entre a area e as cunchas, se encontran os vixilantes da praia.

Proximamente veremos máis amigos da praia, estade atentos. Ata entón, vémonos ó soliño entre as dunas e brións...
Ler máis...
Related Posts with Thumbnails